UN SUCEDIDO CURIOSO

Antonte, sentado no extremo da Alameda de Marín, acudiume á memoria algo acontecido anos atrás, e no mesmo intre, non sei ben o porqué, decido deixalo por escrito.

Nese tempo, moitas mañás de verán, durante as vacacións, acostumaba a percorrer a Alameda acompañando a Cecilia: paseabamos, tomabamos o fresco, repousabamos nun banco con respaldo, contemplabamos o ir e vir das persoas, escoitabamos o murmurio da fonte ou os ledos cantos de pola mañá dalgún paxaro, pasabamos revista ás flores e ao céspede recentemente cortado e regado... Todo iso mesturado co balbordo procedente do ir e vir de automóbiles na contorna da Praza de España, ateigada a esas horas. Pois ben, como digo, fará xa diso dous lustros, camiñando polo mes de Santiago, preto xa do día do Carme, estando entretido fitando á Praza que lucía espléndida co seu farol, -de catro brazos metálicos-, elevado sobre unha magnífica peaña de pedra, deseño de Manuel Torres, esculpida no obradoiro do mestre Cambadés, Francisco Asorei, que serve de centro a unha ben coidada rotonda atestada de flores de cálidos e diversos coloridos, cando, mudo a ollada, que agora guío cara o paseo, e, observo nunha papeleira próxima un xornal. Chamou a miña atención o ben dobrado que se me amosaba e achegueime con curiosidade: Era o Faro de Vigo do día en curso, collino con certo receo e leveino comigo, máis por curiosidade que pola avaricia de non ter que mercalo, que é o que acostumo a facer todos os días dende hai moitos anos. Volvín ao banco, algo inquedo, e seguín primeiro a enxergar e logo a ollar polo miúdo a Praza e entretívenme outro anaco en percorrer coa mirada a monumental e pétrea porta principal da Escola Naval, escoltada por dúas garitas, tamén de pedra, mais sen sentinela.

Volvendo ao conto, no paseo do día seguinte, máis ou menos á mesma hora e no mesmo lugar, coa anécdota do día anterior aínda fresca, reparei nun home que, sentado nun banco á sombra, lía un xornal; estiven fitándoo longamente, aínda que con disimulo: que era pequeno, ben se vía, levaba traxe e gravata, pantalóns suxeitos con tirantes, un cara redonda de naríz aguzado e cellas recargadas, ben afeitado, zapato baixo de sola, sesaxenario e retirado polas trazas... Alí estaba, co Decano na man, e, tan atento á lectura que case non pestanexaba.

Pensei, senteime, agardei... mais por curiosidade que por outra causa... forasteiro semellaba... quizais viñera aos baños. Media hora máis tarde, ergueuse, colocou o sombreiro de feltro sobre a cabeza de poboada cabeleira branca, avanzou cara a mesma papeleira onde deixara o xornal o día anterior e alí depositouno con esmero e coidado, por derriba.

Eu agardei a que desaparecera, a carón do bonito palco da música, e con repousado andar se perdera Rúa Real arriba. De contado fíxenme co xornal que, naturalmente, volvía a ser o do día.

Lembro, que coa variante de pequenos detalles que non son merecentes de ser contados, a escena representouse tres ou catro días máis, ata que así como chegara sen barullo, desaparecera sen murmurio. Non volvín ver ao solitario transeúnte. Algunhas veces lémbrome do feito, nada extraordinario mais, cando menos, singular.

Antes, nos anos da miña infancia, os xornais unha vez lidos, cumprían outras funcións, a saber: envolver algún paquete, protexer o peito do ar frío, -sobre todo cando no inverno conducías moto-, asar un chourizo se te atopabas no campo, botalos sobre o piso da vivenda unha vez que este se fregaba, acender con el o lume da lareira, recubrir os ovos ou outros febles materiais cando ían ser transportados etc. O tipo do conto non tiña estas demandas ou quizais pensaba que era bo colaborar dese xeito no fomento da lectura... Quedeime sempre coa dúbida.

rafadcg@r.gal

5/06/2017