O CARRO

Cariño forte e exitoso

meu carriño,

arrolador e mimoso

coma o berce dun meniño!

                                                                                                      Ramón Cabanillas.

Alí pendurado, na fachada da casa do forno para servir de afeite, tropezaron contigo os meus ollos, este primeiro de santos, á volta do cemiterio cando visito a casa natal acompañado de Cecilia e de Carmen. -Xugo de cangalla-, como repousas: canso, retirado, vello, enxebre... mais tamén: altivo, garboso e cumpridor, seguro das cousas ben feitas, coñecedor de moitos camiños e afeito a rousar, temón do carro... Durante a miña nenez enchíame de fachenda, aínda que non o manifestara, o feito de que o noso xugo fora distinto do de outros veciños. Medrei, aprendín os tipos de xugos e a súa distribución por Galicia, e debo confesar que a túa engaiolante forza diferencial que posuías con respecto dos outros foise esvaendo; coñecín tamén, que ata Carballedo de Cotobade abarcaba a zona do xugo de cancil e que, con seguridade, o xugo de cangalla, fora introducido por meu pai, que era natural de Santa María de Bemil (Caldas de Reis). Indicarei aquí, que tras a Guerra Civil (1936 - 1939), chegou meu pai, José, destinado a Cotobade como Garda Forestal do Estado, intre no que coñeceu a miña nai, Olga, casando, e pasando a vivir na casa da Costa, barrio da Asperiña, construída polos avos maternos, onde eu nacín e onde segue a lucir, mentres o tempo o permita, o derradeiro xugo de cangalla.

O xugo lévame con celeridade ao carro, compañeiro de toda actividade neses anos da miña infancia e adolescencia, e sen o que non se podería entender unha casa de labranza. Carro e xugada eran o noso pan de cada día, alternando diferentes funcións ao longo do ano, mais sempre con actividade. Carrexando para a casa: o millo, o centeo, as patacas, a herba seca (para alimento do gando nos días de invernía), a leña que nos quentará no inverno e cociñará os alimentos, toxo, xesta, fento para estrume das cortes facéndollas máis habitables ao gando ademais de producir esterco co que fertilizar as leiras, pedra para algunha obra... e levando ás veigas: argueiro, os apeiros para labrar, cachar, sachar, sementar etc. Logo os vehículos a motor fóronte acantoando nas grandes explotacións, xa hai anos, resistiches algo máis no minifundio, ata que tamén fuches engulido por novas formas de produción, e a túa presenza fíxose inviable coas novas formas globalizadas. A entrada de España na Unión Europea supuxo a desaparición fulgurante das vacas nas casas campesiñas, facendo infactible o seu mantemento con tan pequena cota láctea, e perderse ao mesmo tempo con elas a forza motora da que te valías.

Isto supuxo, tamén, un descenso da poboación, que perdeu a súa razón de permanencia, non dependendo da terra e forzada obrigatoriamente a unha reciclaxe total das súas tradicionais ocupacións. A Concentración Parcelaria, chegou tarde e non remediou, en absoluto, a decadencia do campo e da gandería. Esta gandería limitada, hoxe, a un mínimo de familias, cun sistema extensivo, aproveitando soamente a carne (as vacas actuais descoñécente, carro amigo) e isto, grazas a que a maioría dos veciños ceden, de balde, as súas parcelas antes de velas tomadas pola maleza.

Aínda boto de menos o teu asubiar polos camiños, debido ao roce do eixe coas dentoiras, cando non estabas ben ensebado. Amigo, contigo esmorecen termos que formaban parte do vocabulario neses anos, palabras prohibidas na escola, pero vocábulos fundamentais usados na familia: ladrais, temoeiro, chedeiro, cabezalla, chavella, estadullos... que seguen nos museos e nos libros e que desapareceron do vocabulario dos nosos cativos e non tan cativos. Os tempos que mudan, e engulen en pouquísimo tempo, algo que dende a invención da roda foi fundamental para moitas familias no Planeta. O meu recoñecemento, compañeiro de tantas xeiras, neses primeiros anos da miña existencia vital.

1/11/2016

rafadcg@r.gal