CABO HOME

            Onte, víspera de San Lorenzo, fixen na compañía da miña dona, Carmen, da miña irmá, Pili, do seu marido Toño e da súa filla Elena, unha pequena excursión a un dos lugares máis pintorescos e espectaculares de Galicia: a península de Cabo Home.

Dende a belida enseada de Aldán, coa que nos agasalla a Ría de Marín, ascendemos pola parroquia de Hío -Concello de Cangas de Morrazo- para con celeridade ollar a Ría de Vigo e marchar, durante uns poucos quilómetros, sempre en paralelo á costa, ata o último lugar (Donón), deixando á nosa esquerda primeiro a praia de Nerga, logo a de Viñó e finalmente, a nudista de Barra, todas encadeadas e dunha fina e branca area.

Acadadas as últimas vivendas e virando á esquerda, unha estrada sen asfaltar, mais cunha ben delimitada senda peonil, permite chegar co automóbil, a un aparcadoiro, xa moi preto da última lingua de terra que se interna no mar. Pouco que referir neste traxecto, a non ser o abaneo do auto, a poeira da estrada, a mecha vexetación de toxos, as silveiras ateigadas de amoras, os piñeiros e sobre todo espertou o meu interés a gran plantación de castiñeiros, nestas datas cargados de candeas e ourizos, mais, moitos deles abafados molas matogueiras.

Nada máis deixar o Audi, dirixímonos ao Faro de Punta Subrido: branco, esvelto, riscado por algúns afeccionados á escritura e onde aproveitamos para facer unhas fotos. Axiña fitamos de fronte, achegándonos á outra orela do mar coa ollada para percorrer primeiro: a cidade de Vigo, co monte do Castro, logo a illa de Toroalla, Panxón e Monte Ferro... Comentamos sobre a intensa actividade de embarcacións na Ría a esa hora: barcos de pesca en plena tarefa, cargueiros saíndo ou camiño do peirao, embarcacións a vela, iates ancorados, barcos de transporte de viaxeiros camiño das Illas Cíes, verdadeiros baluartes protexendo a Ría dos temporais Atlánticos.

Decontado, baixamos por un carreiro moi usado, mais no que sufrimos algunhas picadelas de toxo ou silva, iso si, sempre á sombra de piñeiros cargados de piñas e cun chan estrado de frouma; sendeiro que nos achegou á praia de Melide, de fina area, mar aberto, bandeira azul, ollando ás Cíes e que conforma, xunto coas dunas de Barra e a Costa da Soavela este espazo natural protexido. Unha vez na praia, Carmen optou por un baño, Toño apostou pola sombra da tasca e os outros tres atravesamos o areeiro e visitamos: primeiro o faro de Punta Abeleira, -vermello, de moita menor altura que o anterior, o máis próximo a Cíes-, alí, na pendente ao mar, chantada nunha rocha, unha cruz, cun nome que non lembro, deixa constancia dun falecemento, quizais algún arriscado traballador do percebe, no devalo da marea, ou pescador, a saber? De seguido camiñamos ata o terceiro dos faros, Cabo Home, tamén branco, alto e lanzal; dende aquí, entre voos de gaivotas e murmurios doutros visitantes, contemplamos, mirando ao norte, a Costa da Vela, As illas Ons e Onceta, protexendo a entrada á Ría de Marín, e incluso, adiviñamos ao lonxe, O Alto da Curota gardando a Ría de Arousa pola banda máis septentrional.

Logo, de regreso, recoller as unidades dispersas, e desandar o camiño ata o resturante "Cabo Home", onde nun ateigado comedor demos conta dun bo xantar, entre comentos da primeira parte da xornada.

Pola tarde, unha vez repostas forzas e despois dunhas fotos no corno, que mira ao Océano, iniciamos a ascensión a pé ao monte do Facho; primeiro seguimos a estrada que nos puxo no comezo do empedrado camiño, en forte pendente, que de maneira pousada fomos engulindo, abeirado de: toxos, muros de cantería, xestas, silveiras, loureiros, pequenos carballos cargados de landras, fentos e outros arbustos. Maís adiante tivemos que abandonar o camiño e seguimos, á esquerda, un carreiro moi inclinado e pedregoso, dende o que fomos prestando atención ás escavadas vivendas dun poboado, que parece que tivo actividade dende o Século X a. C. e do que xurdiu un castro galaico fortificado dende o século VI a. de C. Posteriormente do Século II ao IV d. C sería un santuario, no que se veneraba ao deus Berobreo. Así nas escavación apareceron unha gran abundancia de aras (altares) que tiñan a misión de ofrenda a este deus.

Xa no cume, chama a nosa atención a impresionante vista que nos amoasa toda a costa de Pontevedra, panorámica verdadeiramente fascinante que por uns intres nos engaiola, pasma e marabilla. No seu curuto, unha construcción circular, cun abovedado teito, todo de pedra, moi ben conservada, do século XVIII, correspóndese cun posto de vixilancia militar e, que tamén fixo, no seu día, de faro, hoxe alberga as ferramentas das escavacións.

En fin, unha apaixonante xornada, nun día, máis que de verán, primaveral, cunha óptima visibilidade; iso si, para os maiores do grupo un pouco cansa, sobre todo a subida ao monte do Facho.

Xa de volta, e para cerrar tan ledo e impresionante día, unha breve parada na igrexa de San Andrés de Hío, cuxo adro acolle, quizais o máis traballado e belo cruceiro de Galicia, obra do Cotobadés, mestre Cerviño.

10/08/2017

rafadcg@r.gal