-ASOREY-
Francisco Hipólito Asorey González, un dos grandes renovadores da escultura galega na primeira metade do século XX, vén de ser nomeado o persoeiro a quen, a Real Academia de Belas Artes de Galicia, homenaxeará en 2024.
Naceu en Fefiñáns (Cambados) en 1889 e morreu en Santiao de Compostela en 1961 a causa de silicose, repousando os seus restos no Panteón de Galegos Ilustres sito no Mosteiro de Santo Domingo de Bonaval en Compostela. Ocupa, polo tanto, coa súa grande e extraordinaria personalidade a escultura deste medio século, rompendo cos estereotipos costumistas, aos que renovou afastádoos dos modelos do século anterior. Foi chamado o "Escultor da Raza".
Traballou no País Vasco, máis tarde en Madrid, onde foi amigo do pintor Julio Romero de Torres con quen compartiu pensión e taller nos seus anos de estadía na capital. Foi nomeado "escultor anatómico" da Facultade de Medicina de Santiago, lémbranolo unha lápida na propia Facultade, e con tal motivo fixou a súa residencia en Compostela.
Moitas son as obras que creou, tanto en madeira como en pedra, repartidas por España e o extranxeiro, limitareime a nomear algunhas polo seu renome e outras pola proximidade ao lugar en que resido:
Entre as primeiras, "A Santa", mercada en 1951 pola Casa de Galicia de Montevideo; nela represéntase a unha muller labrega, espida cun xugo de cangalla as costas e que serve como alegoría do traballo no País. "San Francisco" en madeira policromada, propiedade do Museo de Arte Contemporánea Raíña Sofía e que se pode visitar no Museo Provincial de Lugo. Monumentos: A San Francisco en Santiago, a Currros Enríquez na Coruña, ao aviador Loriga e a Aller Ulloa en Lalín ou ao P. Feijoo nun dos claustros do mosteiro de Samos...
Entre as obras, de Asorey, máis próximas ao meu domicilio, en Marín: catro, na Escola Naval Militar e dúas na cidade do Lérez. No referente ás do Centro castrense, sábese que foron adquiridas pola Armada Española para a inauguración da Escola Naval de Marín en 1943; están expostas de forma permanente: Unha Virxe do Carme (moi realista), unha gran estatua de Álvaro de Bazán que aparece sentado enriba do océano e dous bustos: Un de Isaac Peral (inventor do primeiro submarino) e outro de Xosé Lois Díez, un teniente de navío que participou na Guerra de Cuba.
Nas dúas de Pontevedra: Un busto lembra ao violinista Manuel Quiroga, natural desta Vila, ubicado nas inmediacións do edificio que foi cuartel de San Fernando e a día de hoxe Facultade de Belas Artes e outra nos xardíns do Hospital Provincial en memoria do indiano, oriundo de Covelo, Manuel Barreiro Cabanelas que financiou dúas salas do mentado Hospital.
Sirva esta pequena reseña como punto de inicio para seguir coñecendo máis polo miúdo a vida e obra deste insigne artista galego ao longo do próximo ano 2024. Ano no que, a Real Academia Galega de Bellas Artes, lle dedica o primeiro de abril, DÍa das Artes Galegas, á súa figura.
7/Xullo/2023
rafadcg@r.gal