O EMIGRANTE

En Carballedo, na miña parroquia natal, non se perdeu o costume de acompañar aos defuntos, logo dos funerais na parroquial de San Miguel, a pé seguindo ao coche funebre, ata o cemiterio que dista aproximadamente un quilómetro.

Son os primeiros días de outubro, asisto a un enterro e de regreso, ata os arredores da Igrexa para recoller o automóbil, fito, por un intre, o edificio do Emigrante; de súpeto, viaxo no tempo á miña nenez e mocidade e asáltanme un cúmulo de lembranzas desa etapa vital. Son, acaso, os tempos nos que gozou dunha maior puxanza, dunha maior vitalidade, son os seus anos dourados, nos que ao meu entender, e malia ás súas carencias, cumpriu un importante labor dinamizador, social e cultural, aglutinando á veciñanza e dando acubillo a case a totalidade das actividades que na parroquia tiñan lugar.

Entendo que a súa construción foi iniciativa da Igrexa, en colaboración cos veciños e con importantes achegas de Emigrantes en América (de aí o nome), a onde viaxou o Cura Lamas Pallas, do que non gardo acordanza, a pesar de ser o crego que me bautizou, para explicar o proxecto e recadar os donativos. Non lembro, tampouco, a súa inauguración, en todo caso xa estaba funcionando nos primeiros anos da decada dos cincuenta.

Este edificio, de dúas plantas, albergaba no baixo: Unha escola parroquial de nenos, á que asistín dende os catro anos (1955) ata 1961, data na que comecei, logo dun exame de ingreso, o bacharelato no Instituto Masculino de Pontevedra. Tamén funcionaba unha tenda-cantina pola que, tamén, se accedía á primeira planta. Anos máis tarde funcionou, nun terceiro local habilitado no baixo, un comedor escolar.

A primeira planta, toda corrida, funcionaba coma un salón de usos múltiples: teatro, cine, sala de televisión -nos primeiros anos da chegada deste aparello-, local de xuntanzas, cursos de costura, ensaios de cantos de reis... Dispondo amais, os sábados e días festivos, de diferentes xogos: xadrez, damas, oca, parchís, billar... Ao mesmo tempo podía transformarse en vestiario para os partidos que no campo de fútbol, anexo, celebraba o Club Deportivo Cañón de Pau.

Non obstante, no último cuarto do século XX, unha revolucionaria mudanza: política, social, cultural, económica, demográfica... iniciou a súa paulatina decadencia, deixando de cumprir as diversas formas dinamizadoras, que ao meu entender, achegou neses anos centrais do século XX.

Na actualidade, e logo de litixios coa Igrexa que tentou vendelo, tratan os Comuneiros, en colaboración co Concello, de concluír as pertinentes reparacións... Eu óllote con tristura... Oxalá teñas sorte!, e a decadencia na que te vexo, poida quedar atrás e recobres outro periodo de esplendor; mais Eu, non son optimista, os momentos son outros, a poboación moi minguada e cuns anhelos e demandas moi afastadas das que te tiveron nun primeiro plano. Fálolle: agardo o mellor para ti, entrañable inmoble, que me viches medrar, aprender as primeiras letras, desenvolver a personalidade, xogar, ir espertando a un mundo non exento de dificultades, máis tamén apaixonante, dar as primeiras clases da miña vida de docente, tamén ledicias e sufrimentos, risas e bágoas... En fin, formas parte de min e devezo por verte rexurdir. Isto soamente será posible, na medida en que atinen coa función que debas desempeñar de aquí en diante, que poidas ofertar algo ás novas xeracións e estas te valoren, para que a parroquia siga o seu desenvolvemento do mellor maneira posible.

Achégome ao coche, acósanme recordos da escola, dos xogos, dos traballos, do gando, de xentes, de coñecidos e amigos que xa non están. Son tempos pasados... Que distinto era todo!...

Parto, con présa, sen motivo para tela, máis con celeridade... Son os tempos da velocidade, os de facer moitas cousas, unha vida na que non hai tempo para nada, nin cando se está retirado... Onde van aquelas longas noites de inverno ao pé da lareira, moitas veces sen luz eléctrica, cun farol ou unha candea, escoitando a conversa dos maiores... E soñando, soñando, soñando... Aqueles enormes veráns, de vacacións, despois de rematado o curso, axudando na leira, co gando e divertíndose. Hoxe todo se voltou curto, non temos tempo para nada, Ou..., hai demasiadas cousas que nos distraen? Talvez.

4/10/2016

rafadcg@r.gal