MUXÍA II

Rematada a sobremesa, Eu suxerín visitar o monumento a López Abente, como antes dixen, a escasos metros do Restaurante e na rúa do mesmo nome: Unha nai cun meniño no colo coroa a pedra, sobre a que unha placa de bronce nos amosa a figura en busto do persoeiro debaixo da cal puidemos ler: "Gonzalo López Abente 1878-1963, poeta de Muxía" e a quen se adicaron as Letras Galegas en 1971. Mentres nos retratamos co monumento, por turnos, evoquei con rapidez o último libriño de prosa que del lin: O NOVO XUÍZ, editado por Galaxia, precisamente nese 17 de maio de 1971.

Seguidamente, ao Santuario da Virxe da Barca, remodelado no seu teito de pedra e no seu interior, logo do incendio. Aquí cada quen, ou en grupo, cacheou os arredores e o templo; Eu tamén o fixen, mais sentado, nun penedo cerca da pedra dos cadrís, observando a brancura da escuma que o avolto e bravo mar me ofrecía, abrollaron no meu pensamento cunha celeridade fotográfica algunas lembranzas de feitos que fun coñecendo ao longo do meus anos de contacto coa Literatura Galega: Primeiro, lembrei a homenaxe que, os vecinos en colaboración coa Fundación López Abente, brindaron a Rosalía de Castro no 150 amniversario de Cantares Gallegos, como agradecemento por ter incluído no seu libro os versos da Nosa Señora da Barca. Poema que glosa a cantiga:

Nosa Señor da Barca

ten o tellado de pedra;

ben o puidera ter de ouro

miña Virxe se quixera.

Publicado, primeiro no Album da Caridade e logo incorporado a Cantares Gallegos en 1863.

Despois, unín este poema, -homenaxe de Rosalía a esta Romería, á que asistiu aos dezaseis anos, en 1853, na compaña de Eduarda, que era irmá de Eduardo Pondal, e de triste lembranza para ela, pois as dúas enfermaron de tifus, cun fatal desenlace para Eduarda, obrigando a Rosalía a permanecer un tempo en Muxía-, coa novela "La Hija del Mar", que ten por escenario Muxía.

Logo destas fulgurantes lembranzas, achegámonos ao promontorio próximo, onde se ubicou o monumento "A Ferida sangante" recordando o desastre do Prestige, un visitante que pasaba, retratou a todo o Grupo co monumento descrito, o Santuario detrás, o faro de Muxía, pequeñas embarcacións regresando ao peirao e ao fondo entre a bruma o cabo Vilano co seu maxestoso faro emerxendo para guía das embarcacións.

A próxima parada tivo lugar na Praza do Coído, cuxa Praia se convertiu en zona cero da catrastrofe e onde se homenaxea aos voluntarios, verdadeira marea branca que Galicia non esquece: "Nunca Máis". Aquí lembramos aqueles días negros para a costa Galega, as promesas políticas, como a do Parador de Muxía, agora aínda en obras, dezaseis anos máis tarde, e aínda falta para a súa inauguración.

Regresamos por Salgueiros de Dumbría, alí preto da igrexa parroquial de San Mamede, lugar de nacemento do noso amigo, Xosé Manuel Bermúdez Outes, visitamos, na que foi a súa casa natal, unha explotación gandeira, rexentada por un sobriño seu. Saudamos ás súas irmás e iniciamos a viaxe de volta. Fermoso día.

Xornada moi intensa e pracenteira, na compaña das nosas mellores e máis íntimas amizades... e da que quero deixar reseña con estas notas.

Pásame polo caletre a idea de organizar cando menos una desta saídas gastro-culturais ao ano, veremos o que opina o Senado.

rafadcg@r.gal

15/11/2018