"NÓS"


PRIMEIRAS VERBAS

Así principia:

Para ledicia de todos e para ensino de moitos, sae hoxe Nós.

Así rematan as primeiras verbas:

A todos os que nos lean SAÚDE E TERRA

En tal día coma hoxe, vai alá unha centuria, saía do prelo o número 1 da Revista "NÓS": Boletín mensual da Cultura Galega. Órgano da Sociedade Galega de Publicacións. Da importancia e transcendencia que para o devir da Lingua e da Cultura Galega e do que significou para Galicia, están deixando constancia as diferentes voces que a través dos Medios de comunicación se fan eco de tal acontecemento. De maneira que, quero eu sumarme a estas lembranzas e manifestar o recoñecemento, da importancia, que para o eido cultural de Galicia supuxeron estas publicacións.

Nace, a Revista Nós, baixo a dirección de Vicente Risco, con profundas raíces nacionalistas, en Ourense; dende esa cidade daranse a coñecer os quince primeiros números. Castelao ocuparíase da parte artística.

A Revista que acadou, con algunhas interrupcións na súa publicación, os 144 números, está ou vai estar á nosa disposición no portal web Galiciana ou tamén convertida en libro electrónico. Alí, entre outros moitos colaboradores, os que deron nome a esa xeración: Ramón Otero Pedraio, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Vicente Martínez Risco, Florentino López Cuevillas e Antón Losada Diéguez deixaron os seus escritos ou os debuxos.

Con motivo desta conmemoración son moitos os medios que están sacando programas especiais e autores que están colaborando. Citaremos algúns, como exemplo, ante a imposibilidade de recoller todos, así:

A TVG, na súa 2ª Canle, vai ofrecer ao longo da semana unha programación especial da efeméride:

-Estrea do documental "100 ANOS DE NÓS" que fará un percorrido por esta publicación que tratou de normalizar o uso do galego en toda a vida social.

-A película "Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros", adaptada do orixinal de Vicente Risco.

-O programa un mundo de historias emitirá: "O retrato" de Castelao.

-Un país en 360 graos achegará a catro galeguistas que en 1920 fixeron o Camiño, Ourense-Santiago -Risco, Otero, Antón Sánchez e Pardo Bedia-, Camiño de Nós.

-O documental, NÓS, SEMENTE DE FUTURO, que versa sobre os persoeiros desta xeración e que contará coas testemuñas do Presidente da RAG: Fernández Freixanes, a Presidenta do Consello da Cultura Galega: Rosario Álvarez, o Presidente da Fundación Otero Pedraio: Juan Luís Saco, o Director do Museo arqueolóxico de San Cibrán da Lás e o Presidente da Fundación Vicente Risco.

Por outra banda , o Concello de Ourense e as fundacións: Losada, Castelao, Otero e Risco, celébrano reivindicando o legado de Cuevillas.

-O nº 44 da revista "Raigame" editada pola Deputación de Ourense, fai unha homenaxe a esta xeración no seu centenario.

-O Museo Centro Gaiás en Compostela, recolle baixo o epígrafe "EXPOSICIÓN GALICIA DE NÓS A NÓS" a traxectoria deste movemento cultural con 300 pezas cedidas por máis de 60 Institución Públicas e privadas, contando con obras de Francia, Portugal e Alemaña. Todos os números da Revista están reunidos nesta mostra.

-O Museo de Pontevedra, celebrará unha "Mesa redonda"para poñer en valor a importancia da Revista como embaixadora da cultura galega, en galego, no Mundo.

-A Deputación de Ourense presentará a obra: "A ilustración na Revista Nós", destacando o alto valor gráfico e documental da obra.

-Varias editoriais ou artigos de colaboradores en xornais e revistas, ocupan estes días a celebración. Acabo de ler: Centenario de Nós/ Sen tradición non hai cultura de Alfredo Conde e pareceume moi orixinal .

De seguro que seguiran, nestes días, a saír escritos, programas, actos, iniciativas, etc., que non deixaran de poñer en valor esta REVISTA e ás persoas que a impulsaron e protagonizaron, así como o que significou para a identidade de Galicia e que segue a servirnos de base para poñer en valor "O NOSO".

Grazas á revista Nós e aos membros desta xeración que tanto aportaron a esta Galicia dos meus amores. E Nosoutros, pese aos inconvenientes da Pandemia, sigamos a celebrar estes cen anos e seguindo a Cunqueiro pidamos: Mil primaveras máis para o Noso Galego.

rafadcg@r.gal

30/10/2020