TAN PRETO, TAN LONXE (2)

Ao longo da andaina polas illas, de algo máis de dúas horas, a moza, foinos ilustrando coas diversas funcións que ao longo da historia foi prestando este enclave: San Simón e San Antón unidos por unha ponte de pedra.

Apuntounos que as construcións que atoparemos no percorrido, datan do século XIX e XX, cando se lle deu o uso de Lazareto marítimo. Persoas procedentes doutras terras permanecían aquí, illadas, como medida preventiva de contaxio de enfermidades, ata a súa curación ou a morte. Os avances en medicina, fixeron que pouco a pouco quedasen en desuso, cesando nesta función definitivamente en 1927. Agora ben, con anterioridade, en tempos máis remotos, xa existía un mosteiro.

Logo de comezar a Guerra Civil española (1936), o goberno franquista, transformou este lugar en cárcere de presos políticos, escribindo aquí un dos capítulos máis tristes e horrorosos da súa historia, polas penalidades e precarias condicións que miles de persoas aquí encerradas e sometidas a todo tipo de vexacións: torturas, fame, humillacións, aldraxes, fusilamentos, etc. sufriron, acadando moitos deles a morte. Cumpriu con esta encomenda ata 1943. Neste apartado, xa macabro de por si, fomos ilustrados por unha Señora, que acompañada dalgúns familiares, facía a visita no noso grupo e que nos relatou como ela, con catro ou cinco anos, foi coa súa nai e cunha irmá, algo maior, a visitar a seu pai alí prisioneiro. Escoitei, dos seus beizos, unha frase que, tal día, pronunciou seu pai, dirixíndose á súa dona: "As rapazas non as volvas a traer aquí", que resoou coma un martillazo no silencio que o grupo fixera ante tal declaración. A historia do pai, en todo caso, tivo un final feliz, pois seica, por mediación dunha señora da Estrada, (Concello onde moraban), moi importante ou influente..., seu pai, logo de catro meses, foi liberado. Tampouco puiden deixar de lembrar a novela: "Todo canto fomos" de Xosé Monteagudo, un alumno meu da E.X.B., naqueles anos do San Narciso, na que un dos persoeiros pasa polos suplicios desta cadea.

Ao longo da visita fomos percorrendo outras dependencias: O cemiterio, que só o era de mandos. Pois durante os tempos de Lazareto os cadáveres eran queimados e nesta dramática etapa de cárcere, guindados a unha fosa común. Tamén visitamos o edificio que acolle o Museo de interpretación, con abundantes referencias e fotografías sobre o seu pasado. Contounos que a partir de 1955, funcionou como Fogar, Méndez Núñez, para nenos orfos, de mariñeiros, e familias pobres, ata que en 1963 queda abandonado este espazo, sufrindo un gran deterioro. Durante uns anos, e cando Franco pasaba o veraneo no pazo de Meirás, acolleu a algúns traballadores do Pazo do Pardo de vacacións; nunha destas estancias produciuse un luctuoso suceso ao afundirse unha lancha na que, camiño de Cesantes, se dirixían uns destes mozos para xogar un partido de fútbol; un cruceiro erguido nunhas rochas próximas lembra tal feito.

En 1997, a Xunta de Galicia inicia un proceso de recuperación e posta en valor da súa historia, permitindo visitas guiadas ou cumprindo servizos ao longo do ano de tipo social ou cultural: Restauración de edificios, enriquecemento de xardíns con esculturas de artistas contemporáneos, plantación de novas árbores...

Non podo deixar sen reseñar a impresión que me causou, a pesar do bo día climatolóxico, o bruído do vento ao abalear as pólas dos enormes eucaliptos, e, un dos comentarios da amable Guía: Soamente viviu aquí un esquío, un curto espazo de tempo, e dous cans aos que, ao parecer, lles deron morte. Non vin rastro de paxaros, nin sequera de gaivotas, tan abundantes nas bateas fondeadas preto nin nos arredores. Segundo nos informou débese ás malas auras do lugar. A Guía fixo este comento cara o final da visita. Eu non creo nin deixo, mais non albisquei rastro de plumas...

Fixemos a viaxe de regreso pola banda das bateas, e foron explicando a súa estructura e funcionamento... Atracamos de novo no Museo de Meirande (relativo á batalla de Rande) despois dunha intensa (fermosa, leda e triste) tarde, nun lugar tan preto, mais que estivo, durante tantos anos tan lonxe para min.

12/08/2017

rafadcg@r.gal