XARDÍN CON ENCANTO
Foi sentarme, nun dos tres bancos que o lugar ofrece, cando un merlo, -que era macho ben se vía-, plumaxe de cor negro intenso e peteiro amarelo, require a miña atención cos seus trilos, dende unha fermosa camelia, sen flor, neste comezo do outono. Atópase certamente moi preto de min, ousado, manso e dicidor... Sen dúbida ave urbana. Con quen falará?... acaso comigo?... Fiteino durante un tempo, e semellaba desafiarme co seu ollar e envolverme co seu canto. Declaro que foi un intre moi especial, cheo de ledicia, e que perdurou no tempo máis do que eu agardaba, transportándome ao engado que poden ter as pequenas cousas.
Pequeno é tamén o recuncho no que me atopo, o cal, a pesar de estar entre dúas rúas que aportan moita contaminación acústica, ten algo que, nos días mainos, nos días en que non está de travesía, fai que o visite coa miña dona, Carmen, e coa miña filla, Cecilia, sentindo en cada estancia que algo me comunica.
Dúas lembranzas históricas atópanse aquí presentes:
Por un lado, no centro xeométrico deste cadrado xardín, preside unha pedra de armas, recuperada da casa do antigo priorado, cunha lenda no reverso que reza (traducido do castelán): "Escudo de armas que pertenceu ao Priorado que nesta Vila tivo o Mosteiro de Oseira (Ourense), cuxo abade foi señor de Marín dende 1151 ata 1835". Único vestixio conservado.
Por outra banda, sito nun dos ángulos que dan á avenida de Ourense, unha pequena árbore, non moi ben tratada polos segadores de céspede, que nela deixaron as cicatrices producidas polas máquinas, mais, que se resiste a morrer para seguir dando fe do paso da Universidade de Passau por Marín. Este é un galano, desta Universidade teutona, polos anos que esta Vila acolleu os cursos de verán, para moitos estudantes alemáns, que dirixidos polo profesor Teixeira, acudían puntuais á cita de cada estío e puñan a súa entrañable e desaparecida estampa nos nosos ollos.
Agora ben, este fermoso recuncho converteuse, dun tempo a esta parte, en WC de cans; vaia por adiantado a miña simpatía de cazador polos cánidos, mais, a alta densidade por metro cadrado que ten que soportar, invalídao para o uso normal de cidadáns e moito menos de cativos desexosos de pisar o céspede na procura dalgún saltón, grilo ou bolboreta de paso.
De aí, que as bonitas, pero mal coidadas árbores e plantas, o rechouchío dos pardais, nas primeiras horas da mañá ou nos seráns cando buscan alí o seu repouso nocturno, non sexan capaces de loitar con esta moda de cans urbanos que o teñen tomado.
Son os tempos da eterna crise, dos cans con traxe, do paro, dos patinetes, do terraceo, das políticas correctas, das redes sociais, dos inseparables teléfonos móbiles, da super información... Son os primeiros anos do século XXI, son tempos confusos... Agardemos que o merlo non esqueza o tiroliro. Amén.
29/09/2016
rafadcg@r.gal