O PARQUE AZUL

            Calma, serena e apracible tarde, que convida ao paseo, malia a transitar polo día de San Estevo, moi preto xa dos Santos Inocentes, aínda que isto de inocentada ten pouco, e a realidade climática é a que é, neste mes de Nadal de 2016. Gozo da bonanza da tarde no Parque Azul de Marín, radicado nas entrañas do porto pesqueiro. Accedo a el dende o paseo da Avenida de Ourense, neste intre, a través dun paso subterráneo para peóns, xa que, tempo atrás, cando foi inaugurado, facíase salvando unha ponte, tamén peonil, en forma de esqueleto de peixe, que logo de sufrir distintos desastres, provocados por agresións do tráfico rodado do peirao que fluía por debaixo dela, foi substituída polo amentado paso; unhas escaleiras e unha rampla déixannos na súa boca, onde os graffiti decoran varios muros, obras da man de artistas locais.

Xa dentro, á esquerda un recinto para facer malabarismos con bicis e patinetes entretén a un fato de cativos e non tan cativos, que todos con gorra de viseira cara atrás, brincan, choutan ou pinchan sobre os obstáculos que se lle presentan, dando reviravoltas unha e outra vez, intentando perfeccionar en sucesivas repeticións os seus ensaios, que non están exentos dalgunha que outra caída. Seguindo esa sinistra marxe, o Parque esta cerrado polo, moderno e descomunal, edificio da Autoridade Portuaria Marín-Pontevedra, que semella estar custodiado polo buque máis antigo do Instituto Nacional de Oceanografía o "Cornide de Saavedra" que dende o pasado verán, e logo de corenta e cinco anos de vida activa, repousa atracado ao seu carón.

Pola fronte, aberto ao mar, permítenos albiscar ao lonxe o molle comercial, ou parte del, onde sobresaen, sobre todo o demais, os enormes guindastres, as moreas de contedores, as grandes naves industriais; máis preto de min, a franxa de auga que permite a entrada dos pesqueiros ata a mesma lonxa, sempre acompañados de bandadas de gaivotas que unha e outra vez os sobrevoan no medio dunha gran algarabía. O muro do peirao alberga hoxe un gran número de pacientes pescadores de cana, que unha e outra vez proban fortuna cos seus lances na procura dalgunha picada. Hoxe semella que o destino dos seus cebos sexa a xarda, pois algunhas de bo tamaño xa repousan no seco.

Na banda esquerda, un peirao de pequenas embarcacións de pesca, totalmente protexido de posibles ondas e un edificio cun baixo para locais, soamente cun aberto, o da Asociación de Pesca Deportiva "Tenlo", e cunha azotea na que funciona un campo de baloncesto, ocupado neste momento por algúns usuarios, enredados no lanzamento de tiros libres á canastra.

Entrando á dereita, un lugar de ocio para os mais pequenos, cunha grande variedade de aparellos, ofrecelle a posibilidade de usar estes enredos.

O centro do Parque, con bancos macizos de pedra, árbores -pouco medradas, todas elas de folla caduca, agás unhas incipientes palmeiras de moi pouco garbo e que precisarán medrar máis se aspiran a resgardarnons do sol en vindeiros estíos-, algúns farois de mastro inclinado e con aspecto de enferruxamento, algunhas papeleiras e unhas fontes completan o mobiliario.

Este couto de lecer é tamén reclamo de paseantes de cánidos, que non soamente os airean suxeitos de correa e bozo, senón que acotío déixanos ceibos, mesturándose con meniños, paseantes, bicis, patinetes, pelotas e todo tipo de enredos que os máis cativos despregan nestes espazos de ocio.

Dentro da dársena, o mar totalmente en calma, semella un espello no que se reflicten os febles, mais agarimosos raios de sol. Ao fondo, na boca do peirao, dous remolcadores manobran para atracar un cargueiro na cuberta terminal. Ao meu carón unha lavandeira móvese moi áxil, erguendo e baixando o rabo moi ufana, mentres peteira con tremenda rapidez. Máis alá, por detrás da illa de Tambo, albíscase unha moi tenue bruma, que me fai pensar no día seguinte. Acódeme ao caletre aquel refrán que di: mañá de néboa, tarde de paseo. Recollo o folio, deixo o incómodo asento no que escribín estes apuntamentos e abandono o Parque matinando xa no paseo de mañá.

rafadcg@r.gal

28/12/2016