FILOMENO OU ADEMAR?

SAN MARTÍN PINARIO


En tal data, coma a deste escrito, pasamos o día en Compostela cun dobre propósito central: Por unha banda, entregar, en doazón, na Fundación Torrente Ballester, a tradución ao galego da novela "Filomeno ao meu pesar"e pola outra cursar visita á Igrexa e Museo do Mosteiro de San Martín Pinario.

Logo de achegarnos á capital de Galicia con suficiente antelación á hora acordada para a entrega da tradución, acordamos baixar dende a Praza do Obradoiro, deixando á nosa destra o Hostal dos RR. Católicos, á churrigueresca Igrexa de San Fructuoso. Xa no templo percorremos o seu interior e voltamos á ateigada Praza, dende onde debe contemplarse a fachada, pois dise que foi construída para ser admirada dende a altura, xa que nela concéntrase a maior ornamentación, destacando as catro virtudes cardinais: Prudencia, Xustiza, Fortaleza e Templanza, dúas a cada lado escoltando o campanario, baixo o que se descubre un real escudo de España, e máis abaixo, sobre a porta principal, un oco da parede coa escultura da Piedade. Tamén destacarei a fermosa e monumental cúpula.

De contado, abríndonos paso entre a multitude de peregrinos e visitantes, que xa fan cola para entrar á catedral por Praterías e saír pola banda da Corticela, ímonos achegando á sede da Fundación Torrente Ballester, na vetusta Rúa do Villar números 7 e 9. Alí, nun remodelado edificio no seu interior, e que presenta unha bonita fachada de pedra, custódiase o legado de don Gonzalo -(dezasete mil libros, cadros, artigos, cartas, obxectos persoais e cintas con gravacións coa sua propia voz)- sendo recibidos, a miña dona e Eu, polo Director Xerente, Miguel Fernández Cid o cal, ao longo dunha hora e media, nos acompañou na visita e nos agradeceu a doazón, da tradución ao galego que ao longo de 2017 realicei, do que no ano 1988 foi Premio Planeta: "Filomeno ao meu pesar". Unhas fotografías coa estatua do escritor e o agasallo dos tomos I e II de "Os mundos de Torrente", que recibimos, foi a conclusión á estancia na Fundación.

Rematado o xantar, e seguindo o que Don Gonzalo narra no volume: "Compostela e o seu anxo" onde di: <<A visita a San Martín Pinario esixe o sacrificio da sesta, non xa da sobremesa, porque para gozar da igrexa monacal en toda a súa esplendidez faise imprescindible visitala cando recibe o sol de poñente nas altas fiestras da súa cúpula>>. Así o fixemos, con sobremesa, pero sen sesta, aproveitando o soleado día, guiamos os pasos ao que foi mosteiro entre os séculos IX e XIX e Seminario Maior que recuperou ao edificio logo da exclaustración. A igrexa do Cenobio, e os espazos que albergan a colección de arte sacro, botica, imprenta, gabinete de ciencia dos séculos XVI ao XIX, conforman un Museo de non pouca importancia.

Son de resaltar os dous coros: O propio do convento e o que acolleu na parte alta, -o segundo dos que posuiu a catedral da Catedral de Santiago de Compostela, obra de Juan Davila e de Gregorio Español dende o século XVII ata o ano 1945- que se desmontou, sendo o seu primeiro destino, este cenobio veciño que agora o alberga; logo dunha estancia en Sobrado dos Monxes, volveu a San Martín Pinario en 2003. Está considerado a máis valiosa alfaia da escultura renacentista de Galicia.

Cansos, en tan caloroso día, mais coa ledicia de tan bonita xornada, e tras botar unha derradeira ollada á fachada principal da igrexa e ás barrocas escaleiras, apuramos o camiño cara o noso Marín de adopción.


rafadcg@r.gal

14/06/2018