NA PRAIA DE MOGOR


Levaba tempo sen achegarme á praia de Mogor. Fíxeno hoxe, día de Nosa Señora do Porto, patroa de Marín. Son as primeiras horas da mañá, mais xa son moitos os concorrentes; chegan, instalan os seus trastes e, como se dun ritual se tratase, comezan a patear, dunha punta á outra, seguindo a franxa de area, máis dura, que a marea ao devalar amosa.

O mar calmo, o tempo espléndido, a auga limpa e transparente parece animar aos primeiros bañistas e semella arrolarnos co seu son maino, monótono, envolvente... aos que permanecemos nas cadeiras ou sobre as rechamantes toallas.

Un balizamento delimita o espazo de seguridade dos nadadores. Á entrada da Ría, recórtanse no horizonte, Ons e Onceta, coma dous centinelas que a protexen de corsarios e piratas e, de fronte a nós, Raxó olla, como uns veleiros semellan quedar ao pairo, nun mar sosegado.

Un neno branco e outro negro xogan cunhas pas na beira da auga. O paseo aparece cada vez máis poboado. Xa é mediodía e incorpóranse os socorristas aos seus postos de vixía. Na area, moi branca e fina, dormen unhas embarcacións de pedais, agardando ser alugadas para un paseo de recreo.

A algarabía dun grupo de nenos, bañándose, esténdese pola praia e fainos compaña aos que permanecemos nas cadeiras ou tombados tomando o sol. Son moi poucos os parasoles abertos nestas primeiras horas da mañá e, dende a miña posición, podo albiscar que a praia segue conservando dous bares-restaurantes, servizo de duchas, paneis informativos e que gañou unha pasarela de madeira que facilita o acceso de persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, presenta unha frondosa vexetación que a rodea totalmente e na que predominan eucaliptos e piñeiros. De aí, o recoñecemento que ostenta: praia con bandeira azul.

Ensumido nestas consideracións estou, cando me lembro de dous retratos, quizais da primeira vez que visitei esta praia, alá polos primeiros anos da década dos setenta do pasado século: Nun, aparezo sentado na area dura e húmida do devalo do mar, con roupa de rúa e cunha estaca na man coa que seguramente gravei o nome que se pode ler diante do retrato, RAFAEL; no outro, co amigo Celso, ao lado dunha gamela de nome, MIRAPAMÍN. Andainas de xuventude que perduran no caletre.

Nun dos extremos da praia, a pouca distancia da area, no comezo da ladeira que nos conduce á Barriada de Mogor, con fabulosas vistas sobre a Ría, atópase un conxunto de gravados rupestres, coñecido como: Os Petroglifos de Mogor, co seu afamado labirinto. Por certo que neste verán de 2016 abriuse, ao seu carón, unha Aula de interpretación e explicación para os visitantes.

Agardemos que perdure...

8/09/2016

rafadcg@r.gal