A ALAMEDA
Tal e como a coñecemos en Marín. Alameda Rosalía de Castro dende decembro de 2012, segundo informa unha placa, cun busto da autora de "Cantares Gallegos" (1863), radicada na subida das escaleiras que dende a terminal do antigo "Trole" conducen ao corazón do máis céntrico recuncho neurálxico da Vila. Este espazo animado e vivo todo o ano, anegados os seus arredores de cafetarías, terrazas, lugar de eventos de todo tipo: concertos musicais, feiras, festas..., e sobre todo, principal centro de lecer e paseo de veciños e visitantes.
Entrando pola pétrea escaleira, e acadando o elevado espazo, somos recibidos polo slogan: "NOSTRA IN MARE FORTUNA", en letras metálicas, sobre o lousado paseo central, onde un belo farol, -en ferro e pedra, con incrustacións de motivos mariñeiros, tomados das pinturas de Manuel Torres, o mestre que deixou escola en Marín, ademais dunha importante obra no Museo que leva o seu nome, non lonxe desta Alameda-, vixía os dous paseos mais importantes deste espazo.
Lugar que alberga tamén lembranzas de varios persoeiros que deixaron a súa pegada no pobo, así:
Un busto dedicado a José Trasande Vicente, sobre un gran pé de pedra no que leo: "Educou e guiou coa palabra e o exemplo" (1872 - 1932) e en números romanos a data da súa colocación (XXXI - VII - MCMLV). Este sacerdote, natural de Valga, que tamén ten o seu nome nunha rúa, foi director do antigo e desaparecido Colexio "San Luís Gonzaga", onde tantos alumnos de Marín se educaron.
Outro busto recorda ao Doutor Andrés Dapena Mouriño, "Don Andrés", nomeado fillo adoptivo de Marín en 1980 e falecido en 1982. Médico moi apreciado na Vila, gran profesional e que se achegou ao pobo, sendo moi comprensivo cos máis necesitados.
Sobre un pedestal de cachotes, descansa a figura, tamén en busto, doutro doutor, cunha placa que reza: José Touriño Gamallo, médico, fillo predilecto. Marín 1950. "Don Pepe", coñecido coma o médico dos pobres, tamén é lembrado nunha rúa da Vila.
Acolle tamén, tan belido espazo, un palco de música, de formato octogonal, ao que se accede por vistosas escaleiras de pedra, con baseamento do mesmo material, do que arrancan columnas metálicas que soportan unha fermosa cuberta de madeira. As columnas, únense por unha varanda en ferro, que arrodea o recinto, verdadeiramente bela. Na súa base unha placa, co escudo de Marín, informa da súa construción en 1928 e da súa restauración en 1989. Noutra placa, de 1994, faise acordanza da primeira banda de música.
Entre os máis significativos elementos que compoñen este parque non debemos esquecer: Unha bonita e monumental fonte circular, que con certa frecuencia podemos contemplar en acción, e na que se aprecian distintas modalidades de chorros e distintos sons, segundo a maneira de golpear da auga. No seu centro, sobre peaña, unha barca ofrece por unha cara, a dúas figuras mariñeiras que soportan o escudo da Vila, e pola outra, a un curtido mariñeiro. Un segundo corpo álzase sobre esta composicion para ofrecernos derriba da súa pia unha esvelta pescantina portando sobre a cabeza a patela. Conseguindo toda esta mestura de auga e pedra un belo efecto decorativo.
En fin, todo esto complementado con bancos, papeleiras, sequoias, unha palmeira (de momento sen picudo), camelias, platanos, céspede, flores, arbustos, unha gran variedade de plantas, etc., fan deste recinto un dos lugares privilexiados que podemos aprezar e disfrutar en Marín.
rafadcg@r.gal
20/04/2017