BAÑOS DE MOLGAS
Onte, de camiño a Luintra -capital do Concello de Nogueira de Ramuín e principal foco neurálxico de afiadores e paraugueiros, do que da testemuña un monumento, de Buciños, na Praza Maior de Luintra e mesmo o escudo de armas e a bandeira municipal, ambos portadores da roda, así como de nove mitras- onde iamos pasar un par de noites para repasar as marxes do Sil, o seu encontró co Miño, (nos Peares) e gozar do sosego destas terras, ricas en: bo viño, en vexetación autóctona e en antigos e remotos asentamentos de Comunidades relixiosas entre outras cousas, fixemos un alto para xantar e visitar o "Museo Moncho Borrajo" en Baños de Molgas.
Alí, aínda ben non puxera o pé en terra, lembreime, de contado, de don Álvaro e do seu "Somoza de Leiva", recollido en "Xente de aquí e de acolá" que nunha viaxe que fixo a Baños de Molgas, trouxo un can raro, tristeiro e que paraba as abellas como se fosen perdices. O can "Montezuma" non vale nada dicíalle o seu curmán e Somoza replicaba: "É o pedido para un letrado, pois: <<Só lle ladra á parte contraria>>... Cando con isto, quixen ilustrar a chegada ao lugar, só escoitei dos acompañantes..., "xa estamos con Cunqueiradas"..., Eu non trouxen can, o que si gardei nas alforxas foron unhas boas lembranzas do Museo, que acolle a estación de tren da localidade dende 2011: A Fundación e Museo, do cómico destas terras, Moncho Borrajo. No baixo, salas decoradas polo propio artista e con pinturas súas, acolle tamén exposicións temporais. No segundo andar o seu legado: Fotografías, libros, vitrinas co vestiario e complementos das súas actuacións, carteis, premios acadados, valiosas pinturas, unha colección de 1000 aneis de prata, biblioteca..., todo presentado de suxestiva e harmoniosa maneira dan unha ampla visión de semellante actor e creador. Este Museo é xestionado por unha fundación de carácter benéfico que ten a fin de axudar a nenos con discapacidades físicas ou psíquicas da provincia. Curioso lugar no que departimos algo máis dunha hora, antes de achegarnos ás orelas do Arnoia, río que baña a localidade: paseamos á súa beira, cruzamos a ponte vella, estivemos a carón das termas, fixemos retratos, lavamos as mans e comprobamos a temperatura a que mana a auga a carón mesmo do balneario que ven funcionando dende 1873.
Logo de xantar no hotel "Ansuiña", un paseo polo parque do mesmo nome, ás beiras do río, no camiño a Santiago da Vía da Prata, diriximos os nosos pasos cara o cercano santuario de Nosa señora dos Milagres, no cume do monte Medo. Deixarei aquí dito, que nesta visita xogabamos con vantaxe, pois este Santuario, coidado e culto, están dende 1869 nas mans da orde de San Vicente de Paúl, -Orde cun centro de ensino en Marín, localidade na que residimos as dúas parellas (Peregrino - Celia) (Carme e Eu), e onde desempeñamos o labor docente, Peregrino case toda a vida e Eu ao longo de case doce anos-. De contado visita ao templo, baixo a compaña do irmán Merino, para máis tarde deixarnos co doutor e irmán , Elixio Rivas que aos seus 93 anos nos explicou e acompañou á visita ao Museo dos Devanceiros, sito nas instalación que alí rexenta a Orde, do que foi e segue a ser o verdadeiro artífice.
Esta xornada que comezou coa visita á Colexiata de Xunqueira de Ambía (coa súa esbelta torre erguéndose garbosa e fachendosa aos ceos da contorna, e o seu órgano do XVIII que acompañado pola excepcional acústica do templo fai que acudan a escoitalo non poucos amantes da música antiga alá polo mes de agosto. Realizadas unas fotos no seu claustro renacentista e, tras deterse, uns intres na contemplación do retablo do mesmo estilo, hoxe nun lateral da igrexa, comentamos sobre a necesidade das multiples actuacións de conservación que precisa, para que non siga a perderse tan colosal patrimonio. Mais lembramos o dito: "moitos son os chamados e poucos os escollidos". Sorte para esta Colexiata... Agardemos...) rematou, logo de tomar un café, no Castelo de Maceda, convertido en hotel e coa estancia, a última hora da tarde, en San Pedro de Rocas, o santuario eremítico máis antergo de Galicia.
Dúas noites, na casa rural "As fontes" en Luintra, serviron de base para seguir a percorrer estes sacros lugares da Ribeira (Miño -Sil), que levabamos no programa e que conseguimos desenrolar.
5/07/2018