FACENDO CAMIÑO
Cando en agosto de 2016, unha mañá, na praia de Praceres, me pasou polo caletre a idea de facer un escrito, nin remotamente soñaba con esta viaxe, nin que dez meses máis tarde estaría a elaborar o número corenta.
Ao longo desta ceifa contei, ben ou mal, con acerto ou sen el, verdades ou ficcións, todo aquilo que o maxín argallou das máis variadas cores. Fíxeno: sen trabas, sen complexos de culpa, sen mandatos, sen consignas, sen obrigas, sen pexas, sen máis normas que as estrictamente morfolóxicas e ortográficas do meu idioma... mais cun obxectivo final que resumo en: Prestixiar a Lingua que primeiro aprendín.
Creo que llo debía á Lingua, e tamén me está a servir de desafogo, por aqueles anos en que nos estaba vedado o seu uso, en escolas ou institutos, e que tanto sufrimento nos causou sen entendelo.
Agora chega o intre de agrupar estas cavilacións, e fágoo baixo o título que da nome a este derradeiro escrito: "FACENDO CAMIÑO".
Camiño que, agardo non quede interrompido, intentarei proseguir axiña, logo deste primeiro desbroce, e, tratarei de mellorar o carreiro, para que cada día se poidan ir incorporando máis falantes e escribentes a esta senda. O que consigamos, ou non, dependerá de moitos factores cos que nos enfrontamos, mais o noso gran de vontade, para acadalo, non debe quedar sen ser sementado.
Dou pois hoxe, noite de san Xoán, noite máxica, noite de cacharelas, remate a este primeiro ciclo de relatos, pasando por riba do borrallo, comendo unha ben asada sardiña do xeito acompañada dun grolo de tinto do ribeiro e pregando pola Lingua, para que sexa ceibada do mal do meigallo, con que outros invasores a teñen amordazada e entre todos poidamos seguir. Facendo camiño.
24/06/2017