O GRECO
UN ARTISTA ENIGMÁTICO (1541 -1614)
Leo, na Voz de Galicia, do 1º de Abril de 2024,) a nova de que unha Exposicion no Palacio Real de Milán, rinde unha homenaxe a este pintor nacido en Creta e que acadou o cume da súa carreira pictórica en España onde faleceu en 1614.
Isto dame pé para esbozar aquí algunhas lembranzas de tan singular artista:
"Creta le dio la vida y los pinceles/
Toledo mejor patria, donde empieza/
a lograr con la muerte eternidades".
Frei Hortensio Félix Paravicino (poeta amigo do Greco).
Doménicos Theotokópoulos, nace na illa de Creta, que pertencía á República de Venecia. Cando nos referimos a El, facémolo comunmente polo seu apelativo de orixe, Dominico Greco ou o Greco, co que é universalmente coñecido.
Non posuímos datos dos seus comezos artísticos, mais todo nos fai pensar que se iniciou como pintor nalgún taller da súa cidade natal Candía, nome antigo da cidade portuaria de Heraclión (actual capital de Creta).
Considérase que o seu paso a Venecia se puido producir cara 1560, coa fin de ampliar estudos e abrirse camiño. Nestes momentos a pintura Veneciana atópase en pleno apoxeo; con Ticiano (xa ancián, como mestre supremo e do que foi discípulo), Tintoretto, Basano e Veronés, xunto a outros artistas menores.
O Greco aprenderá deles o emprego das cores cálidas e a importancia da luz.
Dos primeiros cadros que se lle atribúen, sen discusión, desta época Veneciana nomearemos:
"Estigmatización de San Francisco", colección Zuloaga; "Fuxida a Exipto", colección particular; "Cristo curando ao cego", museo de Dresde; "Expulsión dos mercaderes do Templo", museo de Washington; "Adoración dos pastores", colección particular.
En 1570 o Greco chega a Roma. Alí aprenderá e recibirá importantes influencias do propio Miguel Ángel. Aquí xa se amosa a mestría do Greco como retratista, que chegará en España ao seu cénit, algúns cadros dan testemuña: ("Giulio Clovio", Museo de Nápoles), ("Giovani Battista Porta", museo de Copenhague); ("Vicenzo Anastagi", colección Frick, Nova Iork). Aquí, en Roma, residiu algún tempo no Palacio Farnesio, onde pintou para o cardeal Alexandro Farnesio. Non obstante, non conseguiu agrandar a súa sona, de igual maneira que lle ocorreu en Venecia.
En Italia pintou algunhas das obras que acadaron o seu propio estilo definitivo como: "O doce nome de Cristo" e "A última cea".
A duración desta etapa romana non está fechada con exactitude, os historiadores pensan que antes de vir a España volveu a traballar en Venecia.
O Greco chega a Toledo en 1577, permanecendo nesta cidade ata a súa morte, 1614. Os motivos que o trouxeron a España non se coñecen certamente, quizais a súa falta de éxito en Italia ou a esperanza e devezo de ser empregado por Felipe II na decoración do Escorial e algúns encargos para a Igrexa de Santo Domingo o Antigo de Toledo, traballos conseguidos a través e por influencia do irmán do Deán da Catedral de Toledo Luís de Castela. Aquí, en Toledo, logrará o seu mellor esplendor, dando renda solta á súa arte e realizando as súas obras máis interesantes. Pintará temas relixiosos, algúns mitolóxicos e retratos.
Decora o altar da sancristía da catedral de Toledo, onde sobresae: "O Expolio", que representa o momento da Paixón no que Xesús é despoxado da súa túnica.
O Rei Felipe II quere que O Greco pinte no Escorial, para iso organiza un concurso para decorar a capela lateral da Basílica de San Lourenzo co tema do martirio de San Mauricio, a pintura do Greco non gusta ao Rei e, este, volve a Toledo fracasando no seu intento de convertirse en pintor da Corte. De novo en Toledo, o pintor, segue a realizar obras como: "O Enterro do Conde de Orgaz", do que falarei máis adiante.
Despois do Enterro do Conde de Orgaz, non sofre evolución a súa pintura senón máis ben o seu estado de ánimo: prescinde de cores cálidos (influencia Veneciana) e pasa a cores fríos (verdes, grises, azuis, etc.). Así aparece o retablo para o convento do colexio de Dona María de Aragón de Madrid. Tamén pinta retratos como : "O cabaleiro da man no peito", "Don Alonso de Covarrubias", "Doutor de la Fuente" etc.
En 1578 nace en Toledo, Jorge Manuel, fillo do pintor e da toledana Jerónima das Cuevas, aínda que non consta que chegaran a contraer matrimonio.
Entre 1596 e 1603, semella que se libera desa crise de escuridade anterior, pintando modelos relativos á infancia: "San Xosé co neno", "A sagrada familia", "A Verónica", pinturas que decoran o Hospital da Caridade de Illescas.
Durante a etapa final (1604 - 1614), vive na casa do Marqués de Villena e pinta cadros como : "Adoración do nome de Xesús en Lepanto", "Famosa vista da cidade de Toledo", con cores fríos; "Paisaxe de Looconte", "Retablo da Igrexa do Hospital de Talavera", nesta obra anuncia o tenebrismo, polos seus fondos case negros, "Retrato do Purpurado Tavera".
A España da época do Greco, Século XVI, atópase inmersa nun fervor misioneiro que caracterizou a Contrarreforma a raíz do Concilio de Trento (1545 -1563). A Igrexa católica ansiaba rescatar a súa antiga autoridade, minada pola Reforma Protestante que se localizaba ao norte de Europa. A Contrarreforma atopou a súa expresión plástica nas manifestacións da arte barroca relixiosa en todo Europa. O Greco foi un fervente católico, pero as súas crenzas eran de natureza persoal afastadas do boato e da aparencia alentadas pola Contrarreforma e merecente de que a finais do século XIX e XX o interés pola súa obra resurxiu, ao ser "redescuberto" por artistas da vangarda como Pablo Picasso.
A súa técnica é merecente de que nos ocupe uns intres, aparece ao longo da súa obra con todas as particularidades, amósase como portador das mellores experiencias do pasado e ao mesmo tempo como un sorprendente precursor. A cor é para el un elemento esencial do debuxo e da construcción, fóra de toda referencia á natureza. Se parece preferir a gama fría dos manieristas e as mestura cálidas e douradas dos venecianos é polo seu respecto ás cores puras e pola superioridade dos efectos resultantes. Aínda así emprega grandes planos uniformes, non lles deixa nunca o aspecto vernizado, xeado e morto dos manieristas, Non os considera máis que soportes, a miúdo executados a temple, sobre os que se colocan decontado, ao óleo , as sombras ou os toques de tons puros destinados a dar a vibración, o movemento, a vida.
O seu modo de colocar as formas no espazo non ten nada de clásico. Como bo bizantino, considera que a pintura é, ante todo, a arte das superficies, repudiando por tanto procedementos que traten de dar ilusión de volumen. Expresa a profundidade polas deformacións que fai sufrir aos obxectos, sendo determinado o alongamento de formas polo punto de fuga do cadro, fixado polo xeral moi baixo.
O Greco, aparecendo no momento decisivo do paso das antigas concepcións ao mundo moderno, aporta unha obra que é a máis rara mestura de grandes tradicións restauradas e de anticipacións.
Ocuparei, agora, algunhas, máis que merecidas, liñas a: "O Entero do Señor de Orgaz". Esta obra mestra é unha pintura de gran tamaño, que foi pintada en 1586 para conmemorar o enterro do conde de Orgaz, falecido 250 anos antes.
Unha lenda narra que no momento do enterro produciuse unha milagre: San Estevo e San Agustín baixaron do Ceo e colocaron o seu corpo na sepultura.
O cadro foi un encargo da Igrexa de Santo Tomé de Toledo, -cuxo retablo acababa de queimarse- onde permanece.
O Greco, libre de ter que buscar o agrado a Felipe II, busca na historia local o tema. Dívídese o cadro en dúas partes. Na inferior, representa o milagroso momento en que o conde de Orgaz ía a ser enterrado e aparecen San Estevo e San Agustín que o collen para darlle sepultura, representa aquí o Greco aos que presencian o milagre sen asombrarse. Todos son retratos de personaxes importantes do momento, entre eles o seu propio fillo que mira ao espectador e sinala o milagre.
A composición é simétrica con espazo agoniante, non hai paisaxes. A influencia veneciana apréciase na cor e na calidade dos obxectos, como se comproba na dureza da armadura do Conde, a xuventude de San Estevo e a vellez de San Agustín. O contraste entre o rostro vello e demacrado de San Agustín, pero con vida, e a lividez e quietude do conde morto.
Na parte superior, O Greco, amosa a Gloria. Figuras máis alongadas e rodeadas de nubes escuras. As figuras de Cristo e a Virxe (sedentes), San Xoán, San Pedro -coas chaves que abren as portas ao piadoso Conde-, Felipe II, etc. semellan estar voando ou flotando.
Cristo aparece no centro, do mesmo tamaño que as demais figuras. Un anxo de cabelos dourados e as moi reais levan a alma do conde cara os ceos.
É un cadro de interior mais non se sabe onde está ambientado.
Na súa época o cadro foi moi rechazado e cubriuse cunha tea dende Cristo ata as cabezas polo desnudo de San Xoán e por non representar unha Gloria tradicional.
Ao longo de 2014, en Toledo, celebrouse o IV Centenario da morte do Greco, que tivo o pasamento o 7 de abril de 1614 (fai hoxe 410 anos), logo de vivir aquí os derradeiros 37 anos da súa vida e con 73 anos de idade. Foi soterrado en Santo Domingo o Antigo, nun altar cedido en 1612 polas monxas. A partir destas novas existen dúas hipóteses: segue estando en Santo Domingo, enterrado xunto á súa nora, Alfonsa de Morales, cubertas as tumbas por construccións posteriores, ou en 1618 foron trasladados os seus corpos a San Torcuato, cuxas obras dirixía Jorge Manuel. Esta igrexa Toledana dsapareceu, polo que non sabemos na actualidade onde repousan os restos do gran pintor cretense.
rafadcg@r.gal
7/04/ 2024