PERÍODO DE FORMACIÓN

Agruparei, baixo este epígrafe, o período comprendido entre o comezo do bacharelato e o inicio do obrigatorio servizo militar. (10 - 22 anos)

Logo do exame de ingreso, no Instituto Nacional de Ensinanza Media de Pontevedra, en outubro do ano 1961, incorporeime a ese Centro para cursar por oficial o bacharelato.

O elegante e petreo edificio, estreado en 1927, adosado ás ruínas do Mosteiro de Santo Domingo, situado nun privilexiado lugar, con saída cara ás Palmeiras ou Xardíns de Vicenti, e con fachada principal á Avenida de Montero Ríos e á Alameda, ofrecía unhas prestacións que significaron un avance, moi grande, na mellora das condicións de habitabilidade e hixiene en comparación co que ofrecía a miña escola Parroquial en Carballedo (carente dos mínimos servizos: auga corrente, retrete, calefacción e limpeza adecuada)... mais, o ter que deixar, con dez anos acabados de cumprir: pais, irmáns e avós e non poder voltar á casa familiar, os primeiros anos, máis que nas vacacións de Nadal, Entroido, Semana Santa e verán e, a pesar de estar nunha casa como un máis da familia, supúxome unhas soidades, con moitos días de tristura que se acentuaban os fins de semana como os días máis morriñentos, e dos que non quero nin lembrarme.

Á familia que me acolleu, ou mellor dito, o matrimonio formado por Manuel Souto Torres e a súa dona María del Carmen Ramírez (Mucha), amigos íntimos de meus pais, débolles moito por terme acubillado, darme amparo, consello e incluirme como un máis da familia ao longo de toda esa década de formación, polo que lle estareille eternamente agradecido.

O sistema educativo, no Instituto, nada tiña que ver co que vivín na escola primaria, nada represivo, e totalmente afastado de calquera castigo físico. O boletín de notas trimetral, e o libro de cualificación anual informaban ás familias sobre o rendemento académico ou calquera outra falta de comportamento.

Desta maneira ían pasando os cursos, ía coñecendo a cidade, xogaba moito no "Vergel", un dos lugares onde os días de bo tempo, deixabamos o ximnasio do Centro para achegarnos, cruzando as Palmeiras e a antiga vía do tren a un espazo, paralelo á rúa Raíña Victoria, a recibir a clase de Educación física neste recinto, dotado con vestiarios, campos de balonmán, minibasque, baloncesto, espazos para saltos (lonxitude e altura) etc. e que coidaba e vixiaba por aquel entón un señor, xa de avanzada idade, o Sr. Chiño. Este recinto acolle, na actualidade, o Instituto ao que Eu pertencín co nome de Instituto Sánchez Cantón, mentres que no que estudei fisicamente, recibe a día de hoxe o nome de Valle-Inclán.

Os fins de semana, cerrados os vestiarios, "o Vergel" acollía moitos partidos informais, case todos de fútbol. Por outra banda estas pistas de terra batida, era o que había por aqueles anos, acolleron moitos partidos, sobre todo de balonmán, era o que se promocionaba por aqueles tempos no Instituto, dos que lembro algúns de moita calidade e alta rivalidade con Equipos doutros Centros educativos como: O San Narciso de Marín, ou o Santiago Apóstolo de Vigo, por nomear algúns. Do Instituto, saíron xogadores de balonmán que formaron no Teucro de División de Honor Española, do men curso, Barcia Dominguez e Latas, e doutros cursos, o zurdo Area, ou os irmáns Pío, por citar algúns dos que me lembro neste mesmo intre que escribo.

Da outra beira do río dos Gafos, hoxe canalizado, detrás da estación de tren, por aquel entón na Praza de Galicia, existiu un campo de fútbol, coñecido co nome de Campo do Pazo, lembro alí algún partido, mais de contado desapareceu. Asi mesmo, tamén xoguei algún partido nun Campo que tamén daba ao río dos Gafos e que pertencía ao Reformatorio.

Por outra banda e xa nos cursos superiores de Bacharelato, utilizamos as instalacións do Estadio da Xuventude, mais era preciso adecuar os horarios da E. Física, con dúas horas consecutivas polo afastado que se atopaba este complexo deportivo do Centro.

O bacharelato elemental constaba de catro cursos e unha reválida, desta época os profesores que lembro, por unha ou outra circunstancia son: Antonio Lino de Francés, Carlos Villar de Lingua Castelán, Celestino Noya de Historia, Salazar de debuxo, Xaquin, o cura de Relixión e o Director, durante os seis anos que alí cursei e profesor de Lingua e literatura, Xosé Fernando Filgueira Valverde. Xa no bacharelato superior, que constaba de dous cursos e unha reválida, citarei, por unha ou outra razón, ademais do Director a Antonio Maceda de Matemáticas en 5º, Mariano García de Ciencias Naturais, Corrochano de Educación Física e Formación do Espírito Nacional ou o crego Rejuán de Relixión...

En 4º de bacharelato, logo das clase no Instituto, asítin a unha pasantía, na Rúa Andrés Muruais, esquina Praza da Estación, hoxe Praza de Galicia e sen estación de tren, edificio xa desaparecido; era unha Academia, coñecida como a García Alén, rexentada por dúas irmás: María Rita e Inés, da que lembro as clases ás que asistía: latín impartido pola profesora Inés e Matemáticas polo profesor Juan. Así en xuño de de 1965, obtiven, logo de superar o 4º curso e a revalida o título de bacharelato elemental.

Ao longo destes catro anos de bacharelato elemental, asistín a moitos partidos do C. de F. Pontevedra, no campo de Pasarón, onde cada quince días, acompañando a Manolo Souto, que era socio de Tribuna e que me aboaba a entrada de infantil. Cando non había partido algunhas películas na sesión infantil, Teatro Principal, ocupaban as primeiras horas da tarde dominical.

Polo meu caletre vagaba a idea de chegar algún día a mestre, de maneira que unha vez obtido o título de bacharelato elemental, podía matricularme na Escola de Maxisterio, pero meu pai animoume a que antes fixera o bacharelato superior: 5º, 6º e a Reválida e obter o título de bacharel superior. Os dous cursos e a reválida ocupáronme durante tres cursos, co que nese tempo o Plan de estudos de Maxisterio mudou, entrando en vigor o chamado Plan 1967, que xa precisaba do Título de bacharel superior para poder ingresar, cousa que fixen o curso 1968-69, segundo ano deste novo Plan.

O chamado Plan 1967 para as Escolas de Maxisterio, contemplaba dous cursos, con catorce asignaturas cada un, oito horas de clase ao día, enfocadas algunhas á didáctica de tal ou cal materia e outras como Pedagoxía, Didáctica, Organización escolar, Socioloxía ou Psicoloxía, máis específicas da carreira. Ao rematar o primeiro curso, no verán de 1969, concretamente todo o mes de Xullo, asístín tres semanas en Valladolid, No Colexio Menor Onésimo Redondo e unha semana en Cantabria, na localidase de Somo, a un curso que se denominaba "Técnicas Xuvenís ao ar libre", que era imprescindible para unir ao expediente de fin de carreira e poder obter a expedición do Título de Mestre de Primeiro Ensino. Logo de cursar e superar os dous primeiros anos da carreira de maxisterio, había que enfrontarse a unha nova reválida, antes de acceder a un Curso de Prácticas nun Centro Educativo, próximo á Escola de Maxisterio e con algunhas actividades nesta, varios días da semana, logo da xornada no Centro de destino; a presentación dunha Memoria, xunto coa nota positiva, obtida no Centro de referencia, daba lugar á obtención do Título de Mestre de Primeira Ensinanza. É de resaltar que neste Plan de estudos, no curso de Prácticas, xa tiñamos asignada unha paga: 4.500 pesetas mensuais: No meu caso o Centro de destino foi o C.E.I.P. "A Laxe" de Marín, curso 1971-72, Centro este, a onde regresei os derradeiros 4 anos da miña vida laboral. Así foi, polo tanto, "A Laxe", inicio e xubilación. Cousas do destino. É de resaltar que neste Plan de Formación de Mestres, as mellores notas da promoción, obtiñan praza directa no Corpo de Mestres de E.X.B.; en todo caso, un número moi reducido e durante os poucos anos que estivo en vigor este Plan de Estudos. De todas as maneiras non foi o meu caso, pois accedín á reválida en Setembro, momento no que superei as dúas primeiras probas, quedando pendente para xaneiro a terceira, como consecuencia non puiden comezar o curso de prácticas ata setembro do seguinte curso.

Agora ben, este tempo baleiro de actividade, transformouse nun tempo de intenso traballo, grazas a un curso que realicei de Axente Censal, (informado por Mucha, a Señora da casa que me acolleu neste tempo de estudo), para traballar nos Censos Xerais da Nación, que se facían a comezos do ano 1971, con referencia ao 31 de xaneiro do ano 1970. Asignáronme a Parroquia de Estribela, pertecente ao Concello de Pontevedra, e como comecei a traballar un pouco máis tarde debido a estar preparando o terceira proba da reválida que tiña pendente, contratei para que traballara comigo a un compañeiro de estudos, que vivía en Marín, Celso Méndez Fraguas, que se atopaba na mesma situación académica ca min, se ben só figuraba Eu, de cara ao Instituto Nacional de Estadística, por ter o curso de Axente Censal. Traballamos arreo, e rematada a Sección de Estribela, asignáronme outra en Salcedo, que tamén completei coa axuda de Celso. Finalizado o traballo en Salcedo, ofertáronme seguir traballando nos mentados Censos na oficina de Estatística en Pontevedra, cousa que aceptei. Ademais dos traballos que alí desenrolei co Equipo que estaba a traballar sobre o Censo Provincial, fixen dous traballos de Campo ou controis de calidade, elixidos por sorteo, un na parroquia de Noalla, concello de Sanxenxo e outro na parroquia de Seixido do Concello de A Lama, sempre acompañado de Celso Méndez Fraguas. O meu traballo en Estatística durou ata finais de xullo, data na que se deron por concluídos os traballos de control da provincia de Pontevedra e se obtiveron os números definitivos: edificios, locais comerciais, poboación total con número de presentes, ausentes ou transeuntes, todo iso por Concellos.

Como quedou dito, con anterioridade, o Curso de Prácticas da carreira de Maxisterio, realiceino en Marín o curso 1971 -72, momento que aproveitei para deixar de vivir coa familia Souto, á que tamén se incorporara a miña irmá Pilar, e pasei ese curso de, luns a venres, na casa dos pais do compañeiro e amigo Celso Méndez Fraguas, na Rúa da Roda, en Marín. Rematadas as Prácticas e feito o deposito do Título de Mestre de Primeira Ensinanza, traballei no Xulgado de Paz de Cotobade, dende o mes de Santiago ata o mes de Abril de 1974, como secretario habilitado, levando nacementos, matrimonios e defuncións. Ese mes de Abril, incorporeime ao CIR nº 13, en Figueirido-Pontevedra para cumprir o obrigatorio Servizo Militar.

Ao longo destes anos de formación, vivindo en Mollabao nº 120, vivenda que xa pasou por distintas utilizacións, pero que segue en pé, a carretera de Marín, cos seus troles, xunto coa Avenida de Marín, de terra e sen tráfico, que nos achegaba ao barrio de San Roque, á Alameda, ao mentado Verxel, á Praza de San Xosé ou ás Palmeiras, foron os lugares onde máis xoguei e máis visitei nos anos de bacharelato. Durante os anos de Maxisterio mudaron moito os hábitos e as zonas de Pontevedra polas que máis me movía. Eses algo máis de vinte anos abondaron para que a Boa Vila quedara ben cacheada.

26/01/2022

rafadcg@r.gal