A NOGUEIRA
Alá polos primeiros anos da década dos cincuenta, segundo a miña acordanza, xa medraban no eirado de arriba: dúas cerdeiras e unha nogueira. Estou a falar da casa natal de quen está a facer lembranza dos feitos.
Contarei que esta eira, por aquelas datas terreira na súa totalidade, abarcaba o espazo comprendido entre a fachada norte da vivenda familiar, a faciana sur da casa do forno e a cara de levante da casa de arriba. Deixarei ademais dito que a vivenda familiar adquiriu polo norte un aumento de extensión coa construción do cuarto de aseo e do local que, a día de hoxe, ocupa a sala de costura; asi como do soportal convertido en comedor e lugar de faladoiro nos meses en que a benignidade do clima o permite.
Pois ben, as froiteiras, medraban e medraban, e este crecemento unido á mingua de terreo apuntada, fixo que a primeira que tivo que deixar de selo foi a cerdeira que nos agasallaba con cereixas, coñecidas popularmente como, de Betanzos, (de maior tamaño que as outras). Esta cerdeira, era a máis cercana ao patín, sendo da que menos lembranzas teño.
Cerdeira e nogueira restantes, aliñadas no centro do eirado, conviviron e fixéronse compaña ao longo de moitos anos, disputando o espazo, as súas pólas chegaron a cubrir en boa parte os tellados das tres casas, achegándose con moita cautela unhas ás outras, obsequiándonos cos seus froitos e coa súa sombra varios lustros. Mais, chegou o intre en que houbo que decidirse por unha delas; cortouse a enorme cerdeira, que tantos cestos de cereixas aportou para nós e a cantos merlos, moi lambóns, co seu froito alimentou. Tamén lembro a súa resina, coa que de nenos pegabamos as caricaturas dos xogadores de fútbol e o seu breve comentario, nun caderno, conseguidos nas caixas de mistos, dando así os primeiros pasos como coleccionistas. Ao voso redor dei moitas patadas á pelota e os irmáns aprendemos a andar en bicicleta...
Quedaches entón ti, nogueira inmensa, que segues a presidir, señora deste espazo e orgullosa de ternos achegado tantas cestadas de noces. Hoxe atópote, logo de máis de tres cuartos de século, podada, nunca te vira así, facíache falta... agora a recuperarte para seguir achegando froito e sombra. Recordo agora pasaxes da infancia, cando degoirados polo teu froito non esperabamos a que a casca verde e amarga do teu froito se desprendese e non deixando que secases para acadar o óptimo sabor, nos deixabas tinguidas todas as mans. Afeccioneime ao teu froito, neses anos, e sigo conservando a noz como un dos meus favoritos. Hoxe, segundo din, tomándote moderadamente, seica es mán de santo contra o colesterol malo. As túas noces formaron parte deses primeiros anos, incluso as levabamos á escola para o recreo, chegando a ser a súa degustación con pan de trigo, algo excepcional por esas datas, un dos manxares preferidos e ao que sigo aínda recorrendo nalgunhas ocasións.
Mentres, agardo con impaciencia a nova floración, para avaliar o estado de saúde no que te atopas de cara á próxima colleita, e poder constatar que segues ben, e que das túas pólas poden seguir pendurándose randeeiras, agora xa para tataranetos de quen te plantou, meu avó Xesús, alá nos primeiros anos do século XX, e poidas seguir achegando froito e sombra, ás xentes que viches medrar, durante moitos anos máis.
rafadcg@r.gal
9/03/2017