O CRUCEIRO DA PARROQUIAL
Semella un soño o cruceiro
soñado por non sei quen.
Un soño tan verdadeiro
que foi soñado moi ben!
Manuel María.
Con motivo da Primeira Comunión de Paula, achegueime neste día á Igrexa de Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade, á miña parroquia natal. Alí estes actos véñense celebrando, dende a miña acordanza o día de "Corpus Christi", antes en xoves e agora trasladados ao domingo.
O primeiro que reseñarei, é que ela era a única que, por primeira vez, confesaba e comulgaba, isto sorprendeume, non polo feito en si, pois sabido é que descendeu moito o número de nenos e nenas que son bautizados, senón por que pon de manifesto o despoboamento de Galicia, máis profundo cando do rural se trata e o papel cada vez menos relevante que a Igrexa exerce sobre a sociedade, cando menos, se o xulgamos polo número de practicantes.
A parroquial, presidida por San Miguel sometendo ao demoño, lucía espléndida. Todo o seu magnífico interior, dende o presbiterio, ao pé do altar, ata a porta principal, seguindo o corredor central, engalanado cunha moi ben traballada alfombra floral con diversos motivos relixiosos alusivos á festa que se conmemoraba. Os altares, tanto laterais como o maior, presentaban un maravilloso aspecto acicalados para a ocasión.
Rematada a misa, -que foi cantada brillantemente por un numeroso coro mixto, que actuou dende a tribuna-, organizouse a procesión. Á súa fronte a cruz, abría paso á custodia, portadora da hostia, baixo palio; repenicaron as campás cun badalear ledo, como corresponde aos días de festa e estouraron foguetes e bombas. Dende a porta principal, a comitiva, seguiu a alfombra vexetal ao longo do adro, encamiñouse, logo de subir unhas escaleiras e abandonar o recinto a un cruceiro próximo, cruceiro con altar, onde o celebrante depositou a custodia e se proferiron rezos e cánticos, todo isto antes de que a procesión volvera ao adral pola entrada da sancristía e rodeando o edificio regresaran ao templo. Direi aquí, que non estiven moi atento ao acto no cruceiro, pois a beleza de tal monumento, ao redor do que xoguei, corrín e enredei moitas veces de cativo, sen determe a escrutalo, ocupoume por uns intres.
O singular cruceiro, do que xa Castelao tomou algún apunte, aséntase sobre dúas peañas graduadas, hoxe rodeadas de asfalto; un pedestal bulboso, moi traballado con motivos vexetais e da Paixón, así como insripcións nas que figuran o nome do autor: Manuel González de Cobelo; o do abade: Francisco Ant. García; e o ano de fábrica 1860. Desta basamenta arranca o fuste: esvelto, cuadrangular no seu inicio, coas figuras de Adán e Eva sobre peaña, no momento de ser tentados pola serpe e a árbore da froita prohibida. Tamén neste primeiro corpo, citados de arriba abaixo aparecen: un corazón, unhas tenaces, un martelo, unha lanza e unha xerra. O segundo tramo do fuste é octogonal amosándonos tamén sobre pé a San Miguel (patrón da parroquia) ao que acompañan dúas figuras, posibles santos, que non fun quen de determinar. O terceiro tramo de fuste é cilíndrico e sen decoración algunha, sobre o que se alza o capitel, profusamente decorado con volutas, follas e cabezas de anxos. Sobre o capitel unha cruz cilíndrica con Cristo, arriba INRI, abaixo unha caveira acompaña a unha figura humana que recolle o sangue que mana do costado do Salvador. Na cara oposta da cruz, a Inmaculada Concepción sobre a bola do mundo e pisando unha cóbrega. Sobre os brazos da cruz, dous anxos semellan coroar á Virxe.
Ollando dende esta banda do levante e co templo ao fondo, sobresae o esvelto campanario, ofrecéndonos unha bela estampa que non desmerece dos moitos que atopamos ao longo da Nosa Galicia.
Ao remate do acto litúrxico, as fotos familiares, entre os púlpitos, no cruceiro das naves, co recargado retablo ao fondo, foron a antesala do ágape que con tal motivo nos agasallou a familia.
Feliz día, querida Paula. Que che agarden moitos coma este.
3/06/2018
3/06/2018