DEL RIEGO

                                                                                           (1913-2010)


En tal día coma hoxe, vai alá unha década, tivo lugar o pasamento en Vigo, onde se instalara logo de rematada a Guerra Civil, de Francisco Fernández de Riego -don Paco-, quizais, unha das persoas máis activas e que máis influiron na galeguidade do século XX, e parece de xustiza lembralo e pedir que, máis cedo que tarde, sexa homenaxeado cunhas Letras Galegas; tendo, ademais, en conta que o Día das Nosas Letras se instituiu en 1963 logo de que: Xesús Ferro Couselo, Manuel Gómez Román e el mesmo o propuxeran á Real Academia Galega.

"Curiosamente o día que nos deixou eu mostreille a novela "Cabalo de Ouros" de Victor Fernández Freixanes, que foi o derradeiro libro que colleu nas mans, co cariño con que el os trataba. Só comecei a lerllo e a morte non nos deu tempo a máis".

Malores Villanueva

Natural de Vilanova de Lourenzá, primoxénito de once irmáns, cando paso preto da súa vila sempre o teño presente na memoria e, achégome ao pé do seu busto, onda a igrexa do Mosteiro de San Salvador e á casa onde naceu para lembralo.

Del Riego está considerado como "A PONTE" entre o galeguismo anterior á Guerra civil (Xeración "NÓS") e o posterior a eses anos escuros que van do 36 ao 63 e algo menos escuros dende o 63 ao 75.

Son moitas as etapas que poderiamos abordar ao longo da súa dilatada vida: En Vilanova de Lourenzá, nos Escolapios en Monforte, en Madrid -no primeiro ano da carreira de dereito-, os estudos en Santiago, os seus contactos coas xentes do Seminario de Estudos Galegos, a época de secretario local do Partido Galeguista en Compostela, o tempo como Profesor axudante de Dereito Civil cortado pola Alzamento militar, a súa aportación como escritor, a de presidente da Real Academia da Lingua galega dende (1977-2001)..., mais, no que me ocuparei neste escrito ten que ver co traballo desempeñado en Vigo, dentro da Fundación Penzol.

Chega a Vigo, logo de rematada a Guerra civil, onde contou co apoio de Valentín Paz Andrade, traballando no seu bufete e compartindo outros traballos, medio clandestinos, en Centros de ensino e escribindo en xornais e revistas case sempre con seudónimo, ata o seu ingreso na Fundación Penzol.

Penzol, é unha entidade Cultural privada, sen ánimo de lucro, que ten que ver con asuntos referidos a Galicia; créase en 1963, por iniciativa de Fermín Penzol, cando decidiu doar a súa moi valiosa biblioteca (especializada en temas galegos), facela de acceso público para a investigación. Logo da súa constitución foise arrequecendo con numerosas achegas: Consta de 42.000 libros impresos, 106 manuscritos, 500 diplomas ou pergameos de papel, 60 planos e mapas antigos, 700 caixas de documentos de archivo, 2370 títulos de publicacións periódicas dende o século XIX. Desenrola, tamén, actividades formativas de divulgación e cooperacion cultural...

Pois ben, desde o posto de Director da biblioteca Penzol (1963-2009), rodeado de libros, aos que tanto agarimo profesaba, converteuse no temón consultor, polo que pasaban moitos galeguistas, para comentar, organizar, recibir consello, estudar estratexias, converténdose nun punto de resistencia ao franquismo.

As relacións coa diáspora, pasaban por Don Paco, desde a súa cadeira de mando na Penzol. Viaxou a Bos Aires, Montevideo e Venezuela, mantendo unha intensa actividade co exilio, moi especial con Luís Seoane

A creacion da Editorial Galaxia (1950), xurdiu de Xaime Isla e Fernández del Riego. Ramón Piñeiro incorporouse despois como Director Literario e responsable da estratexia ideolóxica da Editorial. Del Riego e Piñeiro foron os seus Directores ata 1989. Del Riego traballou arreo, logo da fundación, no desenvolvemento da Empresa, participando ata nos labores máis cotiáns, en palabras súas xustificaba a razón de ser da editorial: "O equipo consideraba que había que facer unha política cultural de concienciación do que debía ser Galicia e a súa cultura, a lingua e o seu futuro".

A revista GRIAL -Revista Galega da Cultura- foi un dos primeiros obxectivos de Galaxia, para servir de ponte entre o vello galeguismo e a mocidade. Se ben apareceu en 1951, foi prohibida e non puido regularizarse ata 1963.

Así pois, dende Penzol, del Riego: Dirixía a biblioteca, preparaba conferencias, organizaba xuntanzas, escribía artigos para xornais e revistas, escribía libros, aconsellaba, escribía cartas...

Por todas estas actividades aquí nomeadas, e por moitas outras non abordadas aquí, non dúbido, da sensibilidde da Real Academia Galega cara a súa figura nin dunha próxima proposta para honralo cun ano de Letras Galegas.

rafadcg@r.gal

26/11/2020