O OBRIGATORIO SERVIZO MILITAR
Segundo consta na Cartilla do Servizo Militar, coñecida por aqueles anos como "A BRANCA", pola cor das súas tapas, a obrigatoria incorporación a filas, -no CIR nº 13, sito en Figueirido (Pontevedra) da miña quinta- produciuse na tarde do 18 de abril de 1973, previa presentación dos mozos no acuartelamento de San Fernando en Pontevedra. Procedía Eu, da Caixa de reclutas 821 de Pontevedra e unha vez incorporado ao CIR (Centro de Instrución de Reclutas) formei na 2ª Compañía do 1º Batallón.
Dada a miña condición profesional de Mestre, aquí no CIR, gocei dalgunhas vantaxes e tamén sufrín inconvenientes, se ben as vantaxes superaban os inconvenientes. Entre as vantaxes e as desvantaxes citarei:
-Saída de fin de semana os venres, unha vez rematadas as clases que impartía, todos os días da semana, logo que cesaban as actividades de tarde e ata a hora da cea, a aqueles compañeiros que non posuían o Certificado de Estudos Primarios. Como consecuencia deste servizo, os mestres incorporabámonos os luns ao mediodía e non os domingos pola noite como tiñan que facer os demais reclutas.
-Posibilidade, máis teórica ca real, de elixir destino unha vez rematado, coa xura de bandeira, o tempo de estancia no CIR. E apunto máis teórica ca real, pois a elección producíase segundo as vacantes de mestres que existían nos distintos cuarteis de Galicia, de forma que podías rematar no que solicitaras no derradeiro posto. No meu caso concreto fun a Ferrol, dos últimos que anotara como destino, debido o afastamento do meu domicilio, sito por aqueles tempos, na casa de nacemento en Carballedo, no Concello de Cotobade.
-Estar exento de servizos de: cuarteleiro, imaxinarias, cociña, comedor...ou calquera outro servizo denominado como mecánico.
O principal dos inconvenientes era: Que logo da dura xornada, e unha vez que acababan as actividades, no tempo de descanso e ata a hora da cea, os mestres, tiñamos dúas horas de clase as que asistían todos aqueles reclutas que non posuían o Certificado de Estudos Primarios.
O 24 de Xuño, festividade de San Xoán, de 1973, en palabras militares, prestei xuramento de fidelidade á bandeira e fun destinado ao Reximento Mixto de Artillería nº 2 en Ferrol ao que me incorporei en data 1/07/1973. Ese mesmo día, feita a presentacion no Cuartel de Baluarte e, logo dun cúmulo de formacións e recontos, pola tarde, e tras incorporar os distintivos de artillería ao uniforme, fomos trasladados, por mar, dende o porto de Ferrol ao Castelo da Palma, preto de Mugardos e, dende alí a pé, co macuto a costas, ata a batería número 13, apodada "A Bailadora" en Montefaro que tiña como acubillo o Mosteiro de Santa Catalina. Así pois, ese mesmo día, aprendín que no Cuartel de Baluarte, no centro da cidade de Ferrol, só se asentaban tres baterías do Reximento (Planas Maiores, A 14 e A 10) as demais antiaereas e de costa ao longo do litoral Coruñés.
Unha vez en Montefaro, logo comezaron os rumores, por medio de radio Macuto, de que alí teríamos un periodo de quince días, antes de incorporarnos ás baterias que nos asignaran como destino definitivo. E así foi; lembro o tremendo calor daqueles días como se fose hoxe mesmo: dúas semanas con moita instrucción e Educación Física ao longo de toda a mañá e cando o primeiro día que formamos pola tarde, pensabamos que o que nos agardaba era teórica, nada máis afastado da realidade, era: pico, pa ou eixada, segundo che tocase, para acondicionar a pista que dende Mugardos conducía ao acuartelamento e ás baterías que dende o cume apuntaban á entrada da Ría de Ferrol. Ao remate da primeira semana, unha marcha, case nocturna, previa á saída de fin de semana, daqueles que solicitamos tal permiso, puxo fin á miña semana en Montefaro ao ser reclamado, para incorporarme a Planas Maiores, para facerme cargo das actividades docentes.
De volta pois, no cuartel de Baluarte, e xunto con outros dous mestres, desempeñei labores de docencia ao longo dos algo máis de doce meses que me afastaban do licenciamento. Alí, os tres docentes, turnabámonos con permisos de quince días e programabamos as clases para que aproximadamente cada catro meses presentar ás probas de Certificado de Estudos Primarios aos mellor preparados e que puidesen optar ao mentado título; a obtención de tal Certificado supuña para os soldados, a posibilidade de obter algún permiso, pois de non ser así, só poderían acollerse a algún permiso fin de semana, no que non tiveran outro servizo.
As clases tiñan lugar polas tardes, dende a primeira formación ata a hora de alto.
Polas mañás, os dous mestres que sempre estaban no Cuartel, ocupábanse en: -Ir aos quioscos, da cercana Praza de España, a recoller os xornais e revistas e repartilos polas distintas dependencias e oficinas.
-Participar na instrucción preparatoria para os moitos desfiles nos que participaba o Reximento e poucos os artilleiros dispoñibles, causa pola que era moi doado que tiveramos que asistir.
-Actividades de Educación Física preparatorias para os campionatos militares de atletismo que se celebraron no Estadio da Xuventude en Pontevedra o ano 1974. (Onde participei na proba de 400 metros).
-Entrenamentos e partidos do equipo de balónmán do acuartelamento.
A vivencia máis intensa, da que teño acordanza, as tensas horas de acuartelamento, logo da morte, en atentado, do Almirante Carrero Blanco nas vésperas do Nadal de 1973.
Outras andainas pola cidade departamental que permanecen no meu caletre:
-Os longos paseos polas cuadriculadas rúas de Ferrol, dende a Praza de España ata a Praza de Armas, seguindo ata Marqués de Amboage e o porto pasando polo Ferrol Vello.
-As tardes de verán nos Cantóns, recuncho do que gardo unha das dúas únicas fotos de militar. A outra tivo lugar cun compañeiro de compañía, recluta, no CIR 13, en Figueirido do que nin sequera lembro o nome.
-As visitas a Igrexa Colexiata de San Xulián, na compaña dun mestre de Santiago, traballador por aqueles intres na catedral, do que lembro o apelido "Couso" moi amante da música de órgano e de onde me custaba arrincalo mentres o instrumento non deixaba de inundar coas súas notas o Templo.
-Aquelas películas no Teatro Jofre ou nalgunha outra sala de proxeccións da que xa non lembro o nome.
-Os domingos, cando ía a buscar ao meu curmán Xesús ao taller, preto da Bazán, o xantar na súa vivenda, por aquel entón, na Rúa Enxeñeiro Comerma e algún que outro partido do Racing de Ferrol no desaparecido Manolo Rivera, campo do Inferniño, co carnet do socio de traballo de meu curmán Suso, home que non asistía aos partidos, pero que era socio porque, segundo me manifestou: "O fútbol é bo para as cidades".
-Ou algunha que outra cea no "Lepanto", bar situado preto dos Cantóns e todas as noites ateigado de ceas de militares.
Así, entre : clases, deportes, ocio, desfiles, permisos... fómonos achegando ao 15 de xullo de 1974, día no que se nos entregou a ansiada "Branca" e comezaban outras etapas da vida, que xa serán comentadas noutros relatos.
29/01/2022
rafadcg@r.gal