O MIÑO(1)

O maior río de Galicia

Flúe dende a Serra de Meira (Lugo), Pedregal de Irimia ata a lagoa de Fon Miña para percorrer un longo camiño ata A Garda, da banda de España, e ata Caminha, pola orela portuguesa, atravesando por dúas capitais de provincia: Lugo e Ourense e servindo de raia entre España e Portugal dende Crecente ata a desembocadura.

Visita:

-Meira.

-Rábade

-Outeiro de Rei.

-Lugo (Cidade).

-Portomarín.

-Os Peares.

-Ourense (Cidade).

-Ribadavia.

-Cortegada.

-Crecente.

-Arbo.

-As Neves.

-Salvaterra de Miño.

-Tui.

-A Garda.

Se nos achegamos a Meira, por onde o Río aínda é un rapaz, non equezamos unha visita ao Mosteiro de Santa María (da orde do Císter), do que se conserva pouco máis que a igrexa, románica, cun bonito rosetón, algúns restos do claustro e o edificio que agora ocupa o Concello. Foi declarado Monumento histórico artístico nacional en 1931. Unha boa data para achegarnos a esta localidade sería un domingo de feira, evento que se celebra cada quince días.

Atravesa de seguido as terras do municipio de Rábade no seu camiñar cara Outeiro de Rei.

Por Rábade o segundo Concello máis pequeno de Galicia, cunha só parroquia (San Vicente), logo do de Mondariz (Balneario), o río transcorre polo límite oriental, afastando Rábade de Outeiro de Rei. Por este Concello ofrece paraxes de moita beleza con áreas moi interesantes para excursións e para a pesca da troita. Atopamos, para vadealo, neste Concello, tres pontes: unha de ferrocarril, e das outras dúas, unha con certo interés histórico, xa que foi ponte de pago, posiblemente de orixe romana. É de interés a Internacional Copa Miño de Piragüismo na que participan un gran número de regatistas celebrándose cada ano o día de Corpus.

E xa, decontado, Outeiro de Rei: Por estas terras, o Miño, ofértanos ao seu carón: O Parque Zoolóxico de Marcelle (con variadas clases de animais) e o Parque Zoolóxico Avifauna (dedicado a aves, tanto autóctonas como exóticas. Un pouco máis abaixo na beira do Río: A Carballeira de Santa Isabel, da que tanto nos falou o poeta Manuel María, nativo de Outeiro de Rei e da que tanto gustaba de pasear, nela atopamos unha pedra dedicada a El pola AELG (Asociación Escritores Lingua Galega) na que podemos ler:

¡Duros carballos verdeados,

petrucios e sedentarios!

¡Estades na Chá, chantados

solemnes e centenarios!

Como amo a vosa beleza

da máis baril sobriedade!

¡Que sensación de forteza

ollando pra eternidade!

                                       Manuel María

O ESCRITOR NA SÚA TERRA

ASOCIACIÓN DE ESCRITORES

EN LINGUA GALEGA -AELG-

OUTEIRO DE REI

31 DE MAIO DE 1997

Así mesmo, nese precioso treito do río, onde podemos desfrutar do baño, existen, mesas para comidas e lugares para asar á sombra dunha frondosa vexetacion. A ermida da Santa Isabel e un muíño son outros lugares de interés na zona. A rede fluvial encabezada polo Miño que nalgúns treitos desdóbrase e forma illas fluviais: San Roque, Trabanca, Pazo ou Seivane acolle aquí, como afluentes máis importantes, o Ladra e o Narla. Aquí, na marxe esquerda do Miño, na mesma carballeira antes mentada, lembro e recito con voz temperada un poema, da súa autoría, ao río dedicado:

O MIÑO

O Miño é vello e tristeiro:

sempre vai mudo e vai senlleiro.

No inverno semella que murmura

un segredo con forte voz escura.

Un escoita atento e esperanzado,

e o vello Miño sempre vai calado.

                                 Manuel María

Non abandonaremos Outeiro de Rei, sen cursar visita a Casa de Hortas, lugar de nacemento de Manuel María, hoxe convertida en Casa Museo, onde nos ilustrarán con retallos da vida e obra do poeta e onde poderemos admirar a súa completísima Biblioteca.

Seguen as súas augas, cada tanto máis abondosas, o seu discorrer cara a capital provincial (Lugo), a Lucus Augusta coa súa orixe romana, formando un trío cos outros dous conventos romanos na Gallaecia: Brácara Augusta (Braga) e Astúrica Augusta (Astorga). O Municipio Lugués está atravesado polo Miño, que recibe afluentes do oeste: (Riazón, Lamaboa, Mera, Lavadouro, Vilamoure, Avol) e do leste: (Fervedoira e Carballido). Do legado romano o mais notorio é a Muralla (do século III), que rodea a cidade, tanto polo tamaño, como polo estado de conservación, permitindo debido ao seu ancho camiñar sobre ela. Conta con varias portas (10), que se foron abrindo ao longo dos tempos e algunhas delas de gran beleza e varios lugares para acceder ao paseo superior. Foi considerada Patrimonio da Humanidade o ano 2000. A ponte romana que comunicaba Lugo con Braga sufriu modificacións ao longo do tempo, non obstante, as bases son en boa medida as orixinais. As termas romanas, a carón do Miño, nas instalacións do Hotel Balneario, poden visitarse libremente. Outros restos romanos de importancia atopámolos na Casa dos Mosaicos, unha gran Domus romana. Non debemos esquecer, na nosa estancia nesta cidade, a visita á Catedral que acolle unha variedade de estilos artísticos dende románico ao neoclásico ou o paso polo Museo Provincial, no antigo Mosteiro de San Francisco como principais xoias dun variado repertorio de cousas de interés que nos oferta a cidade.

Continuan o seu curso as augas que nos ocupan deixando a capital lucense e encamiñándose a Portomarín (localidade do Camiño francés a Santiago. Esta Vila, de nova construción, substituiu á primitiva, logo de que esta fose anegada polo encoro de Belesar. A Igrexa fortaleza de San Nicolao, antiga igrexa de San Xoán de Malta, que fora declarada monumento histórico artístico na 2ª República, foi salvada do anegamento, sendo trasladada pedra a pedra ao Novo Portomarín nos anos sesenta do século XX: A Igrexa con ameas e un bonito rosetón loce na Praza principal do novo Portomarín. Da antiga Vila, formada polos barrios de San Pedro, na marxe esquerda do río e San Xoán na dereita, ademais da mentada igrexa, de san Xoán, foi trasladada a fachada da igrexa de San Pedro, varios Pazos como o que ocupa a casa do Concello e o do Conde de Maza. Este encoro de Belesar é o máis grande do Miño. Neste concello de Portomarín son varios os ríos que engrosan a conca do Miño, citaremos os ríos: Torre e Ferreira entre outros...

rafadcg@r.gal

5/04/2024