OS PRIMEIROS ANOS

Abordarei, con este epígrafe as, xa afastadas e nalgúns aspectos algo difusas, lembranzas do período comprendido entre o nacemento e a idade de dez anos.

Vin ao mundo o primeiro de Agosto do ano 1951, na Casa da Costa, a última e máis alta da aldea de Asperiña, cunhas fermosas vistas, dende o balcón e dende o patín, sobre o val que o rio Almofrei rega no seu discorrer por esta, miña, parroquia de San Miguel de Carballedo, por aquel entón, Capital do Concello de Cotobade e, a día de hoxe, fusionado co de Cerdedo.

A vivenda, ao pé do camiño, moi usado por aquel entón por viandantes que ían ou viñan das parroquias de Corredoira e Caroi, e abrigada do norte polo Coto da Asperiña, acollía na parte baixa as cortes, destiñadas para a facenda: vacas, cuxos, porcos, ovellas e galiñas, sendo o primeiro andar, con acceso por unha escaleira de perpiaño que nos achega ao patín, o espazo destinado a vivenda familiar. En derredor, da vivenda: A horta de abaixo, da que lembro, dun xeito especial, as dúas claudieiras, desaparecidas fai tempo, mais que foron compañeiras deste primeiro canear meu polo mundo ao que me estou a referir. A horta de arriba, na que seguen a resistir os dous tramos de parra, o limoeiro e unha, xa moi avellentada pereira. A casa do forno e a casa de arriba serven de abrigo á nogueira, que se foi facendo dona do espazo que na miña nenez compartía con dúas cerdeiras. Xa na eira de abaixo, o horreo e espazo destinado noutras épocas a palleiro e colmeiro completan a redonda.

Son o terceiro dos fillos do matrimonio de José de Castro Laurenz e Olga García Andión. Dos dous primeiros irmáns, Carmen falecida aos 16 meses e José aos 4 anos non gardo lembranza algunha, xa que no momento do pasamento do segundo, a miña idade era 1 ano. Logo irían chegando, cada dous anos e todas no verán, tres irmás máis: Carmen de novo, Pilar e Olga, -todas vivas na data en que escribo estas acordanzas-

Na casa da Costa, chegamos a vivir xuntos: Os avós -Xesús e Carmen-, os pais -José e Olga-, e os catro irmáns vivos. Os nomes que, aos irmáns, nos impuxeron no bautismo e no asentamento xudicial no libro de nacementos teñen moito, ou case todo, que ver con nomes familiares:

Carmen, coa nosa avoa materna e cunha das irmás de meu pai que non cheguei a coñecer en persoa, vivía en Bos Aires, onde faleceu e onde lle deron sepultura.

José, co seu proxenitor e co avó paterno, falecido antes de coñecerse meus pais.

Eu, Rafael, por miña avoa paterna, navarrica, Rafaela Laurenz Unciti, natural de Aoíz, e por un irmán de meu pai, o meu tío Rafael, que tampouco coñecín en persoa, tamén finado na Capital Arxentina.

Carmen, á que lle impuxeron este nome, en substitución da primoxénita falecida e polas mesmas razóns.

María del Pilar (Pili), ten que ver coa terceira das irmáns de meu pai, que viviu e morreu, tamén en Bos Aires.

E finalmente Olga, a benxamina, por miña nai.

Feita a presentación familiar, pasarei a debullar as liñas capitais polas que transcorreu esa primeira andaina, tan importante no desenrolo tanto físico como intelectual e, básico para o desenvolvemento da personalidade. Desenrolarei, pois, o camiñar destes anos seguindo os seguintes epígrafes: A familia e as súas actividades, a linguaxe, as viaxes, a escola, a Igrexa, os xogos, os traballos, as festas.

A actividade familiar, neste primeiro decenio do meu existir, abarcaba dous aspectos: o agrícola-gandeiro, dirixido por miña nai -Olga- e no que colaboraban os avós e na medida axeitada ás idades -a rapazada- nos días de lecer e á volta da escola. Meu pai, era funcionario, desempeñando labores de Gardería Forestal do Estado.

O carro e as vacas eran elementos imprescindibles para levar a cabo as tarefas agrícolas. O carro, tirado polas vacas, carrexaba dos montes o toxo co que se estraban as cortes para que os animais durman secos e ao mesmo tempo que o transformen en esterco; abono que, de seguido, será carretado ás leiras para fertilizalas. O carro, transportaba pedra se era precisa para construír ou para outros fins, leña para consumir nas lareiras ou nas cociñas, os apeiros para traballar as veigas e os agros, nel viaxaban: o millo, o miúdo, o centeo, as patacas, a erba seca ou feo, que de contado se almacenará nun alpendre ou se fará un palleiro, para podela conservar e que sirva de axuda, para alimentar o gando nos días de invernía; así mesmo, as vacas, ademais do carro, prestaban a súa axuda tirando do arado, a cachadeira, a sachadeira ou a grade sen esquecernos dos cuxos que aportaban e, sobre todo, o leite, alimento básico en case todos os fogares, ademais de ser comercializado, facendo neste tempo de intermediario para LARSA, a Casa de Blanco, coa libreta do leite, nesta parroquia de Carballedo, que foi unha grande axuda para as familias campesiñas que eran case a totalidade.

Os muíños e o forno, eran tamén elementos esenciais naqueles primeiros anos dos que me estou a ocupar.

As galiñas, proporcionaban ovos e carne e, a perica ou ovella, años e la.

Neses primeiros anos, non tiñamos auga corrente na vivenda, sendo nós, os cativos, os encargados de carrexala dende a fonte, baixo a supervisión da avoa Carmen, que era a xefa da cociña. Así mesmo, chamabamos as vacas para labrar, para cachar, para sachar ou falabámoslle cando tiraban do carro. Tamén era laboura nosa, cando non tiñamos escola, ou fora do horario escolar, alindar o gando nos campos ou acompañalo no monte. Con toda esta actividade aínda quedaba tempo para xogar no camiño, onda a fonte da aldea, con outros cativos veciños, nos días de bo tempo, ou acubillarse en derredor da cociña de ferro no inverno facendo algunha actividade de estudo ou escoitando as lerias dos maiores. A television estaba por chegar, non o faría ata a seguinte década da miña existencia.

A linguaxe, na que aprendín a falar foi a lingua galega, aos catro anos empecei a ir á escola e, a partir dese intre escola e libros en castelán, se antes da escolarización tiven algún contacto co castelán debeu de ser mínimo. Logo da escolarización, as demais actividades fóra da aula seguiron a ser sempre en galego ata a incorporación ao bacharelato, aos dez anos.

As viaxes, nesta etapa da miña vida, foron moi poucas, así e todo citarei: Algúns desprazamentos á capital provincial. Unha viaxe a Vigo, no coche de liña que por aquel entón comunicaba Carballedo con esa Cidade, por certo que a cocheira, onde durmía o ómnibus, aínda se conserva e está ocupada por outra empresa, mais o servizo coa cidade da oliveira fai moitos anos que se perdeu. Algunhas visitas a Follente, aldea da parroquia de Santa María de Bemil, no concello de Caldas de Reis, para asistir á romería do San Xusto ou a algún outro evento, como voda, ou simplemente para visitar á avoa Rafaela, aos tíos e aos curmáns. Algunhas saídas, pero menos, a Coaxe, lugar da parroquia de San Pedro de Dimo, concello de Catoira, onde vivía outra irmá de meu Pai, a tía Pura; á festa da Virxe das Neves, ou á do Santiago Apóstolo, no lugar da Costa, na veciña parroquia de Loureiro, neste concello de Cotobade, onde vivía o Tío Paco, irmán de miña nai, casado coa Tía Gabina e os seus fillos. Tamén lembro saídas a algúns Santuarios como: Ao Anxo da Garda, no Cádavo, lugar da parroquia de Santa María de Sacos, no Concello de Cerdedo-Cotobade, a onde fun bastantes anos, logo da oferta feita por miña madriña, Arxentina García, coa fin de que non correra a mesma, pouca, sorte que os dous meus irmáns que me precederon; ao Cristo de Xende no Concello de A Lama; ou ao San Benitiño de Lérez por mor dunha espulla e máis un bulto que me aparecera, por aqueles anos, na parte posterior do xeonllo esquerdo.

A escola, asistín á Escola parroquial de nenos de Carballedo, situada no lugar de Igrexa, e habilitada nun dos baixos da Casa do Emigrante, tendo como único mestre a Don Rogelio Mosquera Rey, nos seis anos que alí cursei, entre os catro e os dez, que ocupan o treito que estou a expoñer e, alí adquirín a preparación para a o ingreso no Instituto Nacional de Ensinanza Media de Pontevedra. Resaltarei deste periodo escolar o forte impato que supuxo para min e para os demais escolantes, que non sabiamos, con catro anos, unha palabra de castelán o ter que falar, estudar e escribir, en castelán, voltando nos xogos e na familia á lingua materna, o galego. Non vou a estenderme máis neste apartado, xa que lle adiquei un escrito en FACENDO CAMIÑO, dentro do meu blog literario, onde se poderá consultar.

A Igrexa, xogaba un papel moi importante neses anos: bautismo, catecismo (na escola), catequese os domingos), axudar á misa dominical facendo tarefas de sancristán con contestacións e rezos en latín, primeira comuñón, confirmación... Si, paréceme de xustiza, nomear e destacar, o quefacer da Igrexa coas actividades realizadas por aqueles anos no Salón, do primeiro andar, da Casa do Emigrante que estaba destinado para levar a cabo actividades con cativos e maiores: xogos de damas e de xadrez, cine, algunha obra de teatro levada a cabo por veciños de diferentes idades, ensaios de Cantos de Reis, que tiñan lugar a noite do 5 de xaneiro percorrendo toda a parroquia, vestiario para partidos de fútbol que se celebraban no Campo do Emigrante, co Equipo do Canón de Pau como local, camiseta que defendín en moitas ocasións, antes do meu debutar con outros equipos, que xa terán o seu día para saír a escena, calquera outra xuntanza veciñal por diversos temas. Anos máis tarde sumouse un dos primeiros televisores que á parroquia chegaron... Para saber algo máis desta "Casa do Emigrante", remito ao Blog Literario antes aludido.

Os xogos, xogar ás bolas, xogar con buxainas, o xogo do pano, fútbol (que nós chamabamos xogar á pelota, xogo da barra, escondite, xogo do cravo, brilé, tirapedras, andar aos niños, o pincho..., entre os máis populares naquel tempo e lugar. Mención especial merece o coleccionismo, ocupación moi cultivada por case todos os cativos, sendo moi popular as coleccións de caixas de mistos: caricaturas de xogadores de futbol, castelos de España, animais etc., doadas de conseguir, pois en todas as casas se empregaban para acender o lume; e as de selos de correos, pois as cartas entre familias, sobre de todo emigrantes estaban moi presentes. Facer outra colección de cromos e álbums non resultaba doado e, só aquelas familias máis desenvolvidas economicamente, que se podían contar cos dedos dunha man, tiñan acceso.

As festas, ás que se asistía, con esa idade, eran as propias da parroquia, sendo San Roque e San Antón (tres días de festexos, algarabía e bulicio) no mes de agosto as mais celebradas, vivíanse de xeito especial xa dende a data na que comezaba a novena na capela da Chan, polo menos pola rapazada. Tamén lembro con certa morriña as festas de Nadal, Aninovo e Reis, que con tanta arela e afán agardaba. A recollida do musgo, a montaxe do nacemento, con miñas irmás, ao que iamos sumando algunha figuriña todos os anos e gardándoas, con moito esmero e primor, naquel maletín que tamén me acompañou á escola algúns anos desa década.

En fin, unha primeira década que rematou coa incorporación ao bacharelato, con dez anos acabados de estrear e con moitos medos, pola separación familiar durante espazos de tempo que me parecía eternos, sobre todo nos primeiros cursos, morriña e mudanzas en todos os sentidos, mais isto será fariña doutro fol, que denominarei anos de formación.

rafadcg@r.gal