A PRAZA DO RELOXO

A Rúa do Sol, que se nos amosa como unha elongación do espazo que nos ocupa, é sen dúbida algunha a porta máis chaira a esta Praza e tamén unha das rúas que Eu máis teño visitado nos xa cumpridos corenta e catro anos de veciño en Marín. Poucos son os negocios que se conservan daqueles primeiros anos aquí: Xoiería Muiños e Estanco de Pampillón e poucos máis. Este último e a causa de que eu transite a Rúa con tanta asiduidade, xa para recoller o xornal, xa para visitar ao amigo Peregrino, amigo a día de hoxe e amigo e compañeiro nos case doce anos de docencia no Colexio San Narciso. Esta Rúa, que partindo da intersección da antiga Francisco Bastarreche, hoxe rúa da Ponte, é chaira e exposta ao sol como o seu nome indica condúcenos á Praza do Reloxo, nome que acolle do aparello existente na torre traseira do templo que é a máis próxima a este espazo. Esta Rúa, xunto coa Praza que nos ocupa, é un dos lugares máis transitados, céntricos, acolledores e vetustos da Vila.

Tamén podemos acceder á esta Praza percorrendo a Rúa Real, en lene pendente, -antigo camiño real de Pontevedra a Cangas- atopándonos, á nosa esquerda, un edificio que loce un bonito brasón e, á nosa destra, xa perto da igrexa, outra casa cun escudo, de armas máis pequeño, lembra á familia Touriño. Desta mesma orela sae abeirando o Templo outra rúa que desemboca na empinada Echegaray na mesma fachada principal da igrexa. Na parte traseira, a carón dun dos laterais do ábside, loce un bonito cruceiro con esta lenda "De cruceiro a cruceiro en gratitude a Marín. Fogar Galego para anciáns. Donselaar 8-9-67 (Arxentina)". Circundado por un valado e acompañado dun pequeno xardín, un banco e unha Fonte; esta cruz de pedra acolle no seu fuste á Virxe do Carme e como traseira da crucifixión a San Miguel, brandindo a espada contra o Demoño. Embutido nun bloque macizo, como base, e rematado o seu fuste nun ornamentado capitel, non é merecente da pintada que desloce a súa procedencia.

Se acordamos subir á Praza do Reloxo partindo da Praza de España e ascendendo a empinada Rúa Echegaray, pasaremos por diante da escalinata que conduce á entrada principal do Fano. Esta Rúa debe o nome ao galardonado co Premio "Alfred Nobel" de Literatura en 1904, José Echegaray, veraneante en Marín, onde construiu a Vila Echegaray, no barrio de Cantodarea, desaparecida recentemente e onde con seguranza escribiu algunhas das súas obras. Xa ao final á dereita, todo ao longo do templo, un moderno edificio comercial que toma o nome do desaparecido Priorato de Oseira que se asentou en Marín no século XII, permanecendo aquí os monxes cistercienses ata 1835. Esta igrexa: antigamente "Nosa Señora de Oseira", construída sobre unha rocha, logo "Santa María do Porto" e a día de hoxe máis coñecida por "Igrexa Vella", presenta na súa traseira, de cara á Praza do reloxo un escudo de Oseira, dando fe da súa orixe. O escudo de Marín recolle a presenza desta Orde aquí, como testemuña do seu labor espiritual e de desenrolo do Pobo. Esta torre, do reloxo, vixía tamén algunas edificacións con galerías brancas e azuis, así como balcóns cromados de cara á praza, que lle infunden vistosidade e elegancia ao recinto.

Ao remate do nomeado edificio comercial, unhas escaleiras con ramplas ascenden ata a Praza do Reloxo, dende a noutrora belida Praza da Veiguiña, presidida no seu centro por un cruceiro, e hoxe moi afeada polas edificacións que alí se permitiron. A bela Casa das Irmás Fontenla, cerra a praza por esa banda, separándoa da Rúa Secundino Lorenzo, que dende a Banda do Río Lameira, hoxe subterráneo, ascende ata a nomeada Praza do Reloxo. Debe esta Rúa, na que morei Eu sete anos no nº 6 -2º, a súa denominación a Secundino Lorenzo Touza, natural de Marín, médico moi lembrado na Vila pola súa humanidade.

Por último, citaremos a Rúa do Forno, que dende o río Lameiriña e pasando pola actual sé da Asociacion de Cultura e Arte Santa Cecilia así como polo asentamento do anterior Concello, unha placa así nolo lembra, e tomando quizais o nome dun forno, non hai moito desaparecido, condúcenos á Rúa do Sol.

Moitas remodelacións sufriu co paso do tempo a Praza que nos ocupa, na última engalanouse cunha fonte e ao seu carón un monumento deixa constancia da "Danza das Espadas", que cada ano, no día de San Miguel os cofrades máis novos bailan en distintos lugares da Vila, sendo este espazo un dos que acolle tal danza. Tamén aquí teñen lugar outras actividades ao longo do ano, das que destacarei "As letanías do Enterro da Sardiña", todos os mércores de Cinza, de gran arraigo na Vila, acto que marca o final do entroido; ou a bendición de palmas e ramos por citar algunhas.

Aínda que co desenrolo de Marín, outros espazos acollen moitos dos eventos que na Vila son e foron restándolle protagonismo, a Praza do Reloxo, segue a formar parte destes lugares destacados non perdendo o cartel de zona cero do Casco Antigo.

rafadcg@r.gal

24/02/2019