OLLADAS

Declina, mainanente, esta calorosa tarde do primeiro día do mes de San Miguel; unha suave e apracible brisa corre, aquí, a carón da Praia da Posta nos Praceres, mitigando a calor e agarimándonos co seu lene frescor... Sentado no banco central da rúa que nos achega ao Colexio do Sagrado Corazón observo como unhas vagorosas ondas teiman, unha e outra vez, en achegarse a este pequeno bancal da Praia, mentres unas ducias de persoas toman o sol no areeiro, e outro pequeno grupo, na maioría barullenta rapazada, toman baño ou enredan polas rochas...Un único pescador de cana, proba fortuna, lanzando o seu artificial cebo, unha e outra vez, dende unha zona rochosa e poboada de algas clorófitas que se adentra no mar preto xa das instalación do Centro relixioso e uns catro ou cinco cativos empéñanse en trasfegar a auga do mar a unha pequena poza que cavaron na área. Que bullicio!

Vai avanzando o Sol cara o ocaso ou cara a posta, se nos atemos ao nome da praia na que nos atopamos, e produce sobre o líquido unha especie de, coruscante, bonito ronsel que cega, que me obriga a desviar a mirada á esquerda ou a dereita. De tal xeito atópome con Tambo, illa que se me amosa, verde, oufana, garbosa e irta no medio da Ría, semellándoseme, neste intre, un arroaz que emerxe, de pouco en pouco, ensinándonos a súa triangular silueta, sombriza, nestas horas cercanas ao serán, brincando e tapando, ao aínda, soleado Castrove ou, acaso, fai que evoque a unha embarcación varada no medio do azul mar, co faro Tenlo na proa a modo de mastro e a branca área, da súa única Praia, na popa confundíndonos co ronsel que no seu surcar xeraría. Unhas embarcacións turísticas navegan preto da súa silueta e algúns veleiros semellan estar ao pairo nas súas proximidades. Neste momento, non albiscamos ningún cargueiro nin de pequena nin de gran tonelaxe, que con tanta frecuencia arriban a este porto, para cargar ou descargar, e si, unhas pequenas, branquecinas e algodonosas nubes que se situaron a modo de coroa, sobre o curuto de Tambo.

Dende o meu banco, sobre a Praia, co sol baténdome nos ollos e reflectíndose nas augas, observo grupos de pícaros explorando as rochas, mergullándose dende unhas escadas cercanas, mentres grupos de maiores pasean, a carón da auga, toman a raxeira, facendo nalgúns casos faladoiro, entretéñense co móbil ou, os menos, len un libro.

Algo máis á miña man sinistra, parados neste momento, uns enormes guindastres, rodeados de contedores, agardan, seguramente, a chegada dalgún cargueiro, mentres no peirao as máquinas e os camións afánanse en ordenar contedores e outros materiais de embarque.

Algunhas gaivotas voan preto da praia, agardando o intre de cacheala, logo da marcha dos derradeiros usuarios; o pescador, do que antes falei, mudou de rocha na procura de maior fortuna e segue insistindo cos seus lances; a brisa vaise facendo máis intensa pero segue a ser un bálsamo que permite tomar cómodamente estas derradeiras raiolas de sol de tan estival día.

Levanto os ollos do caderno no que escribo e, decátome de que un fato de rapaces pequenos, armados de caldeiros, pas, camións, ganapáns, anciños..., todo fabricado en plástico, iso si, con moito colorido, non deixan pedra nin poza sen rexistrar na procura de non sei ben que cousa. Que riqueza posúe a súa imaxinación infantil! Semellan un formigueiro, que idade máis bonita!

Nestas consideracións estaba, cando decido deixar o escrito, abandonar o privilexiado banco con vistas na Praia da Posta, dende o que fixen navegar o meu maxín a través da vista, do olfacto e do oído por esta bonita ría e desandar o camiño cara a Praza dos Praceres onde recollo o coche, mais teño que agardar, o semáforo en vermello anuncia o paso dun tren de mercancías camiño do peirao; unha vez que remate de pasar o convoi, formado por moitos vagóns, poderi achegarme a Marín para seguir matinando, logo deste tempo de lecer.


rafadcg@r.gal

1/09/2020