ARTES E LETRAS 2022
As Artes Galegas, que teñen como día central dos seus actos o 1º de abril, retomarán en 2022 as súas andanzas, logo de pasar pola pandemia, co seu sétimo persoeiro, farano, nesta ocasión homenaxeando a figura do pintor, nado no Concello de Lalín, José Otero Abeledo (LAXEIRO) ao que vén de nomear por aclamación A Real Academia de Belas Artes, cualificándoo como " Unha figura decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galega do século XX". Persoeiro cunha obra renovadora e comprometido coa realidade social e cultural do seu tempo.
Foi Laxeiro, un dos persoeiros representantes do Movemento Renovador, pintura galega, no segundo tercio do século XX.
Emigrante en Cuba aos 13 anos, reclamado polo Pai, é alí onde recibe as primeiras nocións de debuxo e asiste as exposicións de Xesús Corredoira e de Zuloaga que o encamiñan cara á pintura. Volta a Galicia e participa na Guerra Civil, vivindo logo da contenda militar en Pontevedra e Vigo. En 1951 trasládase a Bos Aires, por mor dunha exposición colectiva e pasa alí algúns anos, regreasando España en 1970 con diferentes domicilios en Madrid, Lalín e Vigo, onde falece en 1996 deixando unha obra de máis de 2000 pezas, o que supón o legado máis importante da pintura galega do século XX.
Unha obra, a súa, que ten a capacidade de conectar co barroco, coas vangardas históricas e con correntes do neoexpresionismo de finais de século XX.
En Vigo, na Casa das Artes, ten a sede a Fundación Laxeiro e alí podemos visitar unha ampla mostra dos seus traballos.
Preparemonos, para homenaxealo en 2022, como se merece, estudando a súa figura e a súa obra. Será o sétimo homenaxeado logo de persoeiros do mundo artístico como: O Maestro Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Alexandre da Sota, Luís Seoane e Domingo de Andrade.
* * *
Por outra banda a Real Academia da Lingua Galega acaba de nomear a figura a quen rendiremos homenaxe ao longo de 2022 e, máis en particular, no DÍA DAS LETRAS GALEGAS, será: Florencio Delgado Gurriarán (1903 -1987). Serán actos para resaltar a súa obra poética e para poñer en valor aos exiliados mexicanos, dos que o persoeiro, natural de Valdeorras, foi un firme referente do galeguismo e do activismo democrático.
Na súa poesía atopamos un forte enxebrismo do léxico galego oriental, nos poemas satíricos que nos aportou. Ademais do aspecto literario, quérese poñer en valor a súa participación a través de iniciativas como as emisións de radio,"Hora de Galicia" ou a revista "Vieiros" da que foi cofundador.
En "Cantarenas", serodia publicación, recolle o seu primeiro poemario -"Bebedeira"- e outros dous que xiran en derredor do viño de Valdeorras. Ademais inclúe algún dos poucos textos en prosa seus.
En 1963 aparece "Galicia Infinda" Corenta e tres poemas que conxugan Galicia e México.
Gurriarán promoveu publicacións como: "Saudade" ou "Vieiros" e mantivo correspondencia con F. Fernández del Riego Ou Valentín Paz Andrade, dous pilares de unión coa resistencia franquista do exterior.
Así mesmo, traduciu a Rimbaud, Valéry, Mallarmé etc. no volume: Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, na compaña de Lois Tobío e Plácido Castro.
Sirvan estas pequenas reseñas, de avance, da persoa que imos homenaxear en 2022, exiliado en Francia, fuxindo da Guerra Civil, e dende alí, a bordo do cargueiro IPANEMA a México.
E mentres, tanto sigamos celebrando a Xela Arias, no que resta de ano pandémico e vaiamos familiarizándonos con este exiliado de Valdeorras que nos ocupará en 2.022.
rafadcg@r.gal
5/07/2021