EXPOSICIÓN

Antonte, visitei no Museo Torres, desta vila de Marín, a exposición: "450 anos da Biblia en castelán", mostra da que poderemos gozar ata o vindeiro día 24 deste mes de santos.

A exposición, organizada pola Igrexa Evanxélica ou protestante de Marín, que ten presenza neste Concello con dúas igrexas, unha na capital municipal e outra na parroquia de Seixo, dende o ano de 1882 en que comezaron a predicar o Evanxeo na Vila.

A Comunidade protestante, de Marín, aporta con esta mostra, o seu gran de área ao festexo de que Libro de tal importancia, que revela O Evanxeo de Xesucristo, puidese ser lido en Lingua Castelán, cumpríndose este ano o 450 aniversario de tal feito.

Así pois, Carmen e Eu, percorremos as diversa salas que nos foron ilustrando con paneis e materiais diversos da historia e das vicisitudes que acompañaron ao longo dos tempos á Comunidade protestante. Unha andaina polas sociedades dos séculos XV e XVI, coas súas transformacións e mudanzas de todo tipo: xeográficas, políticas, económicas, sociais, tecnolóxicas, culturais e artísticas..., nesta chamada época Renacentista acompañada do seu aspecto cultural, o Humanismo, puxéronnos en antecedentes dos vieiros polos que se conducían as sociedades da época...sociedades que carecían da Biblia no idioma do Pobo.

Este mundo en cambio, que son as sociedaes do século XV e XVI, que só permitían a Biblia en latín, veuse alterado pola Reforma que impulsou as traducións ao ter como base das súas ensinanzas este Libro Sagrado. En España, sufriu unha grande represión coa Inquisición, aínda así, dous evanxélicos fuxidos ao extranxeiro fixeron a primeira tradución ao castelán, estando perseguidas e prohibidas en España ata 1868.

Como cume da mostra, visitamos na derradeira sala un conxunto de BIBLIAS, cada unha coas súas particularidades e historias e que se achegaban ao seu cenit coa que publicou en 1569 Casiodoro de Reina, edición completa e coñecida como a "Biblia do Oso, polo deseño da súa portada, un oso comendo nun panel de mel, e a "Biblia do Cántaro" de Cipriano de Valera de 1602.

A Comunidade Evanxélica, que este 2019, celebra os 450 anos da tradución da Biblia ao castelán, conmemora tamén os 500 anos da Reforma Protestante. Ambos acontecemento quedaron plasmados na emisión dun selo de Correos, sendo a primeira vez que Filatelia emite un selo solicitado por protestantes. O selo, cunha emisión de 180.000 exemplares, presenta un deseño alusivo ao V centenario da Reforma protestante e aos mentados 450 anos da Biblia do Oso.

Unha boa ocasión para achegarnos ao Museo Torres, para ilustrarnos e coñecer máis de preto as vicisitudes e caracteres das relixións, dos movementos culturais, da historia, coas súas causas e consecuencias, que de seguro nos enriquecerán.

Agardamos tamém, que a próxima visita ao Museo, poidamos facela no elevador, durante tantos anos demandado e agora xa instalado, pendente da autorización para o seu uso. Sen tempo non foi!

rafadcg@r.gal

21/11/2019


TRINTA E SEIS ANIVERSARIO


              Soaban as badaladas das dezasete horas, daquel invernal vinte e tres de Nadal, cando, na compaña dunha descomunal tronada, fíxemos a entrada na Igrexa parroquial da Virxe do Camiño en Pontevedra: Carmen, do brazo de seu pai, Benito e Eu, acompañado de Olga, miña nai, para celebrar a cerimonia relixiosa da Nosa Voda.

             Hoxe, aínda ben non espertei, recordei a data e acudiron ao meu maxín, dende o fardeliño que as acolle, algunhas lembranzas de día tan sinalado: reparei na celeridade do tempo, nos devezos, afáns, ilusións e tamén nos desencantos ou chascos que se materializaron ou fustraron nestes trinta e seis anos, nas arelas que se quedaron no tinteiro ou aínda permanecen na recámara pendentes da súa eclosión... Algúns, quizais xa perderon a primavera, outros, pola contra, acaso poidan aínda abrollar... Quen o sabe? Cada froito ten o seu tempo de sementeira e de recolleita, así por esa orde... mais sen a primeira escasa será a segunda...

               Repasei, con brevidade os recordos de data tan sinalada: a cerimonia relixiosa, a nosa reporteira gráfica de voda Salud, irmá de Carmen, as persoas da familia que nos acompañaron, aquelas que estando presentes xa non están con nós, os amigos, a posterior merenda cos familiares -país, irmáns e parellas- no piso da Rúa Eiriña nº 1, 1ºB en Pontevedra... Evoquei axiña a canción "Como pasaron os anos"...

              Mención especial, quero facer, dos amigos de ambolos dous, que sen ser convidados, quixeron acompañarnos de xeito espontáneo en tal tarde nos actos relixiosos, felicitarnos e desexarnos o mellor e do que uns retratos ao remate, nas escaleiras do Templo, deixaron constancia de tal feito. Para todos eles a miña gratitude por acompañarnos nesa data e por seguir gozando da súa amizade trinta e seis anos despois.

              Alí, na escalinata da Igrexa, cando o lusco fusco ía deixando paso á noite e coa tronada algo máis afastada, outra fotografía cos familiares máis achegados, que agora repaso: pais, irmáns, sobriños servía de colofón aos actos relixiosos. Observo o retrato e lémbrome especialmente dos que xa non son deste mundo: os padriños, meu pai Xosé -que foi o primeiro en deixarnos-, os cuñados: Pepe e Antonio..., o transcorrer da vida que non se detén e vai queimando as súas etapas: a neneza, a mocidade, a madureza e a ancianidade, todas elas no mellor dos escenarios, como un camino predeterminado e no que algúns acadan a meta e outros só chegan ata onde o seu destino determina.

            De seguido, matino na chegada da nosa única filla, Cecilia, quince meses máis tarde, que coa súa minusvalía converteuse no centro neurálxico e de atención deses anos de matrimonio que levamos sumados. Que sería de nós sen esta alfaia?, sen a súa cándida ollada?, sen o seu cariño?, ..., por uns intres quedo a matinar e acode a min a dúbida de quen aporta máis: Nós a Cecilia ou Cecilia a nós? Logo saio de dúbidas, sen medo a errar: Cecilia a Nós.

            Pola noite, como viñemos facendo todos os vintetrés de decembro dende esa data, celebraremos este novo aniversario cunha cea especial na casa..., brindaremos co máis común dos ditos: "De hoxe nun ano" e logo pediremos.

              E como mañá será O día de Noiteboa, desexar moita felicidade e paz para toda a humanidade.


rafadcg@r.gal

23/12/2019