PESTE

No intre de esvarar as xemas dos dedos polo teclado do ordenador, decateime da obriga de desinfectalo e, cunhas bágoas de xel protector dermatolóxico e un pequeno pano, executei unha limpeza instantánea. De seguido, asperxín as mans e dispúxenme a escribir algo sobre esta epidemia, do ano en curso, que nos ten confinados nas vivendas dende hai máis de seis semanas.

Algo inaudito, insólito, nunca vivido nos meu sesenta e oito anos de tránsito por este mundo... Pandemia esta, que ten paralizado o Mundo, mentres non cesan os contaxios, as cuarentenas, as medidas de excepción, a saturación dos hospitais e o que é peor as mortes..., consecuencia máis tráxica, funesta e para a que non atopo calificativos, pois moitas das víctimas están a falecer sen o cariño, o agarimo e a presencia dos seus achegados..., seres queridos que nin tan sequera os poden despedir, nin enterrar segundo os ritos e costumes de cada familia. En fin, dramático, terrorífico, arrepiante...

Mentres tanto a carreira de media humanidade para acadar un remedio: unha vacina, pola que están traballando científicos de todo o orbe, que poida procurarnos inmunidade, e o estudo e búsqueda daquel tratamento farmacolóxico que poida, cando menos, frear esta riada de defuncións, axudando a que esta pandemia acade as mínimas cotas.

Polo momento, seguir na cuarentena: lavar as mans, ata gastalas, frecuentemente, con auga e xabrón ou úntalas co xel antes nomeado, e, para saír á rúa, ademais das distancias persoais recomendadas de un metro e medio ou dous é recomendable o uso de mascarillas e luvas, de xeito que o entroido abarcará todo o ano e poderemos pasar a carón dun coñecido sen decatarnos..., en fin que teremos un antes e un despois en canto aos costumes e xeitos de relacionarnos.

Pero mentres, os ansiados días de volta a esa relativa normalidade chegan, teremos que resignarnos e soportar esta reclusión o mellor que poidamos, e en todo caso, ía dicir rezar, mais non sei se será a palabra adecuada, para non entrar en contacto con esta praga, chamada coronavirus e apelidada covi-19...

En paralelo, as economías mundiais caen en picado, os países entran en ruína, a fervenza de traballadores que pasan a engrosar as listas de paro non deixa de medrar e a fame e a miseria comenzan a ensinar as súas fauces por todos os recunchos do Globo Terráqueo.

Confiemos, en primeiro lugar, en poder parar esta pandemia canto antes, ou ir vencendo a este inimigo invisible, traizoeiro, tremendamente contaxioso e criminal, contra o que semella, polo momento, que esteamos a dar paus de cego, para logo poder iniciar un periodo de reconstrución que me temo, no meu pequeno entender, que resultará moi longo e penoso para moitas familias do Planeta.

Entre tanto, contemplo un merlo que se afana en petiscar, a carón do regato que dende a miña fiestra albisco, medio camuflado entre a medrada vexetación, totalmente alleo ás miñas cavilacións sobre o virus; de repente, voa, sigo a súa ruta e decátome da liña do horizonte, recortada sobre un intenso ceo azul, limpo de nubosidade e contrastando coa abondosa frondosidade que se me amosa espléndida, nesta primavera, que nos acaba de roubar este maldito e asasino virus.

rafadcg@r.gal

25/04/2020