CUNQUEIRO
Se a miña obra ten un sentido, teno no meu desexo profundo de que a nosa lingua continúe.
Álvaro Cunqueiro.
Estou en Mondoñedo, diría máis, no corazón de Mondoñedo, nesta Praza da Catedral que segue a medir os latexos da que foi noutrora unha das sete capitais do Antigo Reino de Galicia. Son as horas centrais do día, desta calorosa e tormentosa xornada estival. Observo, como os peregrinos, que chegan á Praza, admiran o conxunto, ollan a fachada do Templo e entran uns e saen outros, sen acougo, anegando e enchendo de bulicio os locais adxacente.
Contemplo, este ir e vir, sentado na terraza dun bar, moi preto de Don Álvaro, representado nunha escultura de bronce, sentado sobre un banco de pedra, obra do valenciano Juan Puchades, estatua, que non deixa de recibir xente que se retrata ao seu carón, nesta verdadeira tribuna sobre a Praza que ofrece unhas marabillosas vistas...
Sempre que paso preto de Mondoñedo, achégome a visítalo. Hoxe, aquí sentado, na compaña do amigo Peregrino, mentres as nosas donas entran na Catedral, aflora en min a lembranza da execución de Pardo de Cela e do seu fillo ordenada polos RR.CC. e a súa posterior sepultura na catedral; tamén evoquei, nese intre, a lenda da Ponte do Pasatempo, onde segundo se conta a súa dona Isabel de Castro, que acudía co perdón real, foi demorada para que non chegara a tempo de parar a execución.
Mentres nos encamiñamos polos soportais, para visitar no nº 13 da Praza a Casa Museo do autor, lembrámonos daquel "Merlín", que aquí ao abrigo deste espazo cuberto, engaiolaba turistas, mais puxo, durante anos, unha entrañable nota colorista á Praza coa súa presenza.
A Casa-Museo, está situada na vivenda que foi propiedade de súa irmá Carmen, e na que residiu don Álvaro dende 1947 ata os primeiros anos da década de 1960, xestando aquí dúas das súas novelas : "Merlín e familia" e "As crónicas do Sochantre". Mais Cunqueiro nacera na Rúa Méndez Núñez, frecuentando ao longo da súa xuventude moitos lugares, mais cabe destacar a "Barbería do Pallarego", persoa que el tiña por ser o seu gran mestre; aquí viña todos os días a ler o xornal inventando a metade das novas, noticias que logo o Pallarego glosaba. A Casa-Museo, modernamente acondicionada consta de cafetería e restaurante, revindicando así a faceta gastronómica e as receitas de Cunqueiro. Ademais dun espazo expositivo, con obras do autor, contén manuscritos, obras editadas, fotografías e vídeos e no espazo onde durmía e traballaba, obxectos persoais, cadros etc. Dende a súa alcoba deixamos constancia da nosa estadía cun retrato na fiestra co fermoso rosetón da catedral ao fondo e outro co San Lourenzo coa palma de mártir e a súa grella. Durante a visita, ao bater con "Xente de aquí e de acolá", unha das súas obras que, regularmente, ao longo dos anos de docencia empreguei, non puiden deixar de lembrar a algúns dos persoeiros que por tal libro transitan: Mel de Vincios, Muñiz de Parada ou Leiras do Marco..., por nomear algúns.
No decorrer do xantar, que fíxemos con vistas á Praza, non deixei de recordar ao gran fabulador e a súa importante aportación poética e narrativa á Lingua. Tamén tiven lembranzas para outros importantes mindonienses: Leiras Pulpeiro e Noriega Varela no eido literario e Pascual Veiga no musical, figuras que engrandecen este punto do Camiño Santiago Norte.
Un paseo polas rúas, a visita á Fonte Vella, un percorrido polo Seminario, As lembranzas de Del Riego -amigo de Cunqueiro- a quen de mañá gabamos, ao lado do busto, onda a Igrexa do Mosteiro de Lourenzá e membro que foi coma el da Real Academia Galega da Lingua. Don Álvaro ingresou na Real Academia da Lingua Galega en 1961, lendo o discurso de entrada dous anos máis tarde, titulado: "Tesouros novos e vellos".
De seguido, puxemos fin a esta xornada no vello e belo Mondoñedo, que como el nos deixou dito: É rico en pan, auga e latíns.
rafadcg@r.gal
6/07/2019