AVÓS MATERNOS
Onte, vinte e tres de febreiro, Domingo de Entroido, celebramos na Casa da Costa, como cada ano, dende que eu teño acordanza, un xantar familiar, no que non faltou: o bolo do pote, a cacheira cocida no caldo, os ósos de soá, o doce feito na vincha e as follas de limón..., por nomear algunhas das viandas tradicionais destas festas de carnaval.
A sobremesa foi longa e as lembranzas afloraron cando, despois de repasar algún retratos, nos fomos decatando das moitas persoas que xa non están con nosoutros, houbo recordos para todos eles..., mais, Eu quero agasallar, con estas humildes liñas, ao matrimonio que construíu a vivenda que hoxe nos acolle e na que Eu vin ao mundo hai xa sesenta e oito anos: o avó Xesús e a avoa Carmen.
O avó, Xesús García Beiro, que era natural do Concello de Cerdedo, hoxe unificado co de Cotobade, casou en primeiras nupcias con Olimpia, viviron na aldea de Cuqueira, freguesía de Carballedo, municipalidade de Cotobade, ata que Olimpia faleceu, no intre de dar a luz ao que foi o seu primeiro fillo (Victorino). Lembro ao tío Victorino, -nos anos anteriores ao seu pasamento que se produciu en Ayamonte (Huelva) onde desmpeñaba, neste porto, o traballo de Capitán da Marina Mercante- polas visitas que cada estío facía á casa do meu avó e, moi particularmente, por un galano que nun daqueles veráns me fixo: un reloxo, marca Dogma, o primeiro reloxo que posuín e que eu tiven catalogado como unha verdadeira alfaia. O tío, finou na localidade onubense, antes amentada, de xeito repentino, antes da acadar a idade do retiro.
O avó Xesús, logo do falecemento de Olimpia, casou en segundas nupcias coa que sería a miña avoa Carmen; entendo que estivo algún tempo en Brasil e que edificaron a "Casa da Costa", no lugar de Asperiña, na parroquia de Carballedo (Cerdedo-Cotobade). Eu, que compartín alcoba con el ata que comecei o bacharelato en Pontevedra, lembro ao avó como unha persoa calada, cooperando nos traballos do agro e gandería, se ben, na Casa de Arriba había banco e ferramentas de carpintería; Morreu aos oitenta e oito anos, fumaba tabaco de picadura que mercaba en cuarteiróns, mais non o lembro como un gran fumador; os domingos pola tarde xogaba, na taberna de Cuiñas, unha partida de subastado con outros veciños, falaban das labores do campo e repuñan tabaco para a semana. Hoxe diante dun retrato seu, que lembro por aqueles anos enmarcado e pendurado nalgún lugar da sala, rememoro a súa seria fisonomía, con traxe e gravata, home de mediana estatura e abundante mostacho coas guias reviradas, non oculta a rixidez do momento,... e acoden ao meu caletre aquelas verbas que me dirixía dende o leito, cando marchaba ao Instituto logo dunhas vacacións ou dun fin de semana: "Rafael...e sinalaba un peso en papel, que depositara para min, sobre a mesiña de noite". Así era o avó Xesús.
Coa avoa Carmen, natural do lugar de Covas, parroquia de San Martiño (Concello de Forcarei), convivín unha década máis que co avó, se ben por eses anos a convivencia, nese periodo meu de formación, quedaba reducida aos veráns ou fins de semana... Moi boa cociñeira, especialista en caza; nos derradeiros anos por mor da forte artrose que padecía nos xeonllos os seus labores desenrolábanse na vivenda ou preto dela: a corta e almacenamento da leña, para todo o ano, estaba da súa man, esperta en palleiros e no seu remate para que non collan auga, colaboraba nas esfolladas e non se esquecía de ninguna quenda de rega, de que carrexaramos a leña para preto da cociña de ferro e que deixaramos ben abastecida a casa de auga, traballos case sempre encomendado aos máis cativos, de maneira que, entre uns e outros labores facían que nos minguara un montón o tempo de xogueta á volta da escola. Dona e señora da cociña, coa cafeteira de aluminio, que ela chamaba -pava-, sempre disposta para agasallar a calquera veciño que asomase pola porta. Hoxe lembro á avoa, Carmen Andión Feijoo, diante dunha fotografía, sentada sobre o cepo de cortar a leña, na compaña de miña nai, Olga, das tres miñas irmás, de (Graciana, unha veciña) e de quen escribe co can "Pelé".
Os avós tiveron dous fillos, Francisco e Olga (miña nai), herdeira da casa da Costa que eles edificaron, na que hoxe celebramos o carnaval e onde decidín elaborar esta merecida lembranza para eles. Grazas avós.
rafadcg@r.gal
23/02/2020