ARTES 2023: MARTÍN CÓDAX
Martín Códax o de Vigo
Airas Nunes e Mendiño,
dicían os seus cantares
nas terras qu baña o Miño.
A Real Academia Galega de Belas Artes vén de nomear, en sesión celebrada este mes de xuño de 2022, ao persoeiro que se homenaxeará o vindeiro ano 2023: Será o trobador Martín Códax, quen viviu entre os séculos XIII e XIV e do que salienta a súa faceta musical nas cantigas de Amigo.
Martín Códax, "Chantre do Mar", como foi nomeado por don Ramón Otero Pedraio, amósanos, nas sete cantigas que se lle atribúen, a particularidade de que de seis delas conservamos a música ao ser descuberta nun documento que servía de forro a un libro, documento que coñecemos co nome de Pergameo Vindel, chamado así por ser Pedro Álvarez Vindel o libreiro que as atopou formando parte da encadernación dun libro de Cicerón. Este pergamiño, único, consérvase en Estados Unidos e nel aparecen as sete Cantigas de Amigo de Martín Códax e seis delas, escritas en follas (pergameos) do século XIII como as que empregaban os xograres medievais, conservan a notación musical.
Este pergamiño, ao que aludo, viaxou a España, sendo exposto en Vigo, no Museo do Mar en 2017, onde formou parte dunha exposición sobre a época, aparecendo como figura central da mostra e onde Eu tiven a ocasión de contemplalo. De tal exposición deixei constancia nun escrito datado en 6/11/2017 e que nomei: O Pergamiño Vindel.
Direi aquí que o trobador, Martín Códax, tamén foi homenaeado nas Letras Galegas de 1998, xunto con outros dous poetas da Ría de Vigo: Mendinho e Xoán de Cangas; de tal evento conservamos un monumento na Illa de San Simón, na Baía de Vigo.
Coñecemos moi pouco da súa vida, semella que estivo na Corte de Fernando III e que probablemente o seguiu nas súas expedicións guerreiras por terras de Andalucía.
Fai nas súas cantigas unha humanización do mar e da natureza como camiño para transmitir o seu propio sentimento e amósasenos como un precursor do romanticismo...
Se nos atemos ao que nos di o profesor M. Rodríguez Lapa, un grande estudoso da poesía medieval, ao falar das cántigas de amigo destaca: a súa feminidade así como a popularidade que ese rasgo lle atribúe.
Salienta dous aspectos:
-O sentimento da namorada pola ausencia do amigo.
-A situación da moza baixo o poder da nai, atenta e vixiante da súa conduta, comportamento e proceder.
As cantigas de amigo, nas que fala a namorada, preséntasenos baixo dous formatos:
-Como cantigas de feitío persoal.
-Como cantigas de molde tradicional, máis narrativas.
Agardemos a chegada do próximo ano, para que con este nomeamento poidamos coñecer novos aspectos das cantigas de amigo en especial da súa musicalidade e profundar na moi descoñecida vida deste poeta do mar. Así mesmo, mentres non chega 2023, seguir rendendo a merecida homenaxe ao pintor Laxeiro e profundando no coñecemento da súa vida e obra que nos ocupa neste 2022.
Estes son os títulos das sete cantigas de amigo de Martín Códax:
Ondas do mar de Vigo
Mandad'ei comigo ca ven meu amigo
Mia yrmana fremosa treides comigo
Ay Deus se sab'ora meu amigo
Quantas sabedes amar amigo
En o sagrad' e Vigo ( Só texto, sen notación musical)
Ay ondas que eu vin ver.
Ai ondas que eu vin veer,
se me saberedas dizer
por que tarda meu amigo sen min.
Ai ondas que eu vin mirar
se me saberedes contar
por que tarda meu amigo sen min.
rafadcg@r.gal
Agosto 2022