COLECCIONANDO

En calquera caso, os coleccionistas -de algo, do que sexa- son seres afortunados. Posúen unha graza desmesurada e obsesiva, case divina.

                                                   Arturo Pérez-Reverte

Fai xa un tempo, a miña dona Carmen, recortou para min o artigo: "Coleccionar felicidade" da revista O Semanal, de data 1º de outubro de 2017, que baixo o epígrafe, Patente de Corso, asina, semana tras semana, o académico da Real da Lingua Española, Arturo Pérez-Reverte.

Lino con atención, matinei sobre el, vinme en certo modo reflictido, arquiveino, e hoxe, no intre que volvín a atoparme con el, decidín, de repente, facer algunhas consideracións, por escrito, dado que a numismática é dende fai moitos anos unha arela á que me resisto a renunciar.

Conta o académico, no artigo, o proceso que el segue con cada nova peza conseguida: estudo para saber procedencia, valoración do seu estado de conservación, historia, etc., é dicir, emprega no seu caso o exemplo dun sabre, armas que el colecciona, para chegar á conclusión de que calquera obxecto de colección é, ademáis de motivo de pracer persoal pola consecución, unha porta aberta á aprendizaxe.

Fíxome pensar no neno coleccionista que fun, case todos o fomos; no porqué, segundo afirma, hai máis homes que mulleres coleccionistas; no que aporta este afán por coleccionar algo,- afirma que, as persoas que nos ocupamos de tal actividade, somos seres afortunados-, no que en particular me aportou e segue aportándome a min, etc.

Pois ben, tal artigo, fíxome lembrar aqueles primeiros anos de escola na aldea, onde unha das poucas cousas ás que podiamos acceder era a coleccionar caixas de mixtos. Lembro aquelas que viñan con xogadores de futbol (caricaturas, que nos facían imaxinar as súas faces, aqueles tempos en que escoitabamos os seus nomes a través da radio, unha radio con voltímetro que nos achegaba ao carrusel deportivo, chea de ruídos, mais que seguiamos con moita ilusión e a través do que memorizabamos a formación dos equipos da época, Destas primeiras coleccións aínda me lembro da de xogadores de fútbol: de Ramallets, -porteiro do Barcelona, cun cadeado no pulso, o balón ben bloqueado e as chaves ao cinto-, ou a Di Stéfano do Real Madrid co nove as costas, -golpeando co tacón un balón,- por citar algúns; da de castelos de España, de plantas ou de animais etc. Non había álbum co cal, había que poñer o maxín a traballar: Recortar as dúas caras da caixa de mixtos (ilustración e texto), conseguir algun caderno e cola para ir configurando os equipos, todo moi artesán e sen medios, pero con moitas doses de ilusión. Máis adiante chegaron os cromos de mercar, os anos, o abandono por outros intereses: algún deporte, a mocidade, anos de estudo, servizo militar, o primeiro traballo..., deixaron de lado o coleccionismo, perdéndose estes traballos (que me gustaría conservar) e esquecendo estas incipientes ilusións de coleccionista.

Mais, o coleccionista que un foi de neno permanecía, en letargo, agardando o intre propicio, oportuno para aflorar de novo. Así, con trinta e cinco anos, e como consecuencia dunha minusvalía da miña filla Cecilia, que nos obriga a acompañala e como consecuencia a pasar a unha vida máis sedentaria, con moitas máis horas no fogar, xorde de novo o devezo do coleccionismo; iníciome na numismática, e de tal xeito prende en min que xa van alá máis de trinta anos de: intercambios -entre amigos, coleccionistas nacionais ou estranxeiros-, compras, catalogacións, aportacións de amigos de viaxes a outros países, coleccións temáticas de animais, persoeiros, embarcacións etc., páxina web, que non pouco traballo me proporcionou para construila e mantela actualizada, cando as novas tecnoloxías foron chegando a nós; un sen fin de sensacións, horas de investigación, aprendizaxe de novo vocabulario e sobre todo a ilusión e o afán de seguir coñecendo as moitas cousas que aínda descoñezo deste fantástico e engaiolante mundo do coleccionismo.

En fin, que comparto, totalmente as conclusións que dan remate ao artigo do mestre Reverte: "Cando alguén consegue evadirse das trampas que a vida diaria nos tende e dispón de tempo para coleccionar, sexa o que sexa..., cando ocorre algo diso, o territorio hostil que nos arrodea esvaécese por uns intres ou adquire trazos máis soportables, facendo que o ser humano, volva nese momento de íntima felicidade ao que non debeu deixar de ser: un soñador."

Por máis que pasado ese intre, de dedicación diaria, semanal... de coleccionista, teñamos que volver á realidade, aconsélloo como terapia, por se podemos ser algo máis felices e soñadores.


rafadcg@r.gal

25/06/2018