CEIP SEQUELO

50 aniversario


Neste 13 de maio de 2024, festividade da Virxe de Fátima, o Centro de Educación Infantil e Primaria "SEQUELO" de Marín, celebrou os seus cincuenta anos de funcionamento, con tal motivo, un grupo de mestres, xubilados, que formamos nalgún momento parte do seu Claustro, xuntámonos, para celebrar o medio século cun xantar de confraternidade, no que xurdiron anécdotas, lembranzas, e non faltou un recordo para moitos que xa finaron...

Logo do café e dunha pausada sobremesa, achegámonos ao Centro, sito no lugar que lle dá nome, ás beiras do pequeno río Lameiriña, que a pesar de tal característica o anegou en varias ocasión como consecuencia dalgunha enchente. Eu, pertencín ao Claustro de tal Centro tres cursos alternos, a saber: Os cursos, 1993-94, o 1996-97 e o 2001-02, sempre como propietario provisional.

Xa no Centro, a onde se achegaron outros mestres, tamén xubilados, que non nos acompañaron no xantar, fomos recibidos ás súas portas por membros do Equipo Directivo, intercambiamos pareceres e fixemos, preto do cruceiro, unha foto de compañeiros para deixar pegada de tal xornada. Decontado cursamos visita ás diferentes estancias do Centro e fomos, cada un de Nós, comprobando o que permanece ou e que foi mudando de ubicación e función.

Rematou o paseo na Biblioteca do Centro, onde, cun pase de diapositivas, lembramos momentos e actividades significativas deste medio século de historia, expostas por anos: Festas de: magosto, maios, entroido, Letras Galegas, Nadal; excursións, saídas culturais, festivais de fin de curso, visitas e encontros no Centro con persoeiros relevantes do mundo das letras ou das artes etc.

De seguido, unha distendida merenda e a formación de variados grupos que seguían a lembrar, tempos pasados vividos xuntos no seu día, situacións de compañeiros, momento actual da demografía, aventurando o futuro do Centro...

Un bo día para celebrar, para as lembranzas, para non esquecer, pois medio século de historia dá para moito e merece terse en conta... mais ao meu pouco entender estivo desprovisto da vistosidade, relevancia e non boa organización que o medio século demandaba ou quizais os mestres xubilados xa non estamos cos novos tempos e parécenos que calquera tempo pasado foi mellor como nas Coplas de Jorge Manrique. Ou sería ao meu parecer?...

rafadcg@r.gal

13/05/2024