DÍAZ PARDO

Tal día coma hoxe, vai alá unha centuria, nacía en Compostela Isaac, fillo do pintor, autor de muráis, ilustrador e escenógrafo Camilo Díaz Baliño -asasinado nos primeiros días do alzamento militar de 1936 en Coence (A Coruña)- e de Antonia Pardo Méndez, falecida en 1938, como el mesmo nos contou, sen ter recobrada a conciencia que perdeu nos primeiros días do Golpe de Estado.

Entre os anos 1939, co remate da Guerra Civil, e ata 1942, Isaac estuda en Madrid, na Real Aacademia de Belas Artes de San Fernando. En 1942 gana unha bolsa de estudos que lle permite ir a Italia e coñecer de cerca a pintura dos clásicos, feito decisivo para a súa época de pintor que o levou a realizar exposicións, nos seguintes anos, en Madrid, Barcelona, Londres, Vigo, Coruña... Catalogado como un pintor sensible, sobrio e humilde as súas pinturas van dende o Academicismo ata a denuncia social.

En 1949 comeza a dirixir Cerámicas do Castro, preto de Sada (A Coruña). En 1955 funda en Arxentina cerámicas A Magdalena o que o fai cruzar o Atántico en moitas ocasións e coñecer de preto a Galicia da emigración. Colabora na Revista Galicia Emigrante, dirixida por Luís Seoane en Bos Aires onde tamén expón en 1957. En 1963, Con Luís Seoane asina un convenio no que se crea o Laboratorio de Formas de Galicia con proxectos como: a restauración da Cerámica de Sargadelos, a fundación do Museo Carlos Maside e a creación de Edicións do Castro. En 1977 colabora na creación do Instituto de Industria e Comunicación e con Ramón Piñeiro e outros no Instituto Galego de Información. Sirva esta pequena mostra de actividades para por en valor a importancia, capacidade de traballo e xestión de tan singular figura..., que recibiu varios galardóns en vida, mais considero que a débeda que Galicia ten con el comece a saldarse neste ano do centenario do seu nacemento, sen descartar, para nada, que se lle poida homenaxear cun Ano das Artes, que dende 2015 comemorou a: O Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Alejandro de la Sota, Luís Seoane e Domingo de Andrade -este último seguírase a homenaxear en 2021 por causa da pandemia en curso.

Entre as homenaxes, que xa se lle están a tributar ou que terán próximas datas, deste centenario, citarei:

-O Castelo de Santa Cruz, en Oleiros (A Coruña) acolle unha homenaxe permanente cun Museo memorial a Isaac, con obras literarias, pinturas, fotografías e música que teñen que ver coa súa figura. O visitante poderá adquirir o libro EMSAMBLEISAAC co Museo completo ademais de dous poemas cedidos por Luz Pozo Garza, creados para o evento, que xira en derredor da terra, a palabra, a cor e o son.

-No proxeto, ENSAMBLEISAAC, colabora a bodega, Martín Codax, cun etiquetado especial das botellas co retrato de Isaac.

-O XVI Certame de arte plástica, Díaz Pardo, xa se pode visitar en Fene, ao longo deste verán 2020.

-Dende novembro deste ano ata abril 2021, baixo o título "AS MIRADAS DE ISAAC", unha exposición no Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, acollerá 260 pezas e servirá de homenaxe neste centenario do seu nacemento. Así preténdese apostar polo que significou e dalo a coñecer aos máis novos. A exposición, que se centrará na faceta intelectual e que constará de dez etapas e un espazo audiovisual, dende as achegas do asasinado pai, ata rematar no Museo Carlos Maside, sen esquecer a faceta industrial, o seu labor como escritor, intelectual, plástica, empresarial e de editor, así como o seu compromiso coa memoria histórica. No centro de toda a mostra presidirá un óleo, préstamo de Abanca, con data de 1946 titulado "Os afogados". No cartel que anuncia a Exposición do Gaiás, aparece un autorretrato a lapiseiro de 1940 que era descoñecido e que foi atopado en 2019 nunha carpeta dos archivos persoais.

-Epistolario.-O Consello da Cultura Galega publica as cartas escrita por Díaz Pardo a Luís Seoane. As remitidas por Luís Seoane a Isaac xa se publicaron en 2004.

-No Museo de Belas Artes da Coruña expónse o cadro "O Discurso", que fai referencia a un mitin na España franquista, ademais de dous óleos de pequeno formato "Desnudo" e "Xente que olla", así como: Cruz con Santiago peregrino, pintura sobre madeira.

-No Museo do Pobo Galego, casa que el presidiiu, exposición da obra cerámica de Isaac.

-Sada, homenaxeará a Isaac, cun mural ao ar libre.

Isaac foi un creador total, ilustrador de libros e carteis, por exemplo e por citar algúns: Memorias dun neno labrego ou Querido Tomás, de Neira Vilas.

Non esquecín as cartas con Neira Vilas, das que xa falei no escrito de Isaac e San Roque, nin a súa profunda amizade, nin as verbas pronunciadas polo seu amigo Xosé Neira Vilas, estando Isaac de corpo presente no Cemiterio de Boisaca en Compostela.

Recibiu en vida, medallas, premios, títulos..., que non procede enumerar neste escrito..., mais tamén algúns desgustos nos anos finais da súa vida. O recoñecemento que agora se lle fai, agardo compense en algo eses malos momentos nos derradeiros anos da súa existencia.

rafadcg@r.gal

22/08/2020