O ENSINO PRIVADO

(1975-1986)

O verán de 1975, -cando xa apalabrara a miña incorporación, en setembro, ao ensino privado co Colexio concertado San Narciso de Marín- realicei na compaña de Eladio Lois Vidal, un amigo da miña parroquia natal, Carballedo no Concello de Cotobade, unha viaxe á capital de España. O seu Seat 124, branco, foi o noso medio de locomoción, el achegounos á capital por aquelas antigas estradas, xa que os chamados accesos a Galicia aínda estaban por facer. Dos catro ou cinco días que nesa ocasión ruamos por Madrid, lembro as visitas ao Palacio de Oriente, ao Estadio Santiago Bernabeu, ao Parque de Atraccións e ao Zoo, ao Museo de Cera, ou os paseos pola Praza Maior, Porta do Sol, Gran Vía etc. Tamén é da miña acordanza unha confidencia, á que non dei moito creto no seu día: Antonio, un amigo, que rexentaba un bar alí, na capital e a quen visitamos, comentounos o delicado estado de saúde de Franco, pois segundo nos dixo era coñecedor da nova por un médico cliente do bar. Tres meses máis tarde a confidencia fíxose realidade.

Así pois, incorporado en Setembro ao Colexio rexentado pola congregación dos paúis, fun destinado ás antigas dependencias do Centro, sitas por aquel tempo no actual "Parque Ángel Euguren" (nome que tomou dun paúl, de orixe vasca, que por aqueles anos formaba parte da congregación de Marín). Era o derradeiro curso de funcionamento do Vello Colexio e nel permanecían os cursos de 1º a 5º de Educación Xeral Básica (dúas unidades por curso, A e B, moi numerosas e todos varóns; as unidades mixtas non comezarían ata anos máis tarde, se ben, non todos eramos mestres, tamén lembro algunhas mestras.

Os alumnos de 6º, 7º e 8º de E.X.B., bacharelato e COU, xa se incorporaran ás novas instalacións do Colexio San Narciso, sitas en Chan do Monte, nesta mesma localidade de Marín. Alí continuaban as obras pero xa, no curso 1976 -77, acolleron a todo o claustro, abandonando as vellas instalacións, que anos máis tarde pasaron a mans municipais, o Concello derrubou o antigo Centro de Ensino e creou un Parque recreativo ao que, como citei anteriormente se lle deu o nome do Paúl, de orixe vasco: "Parque Ángel Eguren Ugarte"; así nolo lembra unha placa, sobre peana de pedra, conmemorativa do seu nomeamento como fillo predilecto de Marín, que poderemos contemplar de dar un paseo polo recinto e na que podemos ler: 20/01/80, " El Adios no existe", unha frase que el repetía en moitas ocasións referente ao pasamento dos humanos. Lembro como, ese primeiro curso, cando remataban as clases da mañá, ás 12h 30m., a maioría dos alumnos marchaban ás súas casas, mais algúns eran usuarios do Comedor do Centro, servizo que funcionaba xa nos novos edificios, estes usuarios eran achegados ao novo Centro por transportes Troitiño, que facía dúas viaxes a Chan do Monte, na segunda viaxaba Eu, que era o encargado de cerrar a cancela que daba ao patio e acompañar aos alumnos. Logo do xantar, volvía na primeira viaxe, para abrir e acompañar aos discentes, no recreo, ata o comezo das clases da tarde.

Ese segundo ano en Marín, primeiro no San Narciso, hospedeime na rúa Francisco Bastarreche, hoxe nomeada Rúa da Ponte, na pensión que rexentaban "Pepita e Francisco", (habitación, almorzo e cea, con admirable trato). Compartía Rúa con outro profesor que, coma min, se acababa de incorporar ao Centro, Xosé Manuel Bermúdez Outes, se ben el daba clases de bacharelato e facíao nas mentadas novas instalacións de Chan do Monte. A pensión de Bermúdez, "Campos", na mesma Rúa e a escasos metros, facilitou que axiña, ademais de compañeiros pasamos a ser amigos, amizade que perdurou no tempo, continuando a día de hoxe. O segundo curso, en San Narciso, Bermúdez mudouse á miña pensión, mais unha enfermidade da Sra. Pepita forzou o peche de tal apousento e logo do Nadal, alugamos un 2º andar na Rúa Secundino Lorenzo nº 6 ; de contado coñecemos á nova Residencia como "A CUEVA". Alí pasamos algúns cursos xuntos, ata que Xosé Manuel, logo de opositar, foi destinado a Soria e Eu seguín rexentando tal domicilio ata finais do ano 1983. O 23 de decembro do nomeado ano, na Igrexa da Virxe do Camiño de Pontevedra casamos María del Carmen García Vidal (Carmen) e Rafael de Castro García (Rafa), nese intre incorporámonos á vivenda actual en: Concepción Arenal 42- 2º B en Marín.

O ano 1986, logo de opositar ao Ensino Público, e con algo máis de once anos de Ensino Privado, rematou a miña andanza polas aulas do Colexio San Narciso, un ano na Primeira etapa e dez na Segunda impartindo Ciencias Sociais e Lingua Galega.

Destes anos, no Centro conservo excelentes amizades, Peregrino Dopazo, Xosé Manuel López e a súa dona Dolores Senín, Anxeles Beloso e o seu o marido, xa amentado anteriormente, Xosé Manuel Bermúdez, e moitas boas que serían extensas de enumerar e sempre correría o perigo de que alguén quedase no tinteiro.

A miña volta ao Ensino Público, este 1986, escureceuse, co descubrimento dunha terrible enfermidade que sofre a nosa única filla, Cecilia, nacida en marzo de 1985 e manifestada a doenza a finais do verán de 1986; diagnosticada, anos máis tarde, como -Síndrome de Rett-.

En todo caso, este longo periodo, no Ensino Privado, na Vila de Marín, fixo que me asentara definitivamente neste lugar e os corenta e seis anos que sumo de veciño, fan que me sinta como un máis do Concello.

9/02/2022

rafadcg@r.gal