PRÓLOGO POR DOLORES SENÍN

Prólogo, a modo de Epílogo, sobre <<Facendo Camiño I>>

Despois de tanto tempo, á fin, rematei a lectura dos teus apuntamentos (como ti lles chamas).

Os meus parabéns! Obxectivo cumprido, pero non só para prestixio da Lingua (tes unha gran riqueza de palabras, que non poden esmorecer), senón pola súa finalidade: a comunicación, e aquí estou Eu formando parte do teu código, atrévome a entrar no teu carreiro de escribintes, e como ti dis, sen vergoña (lévoa implicita na escrita moitos anos). Alá vou...

Ao longo destes escritos, eu vexo un fío invisible que une o teu amor pola túa Dona, Cecilia, a familia, os amigos, os grandes persoeiros que nos conducen a desembocar na túa Galiza.

Sendo un home rexo coma ti, faise palpable a túa sensibilidade para relatar "con moito sentimento" anécdotas das túas vivenzas vitais na casa materna e na túa Vila, e...memoria... déixasme abraiada!

É salientable a sutileza coa que describes os lugares e analizas meticulosamente cada detalle do hórreo, "o noso", o forno, os muíños, o carro, os oficios...

Espertas en min a curiosidade e o intrese por certos aspectos que non considerara ata agora, como é o caso da pedra de armas do "xardín con encanto", que compartimos nalgúns momentos, a placa do busto de Concepción Arenal, a analise arquitectónica tan detallada que fas do cruceiro do sagrado corazón de Praceres, que incita a visitalo.

Gustoume moito o relato no que describes a túa primeira escola, con que rigurosidade e respecto valoras o edificio "A casa do Emigrante", os teus primeiros mestres...

Pero os que máis me emocionaron son os relatos que lle dedicas á Natureza; é entrañable o do "río" como bo pescador que fuches, aquelas troitas que me regalabas para meu pai, que orgullo!...

A nogueira, noces que tamén comín; o val do Almofrei..., as túas conversas a través do rechouchío dos paxaros...

Creo que tes un traballo moi ambicioso e moi bonito, achéganos ao noso pasado, á súa riqueza dentro da súa pobreza (pola Lingua) na que non esqueces nin aos grandes persoeiros (Castelao, Manuel María...), nin á túa querida compañeira "A Parrala".

Moitas añoranzas... non se poden esvaecer..

E como non darche as máis expresivas grazas por dedicarlle un relato tan "guapo", a ese día tan especial para min no Eirado das Margaridas, e a Compostela, nela "Ao pobriño de Asís" do Cambadés Asorei, (por ti entérome que tamén fixo a peana da farola de Marín, segundo deseño de Torres).

Segue a escribir e cando non teñas papel, recurre as papeleiras públicas recicla xornais...

Xa sei que non teño desculpa por todos os meus erros ortográficos, si atrevemento...

Grazas por deixarme ser partícipe nesta faceta da túa vida, e a seguir...

Quérote.

Dolores Senín Espasandín.