MONFORTE

De novo, neste día volvemos ás terras luguesas de Lemos, para gozar dun galano: "Cea e estancia dunha noite nun Parador", co que fomos agasallados a miña dona, Carmen e Eu.

O lugar elixido -o monte do Pino, orixe da cidade e onde se asenta unha Torre de homenaxe, verdadeira vixía e gardián que permite enxergar todo o Val de Lemos- o mosteiro de San Vicente, hoxe reconvertido en Parador de turismo. Este mosteiro, aínda que ten unha antigüidade do século IX, o edificio actual, neoclásico, data do Século XVIII, nel sobresae a beleza do Claustro no que gozamos, logo da cea -en noite tan estival, cun estrelado ceo e unha lúa nova, máis con lóstregos que advertían de tronada, aínda que distante- dun café na compaña dos nosos amigos, Celia e Peregrino, planificando a ruta do seguinte día que ía ter como primeira visita o Mosteiro beneditino de San Xulián de Samos.

Tamén repasamos o que dera de si esta xornada: A chegada a Monforte sobre as doce do mediodía, o aparcamento a carón do Colexio do Cardeal, a andaina polas beiras do río Cabe ata a ponte romana para visitar na outra marxe o rico Museo de Arte Sacro - acollido no convento das Monxas Clarisas-, a camiñata polas orelas do río Seco, -que entrega aquí as augas entre un coidado xardín con estanque, chorro de auga vertical e unhas bandadas de pombas ao mentado Cabe- para descubrir a estatua do poeta Manuel María. Manuel, natural de Outeiro de Rei, mais afincado aquí ata a súa xubilación, por motivos de profesión, "Procurador dos tribunais", fica sentado a carón da súa mesa "de braseiro", que segundo contan era o seu soporte, no que levou ao papel moitos dos versos que con seguranza afloraron da súa mente na "Librería Xistral", que el rexentaba e atendida pola súa dona Saleta Goy. Unha placa, deixa constancia do lugar no que estivo asentaba a Librería, ao mesmo tempo que nos lembra que foi concelleiro e fillo adoptivo de Monforte. Pois ben, sentados con el, lembramos a Casa de Hortas, onde naceu, convertida en Casa Museo, algún dos seus poemas sobre ríos e regatos, a atinada colocación desta estátua sobre este regueiro..., retratámonos á súa beira e nunha baldosa puidemos ler:

Son metafísica digo a miña mensaxe:

vívide.

Sen berros que cheguen ás entrañas:

Vívide. Vivir sempre.

Vivir agora, denantes e despois.

                                                       Manuel María

                                                       1929-2004

De seguido, comentamos como as Letras Galegas, recoñeceron a súa figura no ano 2016 e despedímonos do poeta para ir na procura do xantar.

Xa de tarde, un paseo polo burgo Medieval, en derredor da rúa Falangueira, e a visita ao Colexio do Cardeal, popularmente coñecido como o Colexio dos Escolapios e propiedade da "Fundación Colexio Nosa señora da Antiga", ocuparon o noso lecer.

O Colexio é unha monumental obra, fundado polo Cardeal Rodrigo de Castro, de aí que se lle coñeza con ese nome, aínda que tamén o bautizaron como o "Escorial galego". Admiramos a renacentista fachada, retratámonos con ela de fondo, paseamos o inmenso espazo baleiro, sen cans, sen coches, con xardíns que aínda realzan máis a súa maxestosa faciana e fomos conducidos polo seu interior da man dunha Guía, que nos transmitiu as virtudes da Igrexa e do impresionante retablo maior de madeira de nogueira tallado por Francisco de Moure, os dous claustros e a sancristía, convertida en museo, onde sobresaen, entre moitas outras obras, dous óleos do Greco: San Lorenzo coa súa grella e San Francisco, ou a monumental e pétrea escaleira...

En fin, pracenteiro día na Capital da Ribeira Sacra, que agacha non poucos puntos de interés dos que non queremos esquecer: O Museo do ferrocarril (Monforte foi e segue as er un importante nó de comunicación por vía férrea); a renacentista igrexa anexa ao Mosteiro, ou o Palacio dos Condes de Lemos cos seus nobres salóns destinados a banquetes, servidos polo Parador.

rafadcg@r.gal

3/07/2019