AS AXUDAS VECIÑAIS

Celebramos hoxe a festividade do Pilar, data que, na miña época de estudante, marcaba o remate das vacacións estivais e o comezo do novo curso escolar en Institutos, Colexios privados de Ensino medio e Facultades universitarias.

O periodo de vacacións estudiantís de estío, amosábase, visto dende a xuventude, como longo e o curso escolar eterno. Co paso dos anos, e o achegamento á vellez todo semella curto, todo mudado, diferente, distinto, incluso se están a cuestionar as axudas veciñais, que cando menos, na aldea onde nacín se fixeron dende que eu teño acordanza.

Os cativos, poucos, con outros enredos, os camiños baleiros perderon aquela algarabía propia dos primeiros anos ou o continuo trasfego de carros ou gando camiño das leiras. Volvendo á rapazada, estudantes ou non, tamén se viron, co paso dos anos, liberados de todo tipo de axuda agrícola ou gandeira, ou incluso doméstica dentro do propio fogar. De que son outros tempos non o dubida ninguén, mellores?, peores? Ao menos de que son distintos estou seguro. Non o estou tanto de se son máis felices ou menos. Quizais as opinións se contradigan.

Pois ben, aínda lembro por estas datas a miña nai que dicía: Hai que recoller o millo antes de que os rapaces vaian ao estudo. Para nós as vacacións eran tempo de ocio -xogo, garulada, diversión, descanso...-, mais tamén de axudas na casa, nos labores da agricultura e da gandería, naquel minifundio de veigas ateigadas de xentes e eixes cantando por aquí ou por acolá.

O millo chegaba á eira, virábase o carro para ganar tempo e regresar á leira na procura doutra carrada. De seguido, alguén encargado de tal faena, carrexábao, brazado a brazado, meténdoo no cuberto, onde, xa a salvo da choiva, agardaría para ser esfollado. Este labor, facíase pola noite, hoxe na casa dun, mañá na doutro e pasadomañá pagábase a axuda a unha terceira familia veciña; así íanse facendo estas axudas veciñais, que sempre existiron con estas xuntanzas necesarias, para sacar adiante, e facer máis doados algúns dos seus traballos que requirían un maior número de mans no momento da súa execución. "Hoxe por min mañá por ti", era o slogan entre a veciñanza. Os máis, esfollaban, outros ataban a palla en monllos, uns terceiros levaban o millo o hórreo que sempre estaba próximo, os restantes facían un palleiro coa palla ou recollían o follato que podía rematar nalgún colchón. Estas xuntanzas, que tamén tiñan o seu lado lúdico ou de relación entre veciños: moitas veces con cantares, contos, xogos, adiviñas... facían máis soportables os duros traballos campesiños e favorecían ou estimulaban valores como a cooperación ou a amizade entre outros, nuns tempos nos que a televisión, os coches, as redes sociais, os teléfonos etc. estaban por chegar, e que cando o fixeron, en moitos casos contribuíron a que esa relación entrara en decadencia e manténdose en moitos casos dun xeito virtual, sen entrar noutras virtudes, que tamén as teñen os amentados progresos.

Agora ben, o que leo estes días aínda me alarma máis..., non dubido de que algúns casos haberá nos que se trate de defraudar, non se teña dado de alta na seguridade social a un traballador, mais diso a perseguir as axudas que entre veciños se veñen producindo, en temas puntuais de intercambio, ao menos do xeito que se levaban a termo na miña xuventude, -hoxe descoñezo un pouco o tema-, como xuntar veciños para a matanza, as esfolladas antes amentadas, algún carreto fora do que fora, (pedra, leña, toxo, herba curada) labores do palleiro, malla, botadas de millo ou patacas etc.

Ou moito viraron os tempos, que si que o fixeron, ou perseguir e privar aos campesiños de tales axudas non semella o camiño máis acertado que deba seguir a Administración, nuns intres nos que o traballo dos campos está en decadencia e pola súa banda non se fai nada, deixémolo en pouco, por fixar eses núcleos rurais e que non sigan ano tras ano sumándose novas entidades ao despoboamento continuado que as ameaza.

En fin, os estudantes de hoxe en día, nin agardan polo Pilar, nin o millo agarda por eles para encher o hórreo. Como apuntaba ao comenzo, son épocas diferentes: mellores?, peores? o tempo xulgará eses parámetros, máis do que non queda ningunha dúbida e de que a historia os valorará.


rafadcg@r.gal

12/10/2017