CANAL DE CASTELA

Ao tempo que almorzabamos, -nesta véspera de San Rafael, na capital Palentina as orelas do río Carrión, aquel que entrega as súas augas ao Pisuerga no municipio de Dueñas- logo de ter pernoctado no hotel Rei Sancho, fun esbozando aos meus acompañantes (Pili, Carmen e Laureano), que en min delegaran, o plan que deseñara para esta xornada por terras da Submeseta Norte. Coñecedores pois das liñas xerais, media hora máis tarde circumbalabamos a chaira cidade, comentando o ben que resultara a xornada anterior e poñendo rumbo ao norte da provincia, deixando á nosa esquerda o Cristo do Outeiro -estatua de 21 metros de altura, sito nun promontorio e divisable dende calquera recuncho da capital provincial e obra do escultor palentino Victorio Macho, cuxos restos repousan na capela ao seu carón-.

O primeiro punto da xira, era a igrexa de San Hipólito o Real en Támara de Campos, localidade na que entramos logo de percorrer uns trinta quilómetros. Como queira que había que agardar para a visita, rodeamos este sorprendente templo -con parsimonia- e polo lateral sur descubrimos, na faldra do montículo, uns respiradeiros, que estabamos a supoñer que se asociarían con algunha adega, cousa que non tardamos en confirmar, pois un amable veciño que regaba preto de nós, non só nolo confirmou, senón que nos invitou a visitar o soto en que estaba construída, dándonos todo tipo de información... Cando voltamos á fachada principal e grazas a un veciño que abría para uns técnicos que se dispuñan a afinar o órgano para un próximo concerto, puidemos adentrarnos antes do previsto no templo e contemplar este Ben de Interés Cultural, de tres naves, e do que destacarei o Coro e un órgano apoiado sobre una soa columna; a impresionante torre, coñecida como "a Moza de Campos" sobresae sobre a amurallada, moi coidada e limpa Vila, mais moi baleira de poboación e afastada do esplendor do que debeu de gozar.

De camiño a Frómista, cruzamos xa moi preto desta vila, o Canal de Castela, e aínda que nos achegamos á localidade e visitamos, entre outros monumentos a proporcionada, linda e airosa igrexa románica do século XI, exemplo desta arte, de San Martín de Tours no camiño de Santiago. Era a segunda vez en que a visitaba e nesta ocasión, ateigada de peregrinos e turistas ocupámonos, logo de percorrer o seu perímetro exterior, en estudar os ilustrados capiteis, coa axuda dunhas audio-guías.

Foi logo despois, xa tomando un refresco, cando me dei de conta que os meus plans non ían a completarse, ante a insistencia de Carmen por percorrer este tramo do Canal de Castela en barco e o apoio dos outros acompañantes. Así que, deixando o Ford ao pé da esclusa, ascendemos cara a aula de recepción de visitantes, coñecémola e soubemos das posibilidades de percorrer este tramo. Houbo que agardar ao regreso da embarcación e concertar a viaxe para a primeira saída da tarde. De contino, uns 12 quilómetros ata Astudillo, xantar, recorte de visitas que quedaron reducidas ao museo do Real Convento de Santa Clara, e para iso grazas a amabilidade da clarisa que adiantando a visita nolo amosou en media hora, que era o tempo de que dispuñamos.

Ás dezaoito horas, xa de regreso, embarcamos no Juan de Homar nome do Director das obras do Canal a finais do século XVIII. Unha vez que zarpamos, o Segundo de abordo, deunos a benvida e trazounos as liñas e normas xerais da viaxe, rematada a disertación quedamos na compaña dun vídeo ilustrativo da Historia do Canal (ríos, tramos, usos, tempo de construcción e de funcionamento, causas e consecuencias, dificultades das obras etc.) e con liberdade para movernos polo barco, con saídas a proa e popa, desfrutando de tan marabillosa xornada estival, cruzándonos con peregrinos que neste tramo do camiño acompañan ao Canal, observando o verde das súas marxes que contrastan cos ocres e marróns desta gran chaira e comentando con outros viaxeiros o que de interesante estabamos vivindo neste sucar por tan magna obra.

Logo, desta experiencia, iniciamos a viaxe de regreso á capital Palentina, co degoiro por non ter visitado a Vila romana A Olmeda e a visigótica igrexa de San Xoán de Baños que eu levaba na axenda, pero cunha nova experiencia: a de ter navegado en plena Meseta Central e cunha idea máis clara de tan inmensa e inxente obra de enxeñería hidráulica realizada entre mediados do século XVIII e o primeiro terzo do XIX, nas provincias de Palencia, Burgos e Valladolid, que comezou a esmorecer coa chegada do ferrocarril. A día de hoxe aproveitado para o regadío, abastecemento de auga a núcleos urbanos, a forza motriz da auga nas esclusas para muíños de fariña, e o seu emprego turístico entre as principais aportacións.

rafadcg@r.gal

28/09/2018