AS FEIRAS

Hei de ir á Feira do Monte

que é o domingo que vén!

E ti, miña dona, disponte

que te hei de levar tamén!

                                                                                                        Manuel María.

Estes derradeiros días de maio estanse a inserir nos xornais, xunto con páxinas especiais sobre os eventos, os carteis que anuncian, coincidindo coas fins de semana as festas, que xa, anticipándose ao verán, farán do estío unha Galicia en completo festexo.

Sen ir máis lonxe na pescuda, o Decano da Prensa Nacional agasállanos, neste día, cos carteis de catro e cunhas páxinas especiais que desenrolan máis polo miúdo os seus contidos, acompañados de fotogramas de pasadas edicións: XLVIII Festa da Muiñeira en Pontevedra, IV Feira do Pan do Porriño, XLVII Festa do viño tinto do Salnés e exaltación das variedades autóctonas e a XIII Feira de Cuspedriños -domingo 2 de Xuño-.

Esta derradeira que nomeo, por ter lugar no meu Concello natal (Cotobade) e por ter asistido, nalgunhas ocasións, non á recreación que agora se leva a cabo, senón á auténtica FEIRA alá polos xa afastados anos cincuenta e sesenta do pasado século, esperta en min máis lembranzas e certa nostalxia de tempos que xa non voltarán.

O cartel amosa un pendello ou posto de venda que mira á estrada. Estas costruccións, que aínda se conservan como parte da infraestrutura cuberta, son os lugares onde os vendedores se gorecen e ofertan os seus productos... este cartel, amosa sombreiros e cestos e un slogan: "Animádevos a vir disfrazados de época".

A carballeira, dividida pola estrada Carballedo-San Xurxo de Sacos, coa súa ermida con advocación á Virxe do Carme, un peto de ánimas do ano 1806 e a súa fonte a un lado, acollía na ladeira o gando: vacas, cabalos, burros etc, quedando a outra banda da estrada, máis chaira, para feira de porcos, galiñas, años, ovellas e demais produtos... A estrada, por aqueles tempos sen asfaltar e case sen circulación de vehículos, servía polas tardes logo do xantar, no que non había faltar o polbo -de aí a que se segue a chamar "ración de polbo estilo feira"- para paseo e xuntoiro da mocidade, cumprindo tamén esta lúdica función, mais como recolleu Antonio Fraguas:

Non busques muller na feira,

nin tampouco en romería;

buscarala na súa casa,

vestida de cada día.

Esta feira tiña lugar os días 12 e 27 de cada mes e é a única que eu lembrei en funcionamento no meu Concello. Mais, no Concello de Cotobade, houbo feira en Famelga, parroquia de Augasantas, na carballeira do mesmo nome, onda a capela de Santa Lucía, tamén con peto de ánimas ao seu carón, da que xa deixou constancia o pai Sarmiento e o mentado Antonio Fraguas, que alí asistiu un tempo á escola, cando nos di:

Adeus feira de Famelga,

feira de pasalo o tempo,

onde se van pasear

catro cabezas de vento.

Tamén teño oído dunha feira, non sei se anual, que se celebraba, no monte Seixo, parroquia de Caroi (Cotobade) coincidindo coa festividade da Santa Mariña, pero descoñezo a veracidade das fontes. Asimesmo, doutra que tiña lugar en Carballedo, na capital municipal, no campo da Chan, onde teñen lugar as festas de San Roque e San Antón, non sendo da miña acordanza e descoñecendo máis datos.

As feiras de gran importancia, noutros tempo, foron perdendo a súa función, transformándose en moitos casos en mercadiños, debida esta decadencia á mellora das comunicación e a e caída da agricultura e da gandería, mais cumpriron un importante papel social e económico, naqueles tempos de máis illamento; Eu vexo ben que, hoxe en día, se fagan este tipo de recreacións festivas de tales eventos que tiveron tanta importancia como tivo esta que se ven celebrando en Cuspedriños. Recordar e volver a vivir, e non está mal que se siga a organizar por moitos anos máis, os máis novos precisan coñecer do pasado para que valoren como é debido o presente.

Tamén nos quedan ditos, citarei algún dos moitos populares recollidos: "Non hai feira mala, o que un perde outro gana". "Non che valeu a pena ir á feira". Ou, "Cada un fala da feira segundo lle foi nela".

rafadcg@r.gal

2/06/2019