ANIVERSARIOS
Curros Enríquez (15/09/1851)
E. Pardo Bazán (16/09/1851)
Veño de verter ao galego dúas obras de Dona Emilia Pardo Bazán: "Contos de Marineda" e "A Tribuna", traballos que, fai uns meses doei á súa Casa Museo, antiga vivenda da escritora en A Coruña.
Hoxe, lémbranme os xornais, que en día tal do ano 1851 veu ao mundo Dona Emilia, é que onte, un día máis vello, tamén viu a luz Curros Enríquez.
Cen anos afastan o seu nacemento do meu, moitas cousas mudaron, avances e melloras de todo tipo son innegables, mais tamén moitos prexuízos seguen a revoar nas nosas cacholas no referente á Lingua, ás formas de vida, as crenzas, as relixións..., prexuízos inducidos, penso Eu que, moitos, ou na maioría dos casos, guiados por tendencias interesadas.
Foi o autor de "O Divino Sainete", que nacera en Celanova (Ourense) unha das tres figuras centrais, que xunto con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, enmarcan o Rexurdimento poético da Lingua Galega ao longo do século XIX; emigrante en Cuba, foi quen, dende alí, promoveu, xunto con Fontenla Leal, a Asociación que desembocou na Real Academia da Lingua Galega, que quedou constituida en 1906, sendo Manuel Murguía o seu primeiro Presidente, e figurando Curros Enríquez como académico de honra dende a súa fundación.
Teño no meu escritorio, unha tarxeta postal en branco e negro, que no seu anverso nos amosa un retrato de Manuel Curros Enríquez en Santo Domingo de Bonaval, en 24 de setembro de 1904, facendo unha ofrenda floral diante da tumba de Rosalía de Castro; no reverso, un poema, que el compuxo e alí recitou, titulado "Na tumba de Rosalía" que comeza do seguinte xeito:
Collidas a pedir de porta en porta
(que eu non herdei xardíns nin hortas teño)
Sombra sen paz da nosa "Musa morta"!
Aquí estas flores a traerche veño.
Foi publicada é espallada por todo Galicia, esta postal, pola Asociación Cultural Medulio de Ferrol en 2008, (Centenario) como efémeride do traslado dos restos do autor de "Aires da miña terra" de A Habana a A Coruña en 1908, sendo o cemiterio de San Amaro nesta cidade o seu derradeiro acougo. Murguía que ideara con el a creación da Academia foi unha das figuras destacadas do sepelio.
E quixo o destiño, que a actual sede da Real Academia Galega, se atope na que foi casa de Dona Emilia Pardo Bazán, na rúa de Tabernas en A Coruña. Academia que cumprirá o trinta deste mes 113 anos, con diferentes periodos de esplendor e de decadencia, propiciados polos variados momentos políticos, camiña ao meu entender, dende o fin da Dictadura polos seus intres de máis apoxeo.
Moitos son os monumentos, estatuas, bustos, rúas, paseos, colexios... espallados por toda a Comunidade, para homenaxear e lembrarnos a Curros, que segue vivo na memoria de Celanova e de Galicia: Eu destacarei o monumento que se lle ergueu nos Cantóns de A Coruña, obra do escultor Francisco Asorey, inaugurado por Alcalá Zamora en 1934 pensado para sartego dos seus restos, que nunca chegou a acollelos.
Pola súa banda, A condesa de Pardo Bazán, enterrada en Madrid, na Basílica da Concepción e non na súa Marineda de nacemento, tamén comparte monumento e espazo con Curros, nos Xardíns de Méndez Núñez da súa cidade natal. Moitos son tamén os lugares nos que se lembra a esta prolífica autora, se ben en Lingua castelán, que por mor de non lembrarme de todos, soamente citarei o monumento nos xardíns que levan o seu nome en Madrid, preto da rúa Princesa, onde tivo a súa residencia.
Sirvan estas pequenas lembranzas, de tan brillantes persoeiros, como pequeno homenaxe dos aniversarios, cun día de diferencia, das súas datas de nacemento.
rafadcg@r.gal
16/09/2019