ASOREY EN VIGO
Xa escribín, noutras ocasións, aquí en FACENDO CAMIÑO, sobre a súa magnífica obra, repartida por diversos lugares de Galicia. Hoxe, limitareime a facer unha breve reseña sobre o seu legado na cidade de Vigo.
Onte visitei o barrio de Bouzas (na actualidade englobado no Concello de Vigo) e, moi preto da Igrexa de San Miguel, na Alameda Eduardo Cabello, limitando coa Avenida á que da nome, atopeime cunha pérgola e cun monolito de 1928 dedicado ao enxeñeiro director de obras do porto de Vigo: Eduardo Cabello Ebrentz, coñecido pola gran modernización do Porto de Vigo, sendo fillo adoptivo da cidade dende o ano 1930.
O monumento, que aquí atopamos, é obra de Francisco Asorey González: Consta dunha columna de granito de catro metros de alto na que se representa un tritón en relevo, ser mitolóxico con corpo de home e rabo de peixe, que suxeita ao ombreiro unha áncora. Este ser, atópase amarrado por unha cadea e erguendo coa man dereita unha lousa rectangular na que leo: AVENIDA EDUARDO CABELLO.
Este descubrimento, dame pé para percorrer de forma memorística outras obras de Asorey na cidade de Vigo. Citarei:
-Monumento a García Barbón de 1927, situado na actualidade na rotonda de Isaac Peral. Alfonso XIII e Victoria Uxía asistiron á súa inauguraciónen 1927 na rúa García Barbón. Aparece a figura de García Borbón en bronce, sentado co deus Hermes e o resto do monumento con distintos tipos de granito. Na parte alta o deus romano do comercio: Mercurio.
-Monumento na tumba do doutor Cesáreo Corbal, no camposanto de Pereiró, co lema "Galeno dos pobres". Busto en pedra de Asorey, con deseño de Manuel Gómez Román e cunha base na que se le: "Ciencia e virtude".
-Escultura a Ricardo Mella 1925, tamén no Cemiterio de Pereiró. Mella está considerado como o máis profundo, o máis penetrante e o máis lúcido dos pensadores anarquistas españois.
-Mausoleo dedicado a Maruxiña Gil (en Pereiró Camposanto), unha xove falecida de tuberculose. Monumento en mármore (a xove) e en bronce a gadaña da morte que arreo anda ben cravuñada, e o resto en pedra. En anos posteriores faleceron as outras dúas mozas do matrimonio, véndose o mausoleo completado cunha lápida na que podemos ler un texto que transmite a desesperación de Gil e a súa esposa.
rafadcg@r.gal
xuño 2026