A MUTUA GANDEIRA
Aquel sábado esmorecía con refachos de vento moi intensos, un vento do sur que bruaba ao lonxe e que preludiaba a tempestade que se estaba achegando. A noite estivo metida en auga e, a choiva, aínda se fixo máis intensa co alborexar do novo día..., non acalmando ata iso das once da mañá. Era un domingo de xaneiro, non lembro con exactitude a data, posiblemente a mediados de mes. Ese día o gando non podería saír pois, nesa data, agardábase, na Asperiña, a visita da Comisión encargada de facer as tasacións do vacún: Eran os representantes da MUTUA GANDEIRA de Carballedo -Cotobade-, que dúas veces ao ano, rendían visita polas cortes ou as eiras dos asociados para facer a valoración das reses bovinas. Cando se achegaron á casa da Costa, pasado xa o mediodía, puideron valorar o gando na Eira, diante do hórreo, co palleiro e co cuberto de abaixo (albergue do carro e dos apeiros de labranza) como testemuñas... A choiva amainara aínda que o ar seguía a bufar... Eu seguín o cerimonial dende o patín, con moita atención, seméllame que ninguén reparou na miña presenza, ocupados como estaban nas valoracións, era a primeira vez que vivía tal acto e causou en min un profundo impacto, non lembro a idade que tiña, quizais non máis de seis ou sete anos.
Alí, con miña nai, Olga, como anfitrioa, os representantes da Asociación, aínda lembro os rostros e os nomes dalgún dos alí presentes, mais non vén a conto nomealos, ían repasando as valoración de cada unha das reses e cada membro comisionado opinaba antes de chegar á taxación definitiva: Que se á " Toura" lle había que rebaixar a taxa, pois xa parirá e o xato xa se vendera, que se era moi leiteira, que se tiña xugueira o que quería dicir que tiña calo na parte superior do pescozo producida polo xugo e polo tanto estaba adaptada a carro e arado...Que se a "Linda" xa tiña os seus anos, se xa se fora do leite e tiña mal pelaxe... Que se á "Gallarda" lle tiñan que subir a valoración pois estaba preñada de tres meses...Que se a "Cuca" levara un golpe nos cadrís, ou a "Montesa", ou a "Morena" cumprían este ou aqueloutro requisito que influían na nova taxación, por derriba ou por debaixo da última, e que tería unha vixencia de seis meses, tempo no que se volvería, casa por casa, a revisar de novo as facendas bovinas.
Pois ben, esta Asociación, que segundo as miñas lembranzas, funcionaba na Parroquia alá polos anos sesenta e da que descoñezo o tempo que estivo activa, en todo caso varios anos, pensó que pode servirnos de exemplo e modelo, do que supuxo unha gran axuda, para as familias labregas que por esas datas tiñan no gando a súa principal fonte de ingresos (leite, becerros e axuda para os traballos agrícolas co: carro, arado, grade, sementadora e demais aveños...) A axuda, por parte da Mutua gandeira, producíase cando algún animal enfermaba ou sufría unha desgraza, morrendo, e entón, o dono, percibía o tasado pola perda do animal.
Lembro varias destas taxacións, mais a que me fixo pensar, recapacitando sobre a súa importancia, e onde comecei a valorar positivamente o Asociacionismo impactándome de xeito profundo, foi esa primeira, a dese chuvioso día de xaneiro, que seguin dende a miña atalaia, o patín.
Tamén é da miña acordanza o proceso que se seguía se algunha vaca entraba en crise, ben por enfermidade ou por accidente. Nalgúns casos era enviada aos matadoiros do Porriño ou ben se sacrificaba no lugar, poñéndose á venda a carne a un módico prezo, acudindo moitos asociados da veciñanza a mercar... A MUTUA, completaba, en todo caso, o importe, no que se taxara a res na última visita, coas cotas dos mutualistas ou con algunha achega extraordinaria se era o caso.
Isto, xunto coas axudas veciñais, das que xa falei noutro escrito, foron dos feitos que máis me impactaron como mostras de colaboración duns veciños con outros, neses nada doados anos, na defensa do máis prezado que posuían: A terra e o gando.
En todo caso, a visita da Mutua Gandeira, e o seu relevante papel naqueles anos, ese chuvioso domingo de xaneiro, aínda que xa algo esvaecido, perdura no meu caletre, como un feito importante, así o valorou aquel raparigo aldeán, e así o segue a valorar o xubilado urbanita que escribe estas catro letras.
rafadcg@r.gal
15/09/2020