PARADORES

De Gredos (1928) a Muxía (2020)


Abarca a familia de PARADORES DE TURISMO, arredor de cen hoteis establecidos, ao longo da xeografía da Península Ibérica, en senlleiros edificios e ubicados en lugares destacados pola súa historia, ou ben, polo seu valor artístico ou cultural. Moitos acubillados en castelos, palacios, mosteiros, casas importantes ou ben en edificios de nova construción.

Os Paradores dependendo da súa ubicación son clasificados en tres categorías: CIVIA, ESENTIA e NATURIA. Os primeiros son propios das cidades, os segundos (ESENTIA) asentanse en castelos, pazos ou mosteiros -edificios con historia- e, os denominados (NATURIA), en lugares afastados das poboacións en contacto e harmonía coa natureza.

É importante salientar a man de obra que empregan, cun censo arredor dos catro mil postos de traballo.

A provincia de Pontevedra, onde Eu resido, conta con catro Paradores:

-Pazo dos Condes de Maceda, (na capital provincial).

-Parador de Baiona.

-Parador de Tui.

-Parador de Cambados.

O Palacio dos Condes de Maceda, tamén coñecido como Casa do Barón é un pazo renacentista que pasou por múltiples etapas ao longo da súa historia. A súa transformación en hotel a mediados do século XX, na parte vella da cidade de Pontevedra, supuxo a chegada do primeiro Parador a Galicia. A súa localización é óptima para visitar os variados e interesantes recursos que a Boa Vila nos oferta: A Basílica de Santa María, as igrexas dos que foron, outrora mosteiros: de San Francisco, San Bartolomeu ou as ruínas de Santo Domingo, pasando pola singular Igrexa da Virxe Peregrina e sen esquecer os distintos edificios que albergan o: Museo Provincial... Isto sería un bo comezo para logo visitar outros puntos de interés próximos á capital.

Nunha lomba que se adentra no mar, fortaleza amurallada con ameas, e cunha lonxitude de algo máis de dous quilómetros, atopamos os restos do antigo castelo de Monterreal. Pois ben, neste couto está ubicado o palacio de Elduayen, que acolle o Parador de Baiona ou Parador do Conde de Gondomar dende o ano 1966. Á vila de Baiona arribou o primeiro de marzo de 1943 a carabela a Pinta ao mando de Martín Alonso Pinzón, pasando a ser a primeira que tivo novas do Descubrimento do Novo Mundo. Unha réplica da Pinta está fondeada Na Vila e pode ser visitada. A Colexiata de Baiona ou a Virxe da Roca, de 15 metros de altura, que nos amosa á Virxe sostendo na man dereita unha barca, no monte Sansón, obra do arquitecto Antonio Palacios, merecen unha visita.

A carón do Río Miño, na raia de España con Portugal, coa clásica semellanza dun pazo galego ubícase este edificio, que acolle o Parador de Tui, un bo lugar para visitar a cidade que lle dá nome. Esta cidade, declarada conxunto histórico-artístico, na que sobresae a Catedral-fortaleza de Santa María entre outros monumentos, ben merece unha andaina polo seu centro histórico. A un paso con dúas pontes para acceder, fronte por fronte, a poboación portuguesa de Valença do Miño coa súa fortaleza (un gran recinto cercado cunha impresionante muralla). Nas proximidades, o Monte Aloia, declarado Parque Natural e digno de ser visitado. Esta cidade de Tui, amósase como un bo destino para percorrer o Baixo Miño e achegarse á sua desembocadura na poboación de A Garda, onde o porto pesqueiro e o ascenso ao Monte de Santa Tegra, cun moi interesante castro celta e magníficas vistas panorámicas sobre a desembocadura do Río Miño e os pobos portugueses da outra orela.

O cuarto Parador ubicado na Provincia de Pontevedra é o de Cambados, coñecido como o Parador do Alvariño, por ser esta localidade a capital deste magnífico viño que se colleita en distintos lugares da provincia de Pontevedra. O antigo Pazo de Bazán onde se ubica é un excelente aloxamento para coñecer o centro histórico de Cambados (BIC). Praza e Pazo de Fefiñáns, Ruínas de Santa Mariña, Igrexa de San Benito, Museo Ramón Cabanillas etc. son algunhas das alfaias que podemos atopar percorrendo a localidade.

En fin, sirvan estas pequenas reseñas dos Paradores da Provincia de Pontevedra, como mostra das posibilidades que nos ofrece esta rede de albergues, unha alternativa máis a ter en conta nestes tempos nos que tanta actividade viaxeira ocupa as nosas vidas.

rafadcg@r.gal

13 /12/2023