O CRUCEIRO DA PARROQUIAL
Xa teño contado, noutras ocasións, que nacín na parroquia de San Miguel de Carballedo, por aqueles tempos Concello de Cotobade; por tal motivo coñezo, dende a miña infancia, o cruceiro que hoxe vou tratar de describir.
Atópase cerca da Igrexa, no costado dereito, fóra do recinto e moi preto da saída lateral, que é unha das tres que dan acceso ao adro. Cando describimos algo temos en conta os trazos fundamentais do obxecto que nos ocupa, desglosando os elementos que o conforman, así:
BASE, que engloba dous elementos: plataforma e pedestal.
A plataforma, a día de hoxe, consta de dous chanzos ademais dun asento (que na actualidade se atopa a nivel do asfaltado da pequena praza e da mesma estrada). Neste primeiro asento e na parte dianteira descansa unha mesa que fai funcións de altar, na que vín facer un alto, moitas festividades de Corpus, á Custodia, que sae en procesión derredor da Igrexa e baixo palio.
O pedestal, un bloque macizo, de forma bulbiforme, no que se incrusta e do que arrinca o fuste, ornado con motivos vexetais nas curvadas aristas e con elementos da paixón gravados nas catro caras.
FUSTE, moi esvelto, consta de tres partes equivalentes en canto á lonxitude, pero diferentes no formato:
A primeira parte é cuadrangular, e na cara que mira a poñente, atopamos aos nosos primeiros pais: Adán e Eva, sendo tentados pola serpe e coa árbore da froita prohibida. Mentres que na cara que da ao nacente e de abaixo cara arriba podemos ver: Unha xerra, unha lanza, un martelo, unhas tenaces e un corazón.
O segundo corpo ten formato octogonal e mirando ao poñente presentanos ao Arcanxo San Miguel, patrón da parroquia, con espada na man dereita acompañado de dous santos que miran ao norte e ao sur.
A terceira parte é de forma cilíndrica e carece de ornato, nela repousa o chapitel.
CHAPITEL, aseméllase ao estilo corintio e amosa cabezas de anxo entre as volutas.
Sobre o chapitel arrinca A CRUZ, cunha altura de 1 metro e con formato cilíndrico. Nela atopamos, ollando ao oeste, a Cristo, con coroa de espiñas, cravado na cruz con tres cravos, manto de pureza e unha figura humana recollendo, nun cáliz, o sangue que mana do costado; ao pé da cruz unha caveira. Mirando ao leste: A Inmaculada Concepción, cos pés sobre o Globo terráqueo e unha serpe que é pisada pola Virxe.
Apoiados nos brazos da cruz, dous anxos coroando á Virxe.
O monumento acada unha altura de algo máis de catro metros e medio e foi construído por: Manuel González de Cobelo o ano de 1860, sendo abade D. Francisco Ant. García, segundo a inscrición que figura no mentado pedestal.
Cando a pedra, durmida e acochada
da terra nai no garimoso seo,
esperta do seu sono milenario
e quere ser oración e pensamento
florece nun varal, estende os brazos
e póndose de pé faise cruceiro.
Con este poema remataba Castelao o seu discurso de entrada na Real Academia Galega: AS CRUCES DE PEDRA NA GALIZA, o 25 de xullo de 1934.
Durante os veráns que Castelao acudiu a Carballedo, co seu fillo e a muller, tomou apuntes do cruceiro da parroquial de Santiago de Loureiro, onde salienta a postura das mans do Cristo: A esquerda pechada e a dereita en actitude de bendicir; e deste cruceiro de Carballedo do que hoxe nos ocupamos.
rafadcg@r.gal
24/08/2024