LETRAS GALEGAS 2027


A RAG, vén de acordar, en sesión celebrada este mércores, 8/07/2026, que o persoeiro a homenaxear en 2027 e en particular o 17 de maio sexa: Xosé Neira Vilas.

Aquí en, "FACENDO CAMIÑO", o 27/11/2017, cando se cumprían dous anos do seu pasamento, incorporei un escrito que fai referencia ao día que nos visitou no CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo, e no que gabei a súa sinxeleza, calma, paciencia, sosego... en fin a súa humildade. Tamén comentei en tal escrito, que agardaba para EL, unhas Letras Galegas. Estas xa chegaron, e agardamos que o próximo ano a súa figura sexa eloxiada na forma, no xeito e na maneira da que se fixo acredor.

Logo desta visita a Cerdedo (21/04/2013), visitei na compañía da miña dona, Carmen, a Fundación Neira Vilas en Santiago de Gres, parroquia de Vila de Cruces, na casa natal de Xosé o día 25/10/2013.

Ali estaba, traballando, acompañado da súa Secretaria e, en canto nos viu e se decatou, preguntou se lera o escrito que publicara no Correo Galego, sobre a visita ao CEIP de Cerdedo. Ante a miña resposta negativa, ordenou á Secretaria que imprimira o texto. Escrito que conservo e que reproduzo de seguido:

DE TODO UN POUCO 21/04/2013

XOSÉ NEIRA VILAS

AGARIMO EN CERDEDO

Cerdedo é un concello pontevedrés de Terra de Montes. Intégrano oito parroquias, con algo máis de 2.300 habitantes. Fermosa terra de montaña, que preside o Monte do Seixo.

Nunca antes estivera alí. Todo vén a conto porque me fixeron unha entrañable homenaxe no Colexio San Xoán Bautista.

Fun recibido cordialmente polo director, Manuel Portas Espiña, un home con auténtica vocación pedagóxica, e polos mestres e mestras (algúns incluso xubilados, que asistiron para saudarme). Na biblioteca agardábanme nenos e nenas de tres anos en diante que me acolleron con tenra algarabía.

Vin nos corredores traballos dos alumnos sobre temas como a solidariedade, o amor á natureza, o compañeirismo, o trato aos animais... Na entrada atopeime cunha secuencia de debuxos e textos que percorren a miña biografía. Tamén unha exposición de libros meus. Máis adiante caricaturas feitas polos rapaces.

Na sala de música proxectaron máis imaxes sobre min, sobre todo da andaina americana. Foi moi rigorosa a busca dos mestres. As proxeccións ían motivando preguntas moi atinadas, que evidencian a eficiencia do labor da comunidade escolar.

Representaron, recitaron e cantaron poemas de Cantarolas, nunha admirable mostra teatral, por exemplo cando se abrazaban ó cantar "Amiguiños todos". Regaláronme un fermoso álbum con textos e debuxos sobre A marela tarabela. Pedíronme que lles dedicase libros, e algúns fóronme entregando debuxos persoais con palabras cariñosas. Unha nena deume unha macetiña cunha planta de amorodo. E a Dirección obsequioume unha vaca de cerámica. Na derradeira xantamos todos no Colexio.

Cerdedo é un exemplo de ensino infantil e de primaria, e os mestres e alumnos saben sentir e expresar agarimo. Fermoso día.

Nota: Foi mágoa que non mo asinara. Eu engadínlle unha nota que di:

Entregoumo Xosé Neira Vilas, na visita que fixemos á súa Fundación en Gres o 25/10/2013. e gárdoo no Libro seu: "Querido Tomás" que me asinou o día da visita a Cerdedo. Nel podemos ler: Para Rafael do seu amigo Xosé Neira Vilas. 18/v/13

rafadcg@r.gal

9/06/2026