OFICIOS
Hai uns días, visitei, na sede da Afundación, na praza de San Xosé en Pontevedra, no antigo Café Moderno, unha mostra de fotos titulada: "OFICIOS ENTRE LUSCO E FUSCO" do retratista Xosé Abad.
Deixarei dito que entendo pouco de fotografía e que non me atrae, quizais polo descoñecemento, na medida en que o fai a pintura. Mais, se non matinei sobre a calidade da exposición, si que o maxín estivo ocupado un tempo naquilo que a mostra aportaba: reflexión sobre a decadencia ou total desaparición en moitas aldeas e vilas de Galicia de tales oficios e da función que cumpliron como dinamizadores dunha sociedade tan escasa de recursos, cando menos, no tocante á miña acordanza de mediados do século pasado, ata que foron pouco a pouco esmorecendo, para quedar minimizados ou pasar a formar parte do cofre das lembranzas.
O xastre traballando, coa cinta métrica ao pescozo, o xiz na man para marcar por onde hai que cortar o pano, escuadro e regra sobre a mesa e a tesoira agardando o seu momento, leváronme con prontitude aos anos da infancia, cando na miña parroquia se contaban tres xastrerías, -hoxe non queda ningunha- cun mestre e varios operarios: Dúas na Chan e unha en Pazos. Eu frecuentaba a "Xastrería Jaime", que así se anunciaba na pequena praza do vello Concello de Cotobade. Recordo, e aí está o aspecto dinamizador, como a xente deixaba recados, paquetes ou obxectos para ser entregados a outra persoas; lembro os faladoiros, que se organizaban fóra cando o tempo o permitía, ou dentro na invernía. Neles escoitei e participei no comento das novas dos xornais, acudindo neste intre ao meu caletre: O "Diario de Pontevedra" que chegaba no cohe de liña pola tarde; o "Heraldo de Aragón" ao que estaba subscrito o veterinario, aragonés, Don Joaquín e que chegaba con varios días de retraso; Ou o "Ideal Gallego" que recibía Manuel Sarrapio, o carpinteiro con taller na Chan. Outra das actividades era facer o crucigrama, conxuntamente, quizais de aí me veña a teima. A televisión aínda estaba por chegar...
O canteiro, reducido case a traballos ornamentais, ao mudar o emprego da pedra polo formigón armado nas vivendas e tamén moi en líña co ferreiro, pois este, entre moitos outros labores da fragua, tiña que apuntar a diario: picos, punteiros, ciceis, facer ferraduras etc. A fragua do Señor Manuel "O ferreiro da Asperiña" que contaba tamén con empregados e aprendices sérvenos tamén de exemplo de centro aglutinador de servizos e lecer para a veciñanza que de paso aos traballos do campo, daba unha leria, quentábase no inverno, ou bebía auga fresca no verán da Mina da Braña, que o señor Manuel facía traer no porrón a algún dos seus aprendices. Verdadeiro Centro de contos e saber no que tamén se nos pedía, de cando en vez, que deramos unhas voltas ao ventilador, pois barquín non había na forxa, para avivar as chamas e elevar a temperatura do ferro que ía ser domeado na zafra. Como queda dito os traballos de fragua foron minguando. Morreu o patrón. O fillo foise a Cataluña. Anos máis tarde o local transformouse en quiosco de lambetadas e algo de material escolar coa construción da agrupación escolar no seu fronte. Un día destes pasei por alí e soamente queda o soar... A vella fragua xa non é.
A mostra continuaba cunha serie de oficios: artesán de selas, queixeira, tecedora, carpinteiro de ribeira, zoqueiro, cesteira etc. Todos nun camiño semellante aos expostos é unha conclusión final que copio literalmente: <<Os oficios retratados son parte dun pasado recente, do gusto polo ben feito, da profesionalidade dun tempo de traspaso de pais a fillos, pero que tamén poden ser presente e vangarda de movementos de recuperación da calidade e a orixinalidade, da personalización e defensa dos valores fundamentais.
Se cadra, neste tempo estamos a vivir os derradeiros intres da coexistencia entre dous modos de producir distintos, por iso é importante documentar este transito, esta decadencia en toda a súa beleza a piques de desaparecer con eles>>.
Aparece tamén o dilema: Recuperación/Desaparición. Algún caso coma o do zapateiro semella ter unha recuperación, quizais debida á crise ou ao declive do consumismo: usar e tirar.
En todo caso o tempo dictará sentenza nun sentido ou noutro. Agardemos.
2/05/2017