VAL DE LIÉBANA (1)

 Na tele están a retransmitir a Volta a España, corre o sete de setembro de 2017 e agárdase a chegada do pelotón ao mosteiro de Santo Toribio, concello montañés de Camaleño, sito nesta bela comarca do Val de Liébana, pertencente á Comunidade autónoma de Cantabria, aos pés do Parque Nacional Picos de Europa.

Con presteza, a miña atención séntese atraída, pois ademais do meu interés polo ciclismo, -algo mermado nos últimos anos, polo fenómeno da dopaxe- súmase neste día o feito de que este verán estiven de visita por esa Comarca na compaña de Carmen, a miña dona, e, dos amigos Celia e Peregrino.

Atravesan os ciclistas, neste intre, o desfiladeiro da Hermida, por onde flúe o río Deva; camiño tamén seguido por nós, nesta última estancia e que nos deixou ás portas de Potes, -principal vila da comarca e punto que utilizamos como base para percorrer o Val- logo de arrodear o Macizo dos Picos de Europa polo norte dende Cangas de Onís.

O primeiro que nos atopamos, unha vez rematado o paso da garganta, é a localidade de Lebeña, pertencente ao Concello de Cillórigo de Liébana, onde nos desviamos uns metros da estrada xeral para visitar a ben conservada Igrexa de Santa María, unha bela estampa da arte mozárabe, nun lugar dunha beleza excepcional, e no que logo dunha visita guiada pasamos uns intres marabillosos, facendo retratos, cacheando os arredores, descubrindo a torre-campanario (neo-mozarabe) próxima e unha oliveira e un texo (dous dos seus símbolos). A oliveira segue en pé, do texo quedan os restos do toco, e, ao seu carón plantouse unha pola, que se esta tratando de recuperar. Decontino paseamos pola aldea, falamos cun rapaz e cunha señora, a calor seguía apretando apesar do avanzado da tarde.

A vila de Potes, que nos acolleu o par de días que pasamos na zona, está atravesada polo río Deva, que aquí no centro da localidade, recibe as augas pola vertente esquerda do Quiviesa. Un paseo polas súas orelas, dotadas de paneis informativos, o deambular polo seu casco antigo: soportais, casonas blasonadas, monumentos..., e unha numerosa oferta de restaurantes, nos que en todos figuraba como primeira opción o cocido lebaniego, foinos achegando ao final desta xeira.

Na seguinte xornada e de mañá, visitamos o cercano Mosteiro de Santo Toribio, xa no concello de Camaleño, atopámolo abarrotado de peregrinos pois, ao ser este ano o día dezaseis de abril domingo é ano xubilar; este ano santo rematará no mesmo día de abril de 2018, data na que se pechará a porta santa. Visitamos o claustro que amosaba unha exposición de miniaturas sobre comentarios da Apocalipsis, retratámonos onda a fonte central cun fondo de hortensias, entramos pola porta santa, visitamos a igrexa e adentrámonos na capela barroca abovedada para contemplar o maior anaco que se conserva da cruz de Cristo, coñecido como "Lignum Crucis". Decontado, e xa no exterior achegámonos á ermita de San Miguel, proxima ao cenobio, para gozar das marabillosas vistas sobre Potes, ao regreso descansamos un anaco, nun punto próximo, dende o que divisabamos dúas caras do convento franciscano e comentamos sobra a súa beleza, maxestosidade e proporción de formas, así como da grande afluencia de visitantes, peregrinos, curiosos, ou crentes dispostos a oír misa e ganar o xubileo que se movían polo interior e polos seus arredores.

7/09/2017

rafadcg@r.gal