PONTES
Mentres agardo a chamada dun aparello, que me alertará, para que me achegue ao punto de inicio da ITV, reparo no nome da Estación: Ponte Bora, e matino non sobre unha ponte, que acabo de cruzar sobre o río Almofrei camiño deste Centro de Inspeción de vehículos na estrada de Marcón a Bora, senón tamén sobre as outras dúas existentes aquí na confluencia do Almofrei e do Lérez, unha sobre a nacional Ourense á Boa Vila e outra na Ponte Bora a Xeve.
A mañá e radiante, a primavera en forma de gamas de verde, aflora por todas partes e, en particular, maniféstase na vexetación que acolle a desembocadura do Almofrei no Lérez; o sol disipa os derradeiros restos de néboa coa que o encoro da zona nos agasalla moitas mañás do ano e presaxiamos un día primaveral excelente... Sigo pendente dun pitido que debe dar o aparello, sentado ao volante do Ford, considero a importancia das pontes, o que supuxeron e aportaron ao longo dos tempos para as comunicación, as veces, sen ir mái alá, que eu crucei esta de camiño cara Pontevedra... Repaso a variedade de pontes que o ser humano ideou ao longo dos tempos. E mentres agardo, sen saber como, estou a repasar as que lembro sobre este Río Almofrei, que rega as terras de Cotobade, dende o monte Seixo na parroquia de Caroi, ata que aquí entrega as augas ao Lérez, pasando pola miña parroquia natal, Carballedo, onde acolle a Piscifactoría Provincial, encargada de repoboar de troitas os ríos da Provincia.
Neste Almofrei pesquei, nel bañeime, nel dei de beber ao gando e nas súas orelas escoitei o canto de moitos paxaros, nas pouleiras ás que asistía para que as vacas pacerán, pillei saltóns cando é tempo e lin algún que outro libro, fun testemuña das súas enchentes e observei as súas estiaxes, nalgunhas ocasións acudín a algún muíño aos que aportas a túa forza motriz cun fol de gran de millo para transformalo en fariña. Amigo, grazas por formar parte da miña existencia.
Pii, pii, pii...., achéguese á entrada, porta número 2 e agarde... Pasada a revisión, na que perdín o fío das miñas lembranzas, satisfactoriamente, coloquei a pegatina no parabrisas e de camiño á casa percorrín virtualmente as pontes do mentado Río. Alguhnas, as máis que recordo unen estradas, outras, as menos, algún antigo camiño de carro, aparello en desuso e practicamente desaparecido no Concello e peza de museo neste século XXI. Así citarei: a que permite o paso de Caroi á Bouza do Home; a denominada Ponte Serrapio, na parroquia de Corredoira, lugar de gran beleza polo arco e pola paisaxe, sen contar que case sempre ao seu carón ingresaba algunha troita no cesto, nos xa afastados día de pescata polas súas marxes; a do Frade e a de Campodemán en Loureiro; a Pontenova, na estrada de Carballedo a Augasantas; a ponte de Sante, para uso de carros en Carballedo; a ponte Carballedo que comunica o barrio da Chan coa veciña parroquia de Rebordelo; augas máis abaixo a Ponte do Pozo Negro no camiño á parroquial de San Martiño; Pasadas as Lagoas atopamos a que comunica con Pazos da Ribeira e coa capela na honra de San Roque. Apartamos a estrada de camiño a Bora máis abaixo e cruzaremos unha bonita ponte medieval con arco oxival na estrada a Borela, moi preto a capela de Nosa Señora de Lourdes servelle de compaña, esta ponte atópase fóra de servizo e case a o seu carón unha moderna permite a comunicación ao centro da parroquia; a ponte medieval (Século XVI) en Almofrei, nun espectacular entorno, asentada sobre as mesmas rochas do río comunica co limítrofe concello de Pontecaldelas, achegándonos a Mirón; por último xa moi preto de entregar as augas ao Lérez pola esquerda en Bora a citada sobre a estrada Pontevedra-Ourense e a Bora-Marcón e augas arriba a ponte medieval das Leiras.
Son moi abundantes, en todo o seu curso, os muíños, de gran importancia en épocas pasadas, hoxe parados case na súa totalidade e non hai ponte que non se gabe de ter algún moi preto ou de ser portadora dalgún conto, lenda ou costume. Nalgunhas ocasións os muíños teñen nomes propios, mais tamén acostuman a tómalo da ponte próxima.
Na importancia que as comunicación tiveron e seguen a ter, para persoas e mercadorías, ocupan as pontes un destacado lugar, primeiro para salvar ríos e máis modernamente tamén, para salvar desniveis e facilitar a rapidez acercando os lugares.
Algunhas áreas recreativas, con lugares para o baño e o ocio: Na Chan en Carballedo, No Pozo Negro ou na Xesteira, así como unha pequena central eléctrica en Almofrei, son elementos tamén dignos de destacar no seu serpenteante fluír.
rafadcg@r.gal
12/04/2019