O LAMEIRA


             Hai tempo que tiña en mentes escribir unas liñas sobre o río Lameira. Hoxe percorro o curso das súas augas dende a desembocadura ata as inmediación do CEIP. Sequelo... Lameira ou Lameiriña, como é nomeado este regueiro ou pequeno río, forma xunto co Río Loira e co Regato da Mouta os principais leitos de auga doce da Municipalidade Marinense, vertendo ámbolos tres as súas augas directamente ao mar.

              O derradeiro tramo do Lameira, coñecido como a Banda do Río, foi tapado a mediados dos anos sesenta do pasado século, dende a Escola Naval Militar ata a Ponte Zapal. Con variadas remodelacións, ao longo dos anos, a urbanización deste espazo, acolle na actualidade un modificado tramo con: distintas castes de árbores, sentadoiros, un parque infantil, unha gasolineira e dúas rúas, cun grande desenvolvemento urbanístico en ámbalas marxes.

           O cauce do Lameira, neste tramo final, hoxe entubado, permanece na memoria de moitos veciños, que lembran con certa nostalxia: as pequenas embarcacións, o fluxo e o devalo das mareas, os pequenos peixes que por alí buligaban e, sobre todo, conservan na súa memoria, a imaxe das lavandeiras, dos tendais de roupa ao clareo ou a deloirar e enxugar penduradas de cordas suxeitas de poste a poste. Esta laboura, de lavar no río, dura onde as haxa, estaba encomendada ás mulleres. Algunhas xestionaban soamente a roupa familiar, mais outras eran profesionais do lavado e facíano, axeonlladas, durante horas e horas, para outras familias. Actualmente existen polo municipio distintos lavadoiros, nos que se pode lavar de pé, pero coa chegada das lavadoras mecánicas aos fogares e máis modernamente cos Centros de Lavado son cada vez menos as persoas que os usan. Desta actividade, deixan constancia unhas esculturas de mulleres con cestas de roupa ou en actitude de lavar, onde comenza o soterrado do Río, xunto cunha lenda do ano 2015, que reza: "Mulleres lavando no Río Lameira", sendo Alcalde de Marín, Antonio Santiago Fernández, máis coñecido por todos nós como: "Toneco".

           Quen percorra ete treito soterrado, atopará nas súas ribeiras: primeiro un monolito, en honor de Gago de Mendoza quen, á fronte das alarmas do Morrazo, conseguiu a liberación de Marín das tropas de Napoleón en 1809. De seguido, nesta mesma orela o pétreo e belo edificio da Praza de Abastos, que se comezou a construír en 1927 e foi posto en funcionamento en 1929, sendo Alcalde Ezequiel Massoni. Esta construcción que sufriu variadas reformas ao longo dos anos, goza dun marabilloso estado de conservación, facendo, un dos seus corpos laterais a función de espazo destinado a verduras, flores, hortalizas, etc., así como de local de multiusos: concertos, actuacións, bailes, festas, mitins...

              Dende a Ponte Zapal, seguiremos a nosa andaina o máis preto do Río, por un camiño en bo estado, pero moi angosto, pois non é posible facelo pola súa beira ata chegar ao amplo e fermoso lavadoiro do Souto, fronte por fronte con novo Centro de Saúde, onde poemos ler unha placa que, encabezada polo escudo de Galicia, di: -"Xunta de Galicia, Centro de Saúde de Marín" Das galegas e dos galegos de hoxe para a Galicia do mañá, Outubro de 2016-. Dende aquí, sempre paralelo ao Lameira, deixando á nosa esquerda a que foi barriada de suboficiais da Marina, cun extenso espazo verde e algúnhsas árbores, das que sobresaen algún salgueiros choróns, a coidada senda vainos achegando cara o noso destino, permitíndonos aínda recoñecer os restos de ao menos dous muíños e unha gran variedade de árbores e arbustos propios da vexetación de ribeira.

            Ao final, das que outrora foron casas militares, unha vía permítenos subir á rúa Jaime Janer, ou ben, como nosoutros facemos, seguir o cauce do río, agora á nosa esquerda, tratando de albiscar algunha troita, que foxe alertada pola nosa presenza, ou ben deterse uns intres na contemplación das hortas veciñais, limítrofes co Pabillón de deportes do Sequelo. O tramo final do noso percorrido, por unha pasarela de madeira, entre o Centro de Ensino e o río, seguramente nos deparará o voo dalgunha bolboreta, pardal ou ave semellante. Dende a entrada da porta principal que conduce ao Centro de Ensino, contemplaremos un cruceiro que custodia ao edificio. Aquí daremos por concluída esta agradable andaina, sen barullo de coches, polo sendeiro deste Río que, mainamente, avanza cara a desembocadura e nos aparta por uns intres do ruído urbano, permitíndonos entrar en contacto coa natureza.

rafadcg@r.gal

9/07/2020